BIOGRAFÍAS

Garaboa naceu en 1973 na cidade holandesa de Nimegem (Holanda). Cando tiña apenas 5 anos os pais volveron da emigración e se instalaron no Burgo (A Coruña) onde residiu David dende entón. A súa familia débelle a honra que sempre mostrou por pertencer á clase obreira.

As primeiras experiencias militantes (e as primeiras porradas que recibe da policía) dánse no marco da manifestacións estudantís de finais dos 80. Dende entón David faise asiduo ás manifestacións, especialmente ás antimilitaristas e dos traballadores en loita. Con 20 anos faise, coma tantos outros, insubmiso. Pouco despois adhírese a ANOC (Asemblea Nacional de Obxección de Conciencia).

Pola mesma época e tras ler os relatos das brutais torturas policiais padecidas por varios militantes do PCE(r) e dos GRAPO, decide loitar no Movemento pola Amnistía e intégrase na ACPG (Asemblea para Ceibar aos Presos e Presas Políticos Galegos).

Poren, será cara o ano 1998 cando solicita o ingreso no PCE(r) tras unha progresiva toma de conciencia acerca da verdadeira esencia do sistema de explotación capitalista e asimilación práctica do marxismo-leninismo. Non menos decisivo foi o exemplo deses homes e mulleres do PCE(r) e dos GRAPO que non só falaban de Revolución, senón que loitaban por ela aínda que lles custara a cadea e incluso a vida.

David, que se librara audazmente da redada masiva contra o PCE(r) e os GRAPO de xullo de 2002, foi detido cando regresaba de Francia o 30 de maio de 2005. Foi torturado durante cinco días na comisaria de Barcelona. Porén, como el mesmo dixo con lexitimo orgullo: “non conseguiron dobrarme”. Os torturadores tiveron que interromper por dúas veces os interrogatorios para levalo ao hospital mais non foron quen de facelo confesar nin o seu propio nome.

Durante o xuízo, o militante revolucionario, negou ser membro dos GRAPO recoñecéndose unicamente como comunista e militante do PCE(r). Mais a condena esta xa ditada de antemán: 11 anos por militar no Partido e seis meses por levar un carné de identidade falso.

David Garaboa pasou polas cadeas de Soto de Real e Navalcarnero (ambas en Madrid), Dueñas (Palencia) e Villena (Alacant), onde se atopa actualmente a preto de mil quilómetros da Galiza. O militante galego esta clasificado en Primeiro Grao dentro do Réxime FIES o que carrexa un engadido de limitacións e restricións con especto ao réxime “normal”.

Ignacio Varela Gómez naceu en Plasencia (Cáceres) aínda que se criou e viviu toda a súa vida en Vigo. Fillo de un matrimonio de militantes revolucionarios galegos, dende neno coñeceu de preto a represión pois tanto o seu pai como a súa nai foron detidos e torturados en numerosas ocasións. Ignacio, “Nacho”, está actualmente preso en León e a súa nai Vitoria Gómez en Cáceres II, malia ter dereito a estar reagrupados nunha única prisión por ser familia directa.

Incorporado ao mundo febril vigués dende moi novo, toma rapidamente conciencia política e con algo máis de vinte anos comeza a simpatizar co PCE(r). Nesta organización política desenvolve unha intensa labor de propaganda e axitación na área de Vigo. Máis adiante dá o salto a militancia comunista e antifascista nos Grupos de Resistencia Antifascistas Primeiro de Outubro, GRAPO.

Detido no ano 2003, foi xulgado en febreiro de 2007 e condenado a 20 anos de cárcere aos membros por unha tentativa de expropiación en Leganés (Madrid). Nese mesmo ano foi condenado igualmente a once anos de prisión por pertencer aos GRAPO, documentación falsa e tenencia ilícita de armas.

Carmiña naceu en Vigo (Pontevedra) o 19 de setembro de 1954. De familia humilde e traballadora, a súa irmá Aurora -tamén presa política do PCE(r)- e ela viviron no barrio obreiro de Cabral moi influenciadas polas loitas proletarias. Obreira na fábrica de porcelana Álvarez na súa cidade, toma conciencia de clase e organízase en 1972 na Organización Obreira e na OMLG (Organización de Marxistas Leninistas de Galiza), participa nas loitas obreiras daqueles anos contra a explotación e represiónda etapa fascista de Franco.

En 1973 nace a súa filla Ángeles. O seu compañeiro Angel Collazo Arauxo, militante de GRAPO, rematou moi gravemente enfermo psiquiátrico tras a súa longa estanza en prisión. O seu cuñado Abelardo Collazo, líder natural do proletariado vigués, é morto pola policía o 29 de agosto de 1980.

No seu desenvolvemento da militancia comunista ingresa en 1975 no PCE(r), pero en setembro do 1977 é detida e acusada de colocación de explosivos. É de novo é detida en 1978, en outubro de 1979 e en outubro de 1980. Sae en liberdade e incorpórase  en GRAPO, sendo detida o 12 de setembro de 1983 nunha expropiación a un banco na Coruña.

Participa na folga de fame máis longa (435 días) dos presos e presas políticos pola reunificación entre novembro do 89 e febreiro de 1991. Nesta etapa da súa vida no cárcere falece a súa filla Ángeles en 1991 nun accidente de tráfico. Tiña 18 anos. Non só non lle permiten asistir ao enterro senón que castigárona e illaron aínda máis: “a crueldade de tantos miserables impúxose, os paladíns da inhumanidade, negáronme  un último bico, unha última caricia á miña pequena” contaba nunha estremecedora carta.

En 1997 detéctano unhas serias varices de necesaria operación, pero non lla realizan e despois de máis de 16 anos en prisión sae en liberdade o 14 de outubro de 1999 e incorpórase inmediatamente á loita comunista, sendo detida o 9 de xuño de 2006 en Reus (Tarragona).

Carmiña, que viña sufrindo dende anos un longo proceso de artrite e dexeneración ósea, sobre todo de cervicais, e que a garda civil coñecía á perfección, foi torturada de novo tras a súa nova detención. Foi torturada sobre todo con brutais golpes na cabeza e nas propias cervicais, ademais doutros por todo o corpo.

Condenada pola súa militancia no PCE(r) a 12 anos de cárcere, pola fascista Lei de Partidos. Pasou por numerosos cárceres, encontrándose na actualidade na de Puerto de Santa María III (Cádiz), a de Vigo, de onde é veciña.

Naceu en Vigo o 22 de xuño de 1960. E dos seus cincuenta anos de vida, hai que decir que a metade lévaos no cárcere. E coa disposición establecida pola Audiencia Nacional, en base a unha Sentencia da Sá do Penal do Tribunal Supremo, do 20 de febreiro do 2006, no tocante á refundición de condenas, que na práctica supón o cumprimento íntegro da pena para os procesados polo vello Código Penal, Xaime terá que cumprir trinta anos de prisión.

Se lle aplicasen o Código Penal que estaba vixente cando foi detido, en xaneiro de 1985, este galego de Vigo tería que ser excarcerado en xullo de 2006. Pero non foi así e actualmente está encarcerado na prisión de Sevilla, onde leva xa máis de sete anos. Aínda que non ten outras limitacións que as propias do réxime FIES e o estar afastado a case mil quilómetros de todos os seus familiares e amigos, aféctanlle excesivamente o estar baixo intervención de todas as comunicacións, pois todo iso imposibilítalle realizar e manter as relacións epistolares, etc, que recoñecen e outorgan as leis penais para todos os presos.  Chegou á prisión sevillana a mediados de febreiro de 2002, despois de pasar dez anos no Módulo de illamento de Puerto II. Antes da prisión portuense, estivo en Badaxoz. Nesta cadea foi na que rematou os máis de 435 días de folga de fame que realizaron todos os presos políticos do PCE(r) e dos GRAPO contra a política penitenciaria de dispersión e exterminio. Unha política represiva levada a cabo polos respectivos gobernos social-fascistas do GALoso F. González.

O seu traslado da prisión pacense a portuense foi decretado como medida de escarmento por denunciar a brutal malleira propinada por un funcionario a un preso social. O primeiro cárcere que coñeceu, tras ser detido en xaneiro de 1985, foi a sonada prisión de Carabanchel. Despois dunha curta estancia dunha semana naquela vella cadea, foi trasladado á de Soria, na que se atopaban reunificados todos os presos políticos do PCE(r) e os GRAPO, despois da dura e longa folga de fame realizada a finais dos anos setenta. Alí os presos desenvolvían as súas actividades diarias organizados na Comuna Carlos Marx até que, a mediados de mil novecentos oitenta e sete, o goberno GALoso puxo en práctica a política de dispersión.  Este primeiro período de encarceramento na prisión de Soria, que vai dende principios de 1987, alternouno con períodos de internamento na de Meco, xa que daquela aquela cadea era a cadea utilizada para asuntos xudiciais para todos os presos políticos. Polo seu ano de actividades armadas revolucionarias, tivo ducias de procesos xudiciais e fóronlle practicadas multitude de dilixencias para os mesmos.

Chámome Suso Cela Seoane. Nacín en A Xironda (Ourense) o 13 de decembro de 1964 e son veciño de A Coruña. Son un preso político, militante comunista, encarcerado por pertencer aos Grupos de Resistencia Antifascista Primeiro de Outubro (GRAPO). Fun detido por primeira vez en outubro de 1985, sendo posto en liberdade o 23 de xaneiro de 1990. O día que saín levaba 53 días en folga de fame pois estaba a participar na folga que o Colectivo de presos políticos do PCE(r) e dos GRAPO viñan levando contra a política de Dispersión do Goberno do PSOE.

Á semana de ser posto e liberdade, nun episodio de guerra sucia, fun secuestrado por un comando do GAL Verde (Garda Civil) que me retivo durante un día. En xullo dese mesmo ano, volvín a incorpor arme aos GRAPO, sendo detido en outubro de 1990. Nas dúas detencións fun torturado. Dende outubro de 1990 estou no cárcere, secuestrado “leGALmente”. Teño que decir que me foi imposta unha condena de 30 anos segundo estabelecía o Código Penal de 1973. Condena que rematei de cumprir en outubro de 2007. Malia ter cumprida a miña condena conforme as súas leis, sego retido ilegalmente en base a “Doutrina Parot”, invento xurídico creado para alongar a prisión de numerosos presos políticos.

Durante estes anos, pasei polas cadeas de Carabanchel, Soria, Alcalá Meco, Sevilla, Topas e Badajoz, na que me atopo dende hai quince anos. En canto ao réxime de vida, estamos clasificados en Primeiro Grao. Nesta cadea para non ternos a todos os presos políticos xuntos no Módulo de Illamento, téñennos en Módulos de “vida normal” mais con horario restrinxido. Saímos de 9 da mañá a 1 da tarde, e o resto do tempo pasámolo na cela. Temos prohibidas as saídas deportivas, a cursiños o calquera outro tipo de actividade. Só podemos saír do Módulo para as visitas e o médico.

Nos últimos tempos as comunicacións víronse reducidas á mínima expresión. Temos as comunicacións intervidas o que supón que che lean a correspondencia e escoiten o que dis por teléfono e nos locutorios. A intervención implica a retención das cartas durante 15-20 días. O que dificulta o contacto con familiares, amigos e xente da rúa en xeral. Máis aínda porque tamén están limitadas a dúas as cartas que se poden escribir.

Todo isto ten o súa orixe na Política de Dispersión que se iniciou no 87, coa que se racharon as Comunas de Presos Políticos malia a forte resistencia que lle opuxemos. As Comunas garantían o cumprimento dun mínimo de dereitos e podíamos realizar un modo de vida en prisión acorde a nosa militancia revolucionaria.

Naceu en Vigo o 15 de marzo de 1960, no seo dunha familia humilde e traballadora. O seu pai morreu o día 9 de xaneiro de 2011 en Vigo. Antonio Oliveira Castro, de 86 anos, foi xubilado da naval Freire viguesa e bo compañeiro. Olga ten dous fillos.

Traballadora e Solidaria cos presos políticos, organízase na ACPG durante os anos 80. Toma conciencia antifascista e a finais desa década incorpórase á organización guerrilleira GRAPO. É detida o 26 de outubro de 1990 en Madrid, xunto a outros 4 militantes. Torturada e encarcerada.

Desenvolveu numerosas folgas de fame pola brutal situación nos cárceres españois, percorreu unha decena de prisións (agora atópase na de Albolote, Selecta, a 2000 km. para as visitas desde Vigo).

Leva en prisión 20 anos e 7 meses, e pola aplicación da cadea perpetua de feito do Tribunal supremo estará 30 anos, ata 2020. En novembro de 2006 en Galiza varios colectivos formaron unha plataforma antirrepresiva denunciando a aplicación da “Doutrina Parot” de cadea perpetua para Olga. E non claudica da súa dignidade de prisioneira antifascista, fronte ao réxime carcerario de illamento e represión total.

Presa política galega detida en 17 decembro de 2003 por vinculación cos GRAPO, nunha operación na que se detén a dúas presoas máis, Francisco Rodríguez Muñoz e Ignacio Varela, en Madrid. Desde esa data permanence en prisión.

Nacín o 11 de novembro de 1964 nun pequeno pobo do sueste francés, onde os meus pais -emigrantes de Murcia- se erradicaron tras casar, para poder vivir. En 1972 regresamos todos a Murcia. Dende moi cría coñecín o mundo das drogas e en 1992, cunha filla e en prisión, dixéronme que era seropositiva.

Pateando patios de prisións foi quedando a xuventude e a droga seguía na miña vida. Nun deses patios, empecei a coñecer, charlar e fixen amizade con varias presas políticas. Empecei a ser consciente que eses encontros ían ser parte fundamental na miña vida. Da charla pasamos ao intercambio de pareceres, ás discusións (primarias ao principio) políticas, sociais… Deixei de consumir totalmente, e empecei a levar unha vida de dignidade e loita en 1993.

Fanme a vida imposible en prisión. Obrigáronme a tomar medicación psiquiátrica. Nun dos numerosos traslados, no cárcere de Murcia son golpeada por dous xefes de servizos e unha tropa de carcereiras… Unha desatención médica fíxome abortar soa nunha cela, e varios erros médicos foron entre outros os motivos polos que a miña saúde se foi deteriorando gravemente.

Pero non contaban con que, ademais da miña total resistencia ao seu intento de exterminio, a rúa, os e as compañeiras, a solidariedade, a denuncia, AFAPP, Salhaketa, Comités de presos… fixeron crecer unha campaña estatal esixindo a miña liberdade. Non me daban moito tempo de vida e a campaña fora un éxito total, con centenares de firmas, apoios… e en menos dun ano vinme na rúa. Saín en febreiro de 2000. Acolléronme en Galiza unha gran familia e aí comezou unha nova etapa para min. Puiden desenvolver a miña nova vida, intensamente. O tempo que pasei na legalidade foi dunha grande aprendizaxe humana e política. A primeiros de maio de 2001 incorporeime nun comando de GRAPO, plenamente consciente, orgullosa e convencida. Esa foi até o momento a mellor etapa da miña vida.  O 18 de xullo de 2002 fun detida pola G.C. en Vitoria, onde me achaba de paso. No  meu paso polas brutais torturas. Dende a miña entrada, e agora, penso que é época de loitar de novo dende estas trincheiras de formigón, prisión de kunda tras prisión, loita tras loita, día tras día. O meu estado de saúde é delicado, pois necesito transplante de fígado, que dende logo nestas casas non me van nin a realizar nin a permitir.

Os meus exemplos diarios son os que estiveron e están na miña vida e na miña loita e aqueles que deron a vida por e para ela.

Nacín o 7 de setembro de 1954 en Mugardos (A Coruña). Durante 1973, estudando na universidade de Compostela. Recibía propaganda da OMLE (Organización de Marxistas-Leninistas de España). En 1975, durante “O verán do terror” pasei a integrarme no recentemente reconstituído PCE(r). Por necesidades partidistas, deixei os estudos e o domicilio familiar.

En xaneiro de 1978 nace o meu fillo Ignacio, que pola súa propia conciencia política se converte anos máis tarde en militante revolucionario e que foi detido en 2003 cando formaba parte dun comando operativo dos GRAPO. En maio de 1979 son de novo detida na Coruña e paso tres meses presa. En novembro de 1980 detéñenme en Sevilla e paso 18 meses de prisión en Yeserías. En outubro de 1982 detéñenme de novo en Vigo como solidaria cos represaliados políticos e paso dous días presa, ao igual que outros moitos familiares e amigos dos presos políticos en varias partes do Estado.

Até 1985, sígome dedicando ao traballo de impresión e propaganda en varios aparatos, o do Comité Rexional de Asturias, no Comité Nacional de Galiza e outros. A partir de entón paso a tarefas organizativas. En xaneiro de 1985 foron detidos unha vintena de militantes clandestinos que me levou a facerme cargo dá estrutura clandestina do PCE(r) en Galicia.

Son detida a finais desa década, en decembro de 1989, en Betanzos (A Coruña) xunto ao camarada José Luis Elipe López, sendo xulgados na Audiencia Nacional por ser comunistas. Cáennos 4 anos de prisión a cada un. Condénannos por “colaboración con organización armada”, sen ningún tipo de probas, pois non ás había. Pero xa asentaran a primeira sentenza xudicial -calcada ao que hoxe coñecemos como “Ley de Partidos”.

Ao ingresar en prisión, 62 camaradas do PCE(r) e dos GRAPO e un anarquista, levaban xa un mes desenvolvendo a folga de fame contra a política de dispersión. Súmome a ela, e como a todos, aliméntanme á forza e trasládanme continuamente de prisión. Tras saír do cárcere en maio de 1993, en novembro reincorpórome á clandestinidade, esta vez en Francia como membro da Comisión de Organización do Comité Central do PCE(r).

En 1995 solicito o meu ingreso nos GRAPO e desvincúlome organicamente do PCE(r). En novembro 2000 son detida pola policía francesa ás ordes da Garda Civil en París. Condenada por “asociación de malfeitores” a 8 anos, paso seis anos nos cárceres de Fresnes e Rennes. Actualmente cumpro unha condena de 7 anos de prisión polo operativo dos GRAPO contra o Valle de los Caídos.

Son filla de emigrantes. O meu pai galego e fillo de labregos e a miña nai, andaluza, filla de pescadores, casaron en Suíza onde emigraran de mozos para fuxir da extrema pobreza da España franquista. De volta ao Estado recén morto o ditador, instaláronse na Coruña, onde nacín eu o 7 de decembro de 1980. Teño 29 anos polo tanto.

Comezando a traballar con 13 anos e vivindo nun ámbito onde estaban moi presentes os problemas sociais, cun certo nivel de conciencia, non é de estrañar que tamén para a militancia fose “prematura”. Con 15 anos frecuentaba os ambientes independentistas. Mentres estudaba, empecei a militar en “Estudantes Independentistas” e pouco despois nas JuGA, Juntas Galegas pola Amnistía.

Por aquel entón coñecín a militantes do PCE(r) e comecei a ler a súa propaganda, a participar en discusións políticas e pouco a pouco funme implicando máis. As miñas inquietudes políticas encamiñáranse máis ao plano nacional até entón, así que aqueles debates me estaban a achegar formulacións que resultaban da maior profundidade.

Como simpatizante, empecei a participar en distintas campañas políticas, e participei tamén en varias plataformas sociais e nun intento de organizar as Xuventudes Antifascistas. Aínda sen 18 anos pasei á militancia de pleno. Na Coruña participei numerosas veces na repartición da propaganda do PCE(r) ás portas das fábricas, e foi moi ilusiónante e reconfortante ver o bo grao de aceptación entre moitos obreiros.

En novembro de 2000 detiveron en Francia varios camaradas da Dirección do PCE(r), entre eles ao seu Secretario Xeral: Manuel Pérez Martínez, “Arenas”, e comezamos cun extenso traballo na campaña de denuncia. Actos con obreiros, con mozos, de difusión e denuncia, etc. E por outro lado reorganizar o traballo de Organización en si, tras as importantes caídas de revolucionarios. Así que recen cumpridos os 20 anos, xunto con outros camaradas, empezamos a impulsar a Organización de Galiza e trasladeime a vivir a Vigo.

Pero seguía sendo necesario recompoñer estruturas organizativas debilitadas tras as detencións e a campaña de criminalización posterior. Necesitábanse mans, cada unha e un ao seu nivel, e a miña decisión foi pasar á clandestinidade para incorporarme á Comisión de Organización. Fixen o “paso” o 2 de xullo de 2002, e o 18 de xullo, 16 días despois, detéñenme xunto á camarada Aurora Caetano cando saïamos dun piso en Madrid. A miña experiencia clandestina foi “efémera” por desgracia.

A de prisión está a ser algo máis prolongada. Coa lei de partidos ilegalizaron ao PCE(r) en 2003, pero xa inventáranse antes a amálgama “todo é GRAPO”, así que os militantes do PCE(r) rematamos condenados por “pertenza a banda armada”. No meu caso concreto caéronme en graza 8 anos por “pertenza” e outros 3 anos de propina por “documentación falsa”.

Nestes 8 anos de prisión que levo, pasei por 4 cárceres e por un par de módulos de illamento. Máis de tres deles levo clasificada en Primeiro Grao, con todo tipo de restricións, limitacións, gravación de visitas, etc. Pero todo iso non me impide tratar de levar unha vida o máis organizada e produtiva posible, así que fago deporte, estudo, lectura, correspondencia… e sobre todo seguir fortalecendo as miñas ideas e militancia, malia todos os impedimentos.

Levo 3 anos e medio sen compartir módulo con ningunha compañeira. A esta dispersión intercarceraria, súmaselle a dispersión dos nosos familiares e amigos, a centos de quilómetros da nosa terra e xente querida. Coa dificultade nas visitas, polos innumerables gastos, matadas de quilometraxe… A toda esa incomunicación obrigada engádeselle o intento de total illamento coa correspondencia limitada, intervida, retida ou simplemente “perdida”. Igual pasa coas chamadas telefónicas. Máis, con todo, non poden nin poden lograr que sigamos mantendo a nosa firmeza e actividade.

Paco Cela Seoane naceu en Verín (Ourense), o 29 de outubro de 1958 e veciño da Coruña. Comeza a súa loita e conciencia nos ambientes anarquistas, é detido e encarcerado. Dá o salto á necesidade de organizar os obreiros entorno ao PCE(r) nos anos 80. É detido no 1983 nunha acción dos contra o edificio da Facenda Pública, na súa cidade natal, denunciando a espoliación dos traballadores en beneficio dos capitalistas. Cumpriu unha condena de 22 anos de cárcere, participou na Folga de Fame máis longa da historia dos presos políticos pola reunificación e contra a dispersión. En Xuño do 2007 é detido de novo pola súa militancia comunista no PCE(r). Xulgado en abril de 2011 é condenado a 11 anos e oito meses de prisión.

Nacido en Angrois (Compostela) é detido en decembro de 2007, xunto con duas persoas máis, baixo a acusación de un delito de depósito de explosivos e tentativa de estragos, no marco de unha suposta  campaña independentista contra a especulación urbanística e a destrución do territorio.

Permanece en prisión preventiva até finais de 2009 sendo dispersado por cárceres de Madrid, León ou Palencia, sufrindo todo tipo de excepcionalidades e restricións, até ser torturado por carcereiros da prisión de Aranjuez, conforme recoñeceu o Tribunal Constitucional violando dereitos fundamentais do preso.

Aínda, é acusado de pertencer a unha organización chamada “Resistência Galega”, sen que este extremo puidera ser minimamente sostido pola Guarda Civil encargada da investigación. Finalmente é condenado pola Audiencia Nacional xunto con outro imputado a un ano de cadea, polo que tras pasar dous anos en preventiva sen ser xulgado é inmediatamente posto en liberdade.

Porén,  o Ministerio Fiscal recorre a sentenza e, nun sorprendente cambio de criterio dos tribunais, soben a pena a catro anos de prisión, sendo novamente detido, encarcerado e dispersado para cumprir a totalidade da pena imposta.

Veciño de Compostela, é detido en decembro de 2007 no mesmo operativo que Santiago Vigo, e outra persoa máis, baixo a acusación de un delito de depósito de explosivos e tentativa de estragos, no marco de unha suposta  campaña independentista contra a especulación urbanística e a destrucción do territorio.

Igualmente permanece en prisión preventiva até finais de 2009 sendo dispersado por diferentes penais do Estado. É constante durante a súa situación preventiva a aplicación de unha política penitenciaria especialmente gravosa.

Tamén acusado de pertencer a unha organización chamada “Resistência Galega”, sen se poder provar siquera a existencia da propia organización. É condeado pola Audiencia Nacional xunto con outro imputado a un ano de cadea, polo que tras pasar dous anos en preventiva sen ser xulgado é inmediatamente posto en liberdade.

Se ben tras o recurso do Ministerio Fical ao Triubunal Supremo volta ser condenado, neste caso à pena de catro anos de prisión, e novamente detido, encarcerado e dispersado para cumprir a totalidade da pena.

Detido en 15 de decembro de 2010 pola arbitrariedade derivada das leis antiterroristas na cidade de Vigo. Miguel Nicolás Aparicio é un mozo obreiro metalúrxico de Vigo afiliado ao sindicato soberanista CUT e activista social que foi detido baixo a fabricada acusación de participar en dúas “sabotaxes” contra instalacións do INEM (Instituto Nacional de Emprego) de Vigo e Porriño.

Após pasar 72 horas incomunicado na comisaría foi encarcerado na prisión da Lama, Pontevedra , acusado de terrorismo. Segundo as leis de excepción pode estar detido ata 2 anos sen ser previamente xulgado.  Ademais da solidariedade despregada polo movemento democrático e independentista galego, polas súas organizacións sociais e políticas, polas súas entidades de dereitos humanos, é preciso intensificar o clamor pola liberdade deste obreiro loitador galego inxustamente encarcerado.

Gabriel Pombo Da Silva

-Militante anarquista -

JVA Aachen, Krefelderstrasse 251

52070 AACHEN (Deutschland)

Histórico anarquista galego, nado en Vigo, que pasou máis de vinte anos en prisión, das cales a maioría foron no infame réxime de illamento FIES.

En outubro de 2004 escapou da prisión de Nanclares de Oca (Langraitz), e marchou fora do Estado. Gabriel é un dos rebeldes sociais que loitan desde fai anos contra as condicións brutais, o ilsolamento, tortura e os malos tratos dentro das prisións españolas. Participou en loitas en diferentes países, nomeadamente en Italia, onde foi acusado de pertenza a organización clandestina ben como de varias sabotaxes a grandes superficies comerciais. Logo de oito meses na clandestinidade, é detido tras unha espectacular persecución en territorio xermano xunto coa súa irmá e outros compañeiros anarquistas. Acusado de intento de atraco, intento de asasinato e secuestro, é sentenciado a 13 anos de cárcere. Desde entón participou en numerosas protestas e folgas de fame.

Ten publicado artigos e libros de temática carceraria, sen deixar indiferente a ninguén, reflexionando sobre temas como o nihilismo no que moitas veces nos vemos envolvidos, “co expor novas alternativas; sobre os diferentes xeitos de loita, e como hai que respectar cada unha, e aos compañeiros que se xogan a súa vida e liberdade nelas, xa que indistintamente de montaxes ou non montaxes, culpables ou inocentes son compañeiros, loitando pola mesma causa e contra o mesmo inimigo, o Estado”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 49 segidores