Aproveitando que a primeiros deste mes recibín os 60 euros dos beneficios do concerto de Pablo Hasél, quero darvos as grazas por estes cartos e por todos os ingresos que me levades feito dende que o COMITÉ comezou o seu labor solidario. Sempre lle dou as grazas á miña querida Pepita [Josefa Seoande Vaz, nai dos presos políticos Paco e Suso Cela e de Carlos que tamén estivo preso nove meses], coa que falo todas as semanas por teléfono, pero nesta ocasión quero facervos chegar as miñas palabras de agradecemento a todas e cada unha das persoas que formades o COMITÉ. Moitas grazas.
Como ben sabedes, todos nós somos membros de familias traballadoras, e o feito de que teñamos que cumprir a nosa condena a centos de quilómetros da Galiza (eu atópome a máis de 1000 do Burgo, onde viven os meus pais), por mor da “política de dispersión” que o Estado fascista español ven aplicando contra o conxunto de presos políticos, supón unha enorme sangría económica para as nosas familias. Xa que logo, calquera axuda, por modesta que sexa, é moi importante para aliviar a castigada economía dos nosos familiares.
Ademais, teño que dicirvos que aquí dentro non se precisan moitos cartos, pero si que é imprescindíbel ter algo, aínda que sexa pouco. É imprescindíbel para poder chamar por teléfono, que é o único medio que temos para manter o contacto diario cos familiares e amigos que estades na rúa. E tamén é imprescindíbel para mercar comida, pois a comida da cadea, alén de que teña mellor ou peor sabor, ten moitas carencias dende o punto de vista nutricional: chega para no pasar fame pero non para manterse san.
Isto é moi importante, pois enfermar na cadea supón enfrontarse co grave problema da desatención sanitaria. Este é un problema xeral nas cadeas, pero agrávase moito no caso das presas e presos políticos, porque en moitos ocasións estes fascistas poñen todo tipo de trabas para impedir a atención médica dos presos enfermos, coa intención apenas disimulada de agravar a súas doenzas. Por iso… hai que coidarse!
Compañeiros e compañeiras, unha vez máis, moitos grazas por eses cartiños que con tanto esforzo e sacrificios conseguides enviarnos. Pero sobre todo, moitas grazas por estar aí, facéndonos chegar o voso apoio e cariño, e axudándonos a conseguir que os nosos berros de Resistencia rachen as reixas e balados, e non deixen de tronar nas rúas da Nosa Terra.
David Garaboa Bonillo
Preso Político de PCE(r)
Prisión de Villena, xaneiro 2012














