Archive for Maio, 2011

Maio 29, 2011

Nova sanción para a familia e solidarios con Diego Viña

A represión contra o movemento de protesta pola morte de Diego Viña, falecido no cuartel da Garda Civil de Arteixo en 2004, continúa. Logo da sanción a 12 persoas pola concentración no cárcere de Teixeiro en 2009 e o acoitelamento de 24 rodas de automóbiles do participantes na marcha. Logo da sanción a 52 persoas nunha nova concentración na prisión de Teixeiro de 2011. Logo da imputación penal á familia de Diego Viña e 9 solidarias por un delito de detención ilegal e contra a liberdade de culto, pola concentración do 12 de outubro de 2008… Agora ven de coñecerse unha nova sanción pola concentración do pasado do 12 de outubro celebrada diante da igrexa parroquial de Arteixo á saída da comitiva da Garda Civil.

Ante estes feitos tan graves, e ante a indignación e persecución que supón que sancionen penalmente a 60 persoas solidarias, incluídos os familiares de Diego Viña, este movemento de protesta convoca unha reunión co maior número de xente sancionada, familiares, amigos, colectivos, para o próximo 18 de xuño, ás 12:00 horas no local de Presos Galiza (rúa Domigo de Andrade 8 baixo, Compostela) para falar da unión de todas as forzas fronte a esta persecución, estabelecer unha estratexia común, axudar á xente sancionada xurídica, persoal e economicamente, e dar unha resposta de dignidade perante semellante atropelo.

Advertisements
Etiquetas:
Maio 25, 2011

XXI Cabodano da morte do preso político José Manuel Sevillano

José Manuel Sevillano Martín, “Sevi”, naceu en Marchena (Sevilla) o 21 de outubro de 1959. Alí cursou os seus primeiros estudos no colexio Juan XXIII e posteriormente no Instituto de Marchena, onde a súa mente esperta amigaba ben cos libros e os estudos. Porén, sempre se mostrou orgulloso de definirse como obreiro do campo.

Forma parte do Sindicato de Obreiros do Campo e dá vida e impulso ao Colectivo Cultural de Marchena. Tamén ingresa no Comité anti-OTAN daquela localidade.

Animado polos seus pais, vai a Sevilla a estudar a carreira de Dereito e é na capital onde contacta co PCE(r). Deixa a carreira no segundo curso e regresa a Marchena a traballar como o seu pai, de xornaleiro.

Xunto á súa compañeira, Rosario Narváez, o seu cuñado Antonio e a compañeira deste María Jesús Romero, pasan á clandestinidade en 1985 e ingresan nos GRAPO. A filla de Sevi e Rosa, Aida, nace na clandestinidade.

É detido en Granada nunha acción o 8 de decembro de 1986 e xulgado na Audiencia Nacional en 1988, condenado a uns escandalosos 26 anos por militancia armada, tenencia dunha pistola e expropiación a un banco.

Pasou pola tortura e polos cárceres de Granada, Soria e Meco.

O 30 de novembro de 1989 inicia xunto aos seus 60 camaradas presos a folga de fame contra a dispersión dos presos e presas políticas que durou 435 días. O 15 de maio de 1990, tras a tortuosa alimentación forzosa, ingresa grave no Hospital Penitenciario. O día 25 de Maio de 1990, morre tras 175 días en folga de fame.

Etiquetas:
Maio 22, 2011

Cúmprense seis anos do encarceramento de David Garaboa

O 30 de maio de 2011 cumpriranse seis anos dende que David fora detido en Port Bou (Girona) por efectivos da policía nacional. O militante do PCE(r) marchara á clandestinidade en 2001 logo de sufrir un continuado acoso policial consecuencia do seu labor de organización e propaganda comunista. Perruqueiro de profesión, levaba moitos anos traballando na capital herculina.

David, que se librara audazmente da redada masiva contra o PCE(r) e os GRAPO de xullo de 2002, era detido cando regresaba de Francia o 30 de maio de 2005. Puido ser prendido en territorio francés mais as autoridades daquel país preferiron deixarlle o traballo sucio ás forzas de seguridade españolas.

Garaboa foi torturado durante cinco días na comisaria de Barcelona. Porén, como el mesmo diría: “non conseguiron dobrarme”. Os torturadores tiveron que interromper por dúas veces os interrogatorios para levalo ao hospital mais non foron quen de facerlle confesar nin o seu propio nome. [Ver aquí en PDF: Declaración Torturas de David].

De insubmiso e solidario cos presos/as a militante comunista

Garaboa naceu en 1973 na cidade holandesa de Nimegem (Holanda). Cando tiña apenas 5 anos os pais volveron da emigración e se instalaron no Burgo (A Coruña) onde residiu David dende entón.

As primeiras experiencias militantes dánse no marco da manifestacións estudantís de finais dos 80. Dende entón David faise asiduo ás manifestacións, especialmente ás antimilitaristas e dos traballadores en loita. Con 20 anos faise insubmiso. Pouco despois adhírese a ANOC (Asemblea Nacional de Obxección de Conciencia).

Pola mesma época e tras ler os relatos das brutais torturas policiais padecidas por varios militantes do PCE(r) e dos GRAPO, decide loitar no Movemento pola Amnistía e intégrase na ACPG (Asemblea para Cebar aos Presos e Presas Políticos Galegos). Será cara o ano 1998 cando solicita o ingreso no PCE(r).

O Xuízo-farsa: máis do mesmo contra o PCE(r)

O xuízo-farsa polo que David Garaboa foi condenado a 11 e seis meses de prisión celebrouse na Audiencia Nacional en 2008. A petición fiscal foi de 14 anos de cadea por “integración en banda armada en calidad de dirigente”.

Durante o xuízo, Garaboa negou ser membro dos GRAPO recoñecéndose unicamente como comunista e militante do PCE(r). Mais a condena esta xa ditada de antemán: 11 anos por militar nese partido e seis meses por levar un carné de identidade falso.

Probas acerca da súa participación directa ou indirecta en accións guerrilleiras: ningunha. Feitos reprochábeis dende o punto de vista xurídico: escribir no boletín do PCE(r) “Resistencia”, documentos de tipo político, actas de reunións, entrevistas… En definitiva, acusábaselle de ser un militante revolucionario e por iso sería severamente castigado.

Cinco anos: catro cadeas

David Garaboa pasou polas cadeas de Soto de Real e Navalcarnero (ambas en Madrid), Dueñas (Palencia) e Villena (Alacant), onde se atopa actualmente a preto de mil quilómetros da Galiza. O militante galego esta clasificado en Primeiro Grao dentro do Réximen FIES o que carrexa un plus de limitacións e restricións con respecto ao réxime “normal”.

Para escribirlle:

DAVID GARABOA BONILLO

C.P. Alicante II (Aislamiento)

03400 VILLENA (Alacant)

Etiquetas:
Maio 16, 2011

Tres presos políticos galegos pendentes da sentenza do Tribunal Constitucional sobre a “Doutrina Parot”

Segundo informa o diario “El Pais”, o Tribunal Constitucional examina estes días a resolución dos recursos interpostos polos presos políticos aos que se lles prorrogou ilegalmente a detención coa chamada “Doutrina Parot”. O Tribunal Supremo aprobara en febreiro de 2006 unha “fórmula” para trocar o cómputo dos beneficions penitenciarios que o Código Penal de 1973 autorgaba a todos os presos e presas. Desa maneira, o Estado retrasaba a liberdade de numerosos presos nunha media de dez anos. Ou dito doutro xeito, estabelecía de facto, e con carácter retroactivo, a cadea perpetua encuberta (30 anos) para numerosos militantes revolucionarios. Tres deles son antifascistas galegos militantes dos GRAPO:

Xaime Simón Quintela, “Moreno”, é un dos presos políticos máis antigos de Europa. Naceu en Vigo o 22 de xuño de 1960 e dos seus cincuenta e un anos de vida, leva máis da metade no cárcere. Se lle aplicasen o Código Penal que estaba vixente cando foi detido, torturado e encarcerado en xaneiro de 1985, tería que ser excarcerado en xullo de 2006. Leva, pois, 5 anos secuestrado legalmente. Actualmente atópase na prisión de Sevilla II, a mil quilómetro da Galiza.

Suso Cela Seoane, naceu n’A Xironda (Ourense) o 13 de decembro de 1964 e é veciño da Coruña. Encarcerado por pertencer aos GRAPO, foi detido por primeira vez en outubro de 1985, sendo posto en liberdade o 23 de xaneiro de 1990. Á semana de ser posto e liberdade foi secuestrado por un comando do GAL Verde (Garda Civil) que o retivo durante un día. En xullo dese mesmo ano, volveu a incorporarse aos GRAPO, sendo detido en outubro de 1990. Nas dúas detencións foi torturado. Condenado a 30 anos, rematou de pagar a súa pena en outubro de 2007. Suso Cela está ilegalmente preso en Badajoz.

Olga Oliveira Alonso naceu en Vigo o 15 de marzo de 1960, no seo dunha familia humilde e traballadora. O seu pai morreu o día 9 de xaneiro de 2011 en Vigo. Antonio Oliveira Castro, de 86 anos, foi xubilado da naval Freire. Olga ten dous fillos. Traballadora e Solidaria cos presos políticos, organízase na ACPG durante os anos 80. Toma conciencia antifascista e a finais desa década incorpórase á organización guerrilleira GRAPO. É detida o 26 de outubro de 1990 en Madrid. Torturada e encarcerada. Leva en prisión 20 anos e 7 meses, e pola aplicación da cadea perpetua de feito do Tribunal Supremo estará 30 anos, até 2020. Actualmente áchase na prisión de Granada.

____________________________________________

Enlace de “El País”:

http://politica.elpais.com/politica/2011/05/15/actualidad/1305489372_443446.html

Etiquetas:
Maio 11, 2011

Carta de Miguel Nicolás, preso político galego

Atópome ben, chegáronme a torcerme un pouco o sorriso, pero tras volver acariciar as ás, que non conseguiron, nin conseguirán dobrar, volvín a encher a mirada co horizonte que procuro. Horizonte que nin barrotes, nin muros, lograrán desterrar a súa luz.

Aínda así… non todo o mérito foi meu. Tiven a sorte de contar co consello e tranquilidade de moitos presos, tanto vascos como de Isra [Israel Clemente, preso político dos GRAPO], e se sego en pé, incluso podería falar dunha pequena vitoria… Mais, antes de nada, situareime.

Escríbovos dende a cadea de Villabona, Asturies, no Módulo 8 (preventivos). A verdade é que cada carta que vos escribo soe ser dende novas circunstancias e non é que sexa moi normal, non? Aínda non levo 4 meses de secuestro, e xa me coñezo catro módulos e dúas cadeas… Así é a “xustiza” e así me tratan os que a ao servila convértena en mentira e ruindade.

O entrar intentaron mandarme para un Módulo Terapéutico deses, no que máis que un escarmento, semellaba coma un agasallo: biblioteca da hostia, cursos, actividades, hixiene, etc… Pero cando me dixeron as normas, axiña entendín que de agasallo nada… Ademais, esta cadea para nada foi escollida ao azar polos uniformados da Lama. Tratábase tamén dunha medida de incomunicación cos presos políticos doutros módulos e cadeas, que mediante a chantaxe igual crían que conseguirían lograr…

Coido que baixo ese destino trataban tamén de calar as miñas críticas ao réxime, xa que nas cartas intervidas non deixei de describir a realidade dos centros represivos coma o que son: centros de escarmento coa finalidade exclusiva da degradación da persoa, dentro dun ambiente insalubre, envolvido na drogadicción que o mesmo réxime fomenta e facilita para o control dos internos; así coma a humillación, o abuso, as malleiras indiscriminadas, os réximes de illamento onde as malleiras ademais convértense en tortura e un longo e aberrante etcétera, que todo preso pode contar.

Pois a cadea de Villabona é coma a árbore co que o sistema pretende agochar ese bosque, pero a realidade é tan putrefacta que a árbore cae polo seu propio peso. Os módulos do “Proxecto Home” son excepción coa que pretenden mediatizar como finalidade común dos centros de alienación e tortura, son o lado máis hipócrita que pretenden vender á opinión pública, son mentira…

Este cadea é coma o sistema capitalista, coma unha moeda, coma unha cara falsa pero astuta, e a cruz onde envían a quen cuspimos nela. E claro, dende a cruz escríbovos, dende un módulo de merda sen outra actividade que a de camiñar entre muro e muro, sen lugar para sentar a escribir con calma, cunha cela compartida cun compañeiro, ademais das cucarachas que saen de calquera recuncho…

Mais, sabedes? Nin me amarga, nin me preocupa, pois aínda que teña que camiñar entre merda, sego a camiñar coa cabeza erguida, e cun palpitar que aspira á altura humana dun revolucionario, coma o meu querido Telmo, coma Israel, coma os vascos, como tantas e tanto loitadores que admiro e dos que teño tanto que aprender, con Abelardo Collazo sempre presente… Pois mentres siga preso, o sistema xa non me estará escarmentando, se non dándome á oportunidade de formarme e fortalecerme…

(…) Moitas grazas e unha aperta a todos e todas.

Miguel Nicolás Aparicio


Etiquetas:
Maio 10, 2011

Recibimento de Ugio en Compostela

Etiquetas:
Maio 9, 2011

A viguesa Olga Oliveira leva máis de 20 anos en prisión

Naceu en Vigo o 15 de marzo de 1960, no seo dunha familia humilde e traballadora. O seu pai morreu o día 9 de xaneiro de 2011 en Vigo. Antonio Oliveira Castro, de 86 anos, foi xubilado da naval Freire viguesa e bo compañeiro. Olga ten dous fillos.

Traballadora e solidaria cos presos políticos, organízase na ACPG durante os anos 80. Toma conciencia antifascista e a finais desa década incorpórase á organización guerrilleira GRAPO. É detida o 26 de outubro de 1990 en Madrid, xunto a outros 4 militantes. Torturada e encarcerada.

Desenvolveu numerosas folgas de fame pola brutal situación nos cárceres españois, percorreu unha decena de prisións (agora atópase na de Albolote, Granada, a 2000 km. para as visitas desde Vigo).

Leva en prisión 20 anos e 7 meses, e pola aplicación da cadea perpetua de feito do Tribunal Supremo estará 30 anos, até 2020. En novembro de 2006 en Galiza varios colectivos formaron unha plataforma antirrepresiva denunciando a aplicación da “Doutrina Parot” de cadea perpetua para Olga. E non claudica da súa dignidade de prisioneira antifascista, fronte ao réxime carcerario de illamento e represión total.

Maio 5, 2011

Denegan asistir ao enterro do seu pai á presa política María José Baños

Cadrando cun novo traslado da presa política María José Baños Andujar da prisión de Castellón á de Valencia, acabamos de saber que o seu pai ven de finar e que non se lle autorizou a asistencia ao enterro. A presa política, natural de Murcia pero veciña da Coruña, atópase gravemente enferma pois ademais de ser portadora dende hai anos do VIH, precisa con urxencia someterse a un implante de baipás. Marijose xa fora trasladada hai pouco da cadea de Dueñas (Palencia) á de Castellón, onde estivo illada. A serie de traslados dunha a outra prisión -co conseguinte traslado de expedientes médicos, obriga de acudir a centros hospitalarios diferentes, pedir novas citas, etc- podería pór en perigo o tratamento médico e, en consecuencia, a precaria saúde da militante antifascista. O seu enderezo é:

María José Baños Andujar

Prisión de Picassent

46220 VALENCIA


Etiquetas: ,
Maio 4, 2011

Excarcerado Ugio Caamanho Santisso

Son poucas as ocasións nas que podemos anunciar boas novas neste WEB, a nosa función e a propia realidade represiva que vive o independentismo e en xeral o País non dá para grandes congratulacións. Esta é unha desas ocasións.

Logo de catro anos e nove meses de cativeiro e depois de ter sido dispersado polos cárceres de Navalcarnero, Soto del Real, Cáceres e Puerto de Santamaria, nesta mañá o militante independentista  abandonaba a prisión de Dueñas, Palencia. Familiares e amigos do ex-preso independentista agardábanno ás portas da cadea. Momentos depois tomaban rumo á Terra.

Ugio Caamanho fora condenado pola Audiencia Nacional por unha acción contra unha entidade bancaria na cidade de Compostela no ano 2005. Posteriormente foille imposta unha outra condena por tentativa de fuga do cárcere de Cáceres no ano 2007.

De Ceivar congratulámonos por esta nova excarceraçom e animamos a todas e todos a participar dun caloroso recibemento o sábado 7 de Maio ás 20:00 na Praza do Toural da capital galega.

www.ceivar.org

Etiquetas:
Maio 3, 2011

Entrevista a Pepe Balmón

Etiquetas:
Maio 3, 2011

Crónica dun xuízo-farsa. Paco Cela Seoane

Sóbenme dos calabozos da Audiencia Nacional á sala onde se vai celebrar o xuízo. Reencóntrome cos camaradas. A emoción que nesa apertas se desata, a ledicia que se desborda, o sorriso, as palabras entrecortadas. Como dixo Julius Fucik: “alí onde dous comunistas ou revolucionarios se xunten, así sexa no mesmo inferno dos calabozos policiais, de inmediato emerxe e se arma a Comunidade dos Celebrantes da Vida, da Loita, do Amor, a celebración dos ideais nos que ardemos e que son os que acenden nas nosas pupilas a luz e o brillo de madrugada.”

Os Tribunais, como os hospitais, teñen un non sei que de tristura suspendida no ar, un non sei que de atmosfera ameazante, como fíos de coitelos asexantes. E cando o Tribunal é de Excepción para amordazar a boca e o berro da Revolución, o que se persegue e condena é a ousadía dos parias e os desherdados da terra de lanzarse á tomar o ceo por asalto.

Decrétase Sesión Pública e a nosa xente comeza a entrar na Sala. Vexo entrar a Susana e María José, radiantes; a Xan, Brais, Bugui, Oscar, David e Javi, que me saúdan puño en alto; a Vanessinha, a miña pitufiña, que me aperta co seu sorriso entrañábel; aos país de David Garaboa, a Pili e Santiago, que tanta ledicia me produce velos; a Chemari e Antón, que sempre acoden á cita coa Solidariedade; a miña nai, sempre aí, de pé, enteira, toda una vida xa seguíndome de xuízo en xuízo e de cadea en cadea; ao meu irmán Carlos, o pequeno, o que tiña tan só 8 anos cando me fun por primeira vez á clandestinidade.

Retrocede a historia suspendida no ar, retrocede a atmosfera ameazante e se desvanecen os fíos dos coitelos asexantes. Un sol fraternal e solidario ábrese paso na Sala e todo se volve cálido, entrañábel, próximo.

Principia o xuízo. Chámanos a declarar. Nin una soa acusación de delito concreto, ningunha proba, tan só meras e até disparatadas conxecturas. Declara Manuel Arango, militante do PCE( r ), 62 anos, case corenta de militancia; detido e encarcerado por primeira vez no ano 1974. Declara Lucio Blanco, militante do PCE( r), 60 anos, máis de 30 anos de militancia; detido e encarcerado por primeira vez en 1979. Declara Isabel Aparicio, militante do PCE( r ), 58 anos, máis de 35 anos de militancia, detida e encarcerada por primeira vez en 1981. Declara Paco Cela, militante do PCE( r ), 52 anos, máis de 30 anos de militancia; detido e encarcerado por primeira vez en 1981. Ademais, Israel Clemente e Xurxo Gracia, militantes dos GRAPO, condenados a 40 anos de cadea.

En cada declaración vaise despregando una vida entregada en corpo e alma á Revolución, á defensa intransixente dos intereses da nosa clase, sempre na primeira liña de combate; da clandestinidade aos calabozos policiais, dos calabozos policiais a cadea; tras 12, 15, 20 anos de cárcere, de novo á clandestinidade, de novo a seguir empurrando do carro da Historia.

Todos os militantes do PCE ( r), recoñecémonos e reivindicamos como comunistas e como tales non agochamos nin os fins que perseguimos nin os medios que empregamos para acadalos. Propoñémonos e propugnamos abertamente, a través dunha estratexia de Guerra Popular Prolongada, a insurrección armada da clase obreira e as masas populares para destruír o Estado burgués, instaurar a ditadura do proletariado, construír o Socialismo e encamiñarnos cara a sociedade comunista, sen clases e sen Estado, onde sexa posíbel inzar a bandeira de: “ de cada un segundo as súas capacidades, a cada cal segundo as súas necesidades”.

Mais o PCE( r ) non empuña as armas nin práctica a loita armada porque non é o seu cometido, non é o papel que ten asignado na grande obra de organizar a Revolución. Xa que logo, é absolutamente falsa a acusación que se nos fai de ser integrantes dunha organización armada; falsa acusación pola que nos piden 12 anos.

Ao final da segunda sesión do xuízo, o Xuíz concedeunos 5 minutos para saudar aos amigos. Vexo entrar a Oscar, a Bugui, a Brais. Fúndome con eles nunha tremenda, cálida, entrañábel, interminábel aperta. E nesa aperta, aperto a todos os que estabades e a todos os que non puideron vir. E tamén, por un intre, a través das anchas alamedas desa aperta, fuxo e volvo a camiñar ceibe polas rúas da Coruña, volvo a sentir e ulir o seu mar, báñome na ledicia dos seus días claros. A vida e a loita ensináronme a non ollar para atrás coa inútil tristura das lembranzas, a perseguir a ruptura que me empuxa cara ao novo, cara ao que nace; pero vós, a miña xente, sodes un inmenso mar azul ao que sempre volvo e no que algún día quixera apagarme.

Condenarannos. Unha vez máis, volveremos a cumprir outro bo número de anos de cadea, de illamento, de represión, de soidades. Arregarásenos a pel, porásenos o cabelo aínda máis branco. Mais, tal vez con sesenta, con setenta, con setenta e tantos anos, sempre que a nosa quebrantada saúde nolo permita, algún dia, algún ano ou século destes, volveremos, regresaremos ao seo da nosa clase e do noso pobo sen ter arriado nin una soa das bandeiras que nos puxestes nas nosas mans, intacta a chama e o fogo que aviva o mundo novo que xa palpita nos nosos peitos.

Paco Cela Seoane

Preso político do PCE ( r )

Prisión de Valdemoro a 1 de marzo de 2011

Etiquetas:
Maio 3, 2011

Primeiro de Maio de Loita, por que?

Hai 5 millóns de parados,hai precariedade e indefensión para os que traballan, hai explotación, miseria, pobreza… por que?

Hai grandes millonarios, máxima ganancia dos monopolios, hai unha absoluta corrupción das institucións do sistema político, hai guerras imperialistas de rapina contra os pobos, hai miles de despidos, hai loita de clases, hai loita contra os abusos, pola dignidade e para que non nos rouben dereitos, por que?

Hai explotación e represión contra os traballadores-as que loitan polos dereitos laborais dos que nos despoxan no nome da súa santa “democracia”, disque en nome de “reformas laborais” e” polo ben das futuras xeneracións”, mentres eles, os grandes bancos, monopolios, gañan miles de millóns de euros. Un exemplo: o soldo dun directivo deses grandes “voitres” en un só ano equivale a dúas vidas laborais (80 anos) de un obreiro de soldo medio-alto de 20.000 euros ao ano. Por que?

Hai represión contra as persoas e organizacións comunistas, antifascistas, independentistas, antiimperialistas, anarquistas,… Hai leis represivas de carácter fascista como a Lei de Partidos, a “Doutrina Parot” do Tribunal Supremo, lei antiterrorista, que son todas de excepcionalidade demostrando que a esencia da constitución é fascista, pois non deixa a máis mínima posibilidade para exercer de oposición política a todo o que significa a súa “democracia”. Por que?

Os presos políticos existen, non por unha cuestión de métodos de loita (a violencia revolucionaria, que é un dereito universal e lexítimo, por exemplo), senón porque non acatan nin comungan coas sonadas “rodas de muíño” apuntadas máis arriba. Máis aínda, non tragan coa Constitución, nin coa monarquía. E loitan pola República Popular e o Socialismo. Como ben din os presos-as: os métodos non son un principio irrenunciable o demais que acabamos de dicir si o é.

Entón, por que están no cárcere, xa coa condena cumprida, entre outros moitos: Xaime Simón “Moreno”, con 26 anos na cadea; Olga oliveira, 21 anos; Suso Cela 21 anos,… os presos-as enfermos graves; Laureano Ortega “Gorka”,19 anos , enfermo do corazón en illamento; Paco Cela 12 anos e 4.300 euros de multa, enfermo de diabete severa en illamento; Manuel “Arenas”, enfermo con limitación grave da vista; Manuel Arango 12 anos e multa de 4300, enfermo crónico e outros moitos? Os presos-as que están unicamente pola súa militancia política no PCE(r), é dicir que non foron condenados por ningunha acción armada de ningún tipo: Manuel P. M. “Arenas”, de 67 anos de idade, leva 18 anos preso, único Secretario Xeral dun partido comunista preso en Europa; Aurora Cayetano a 12 anos de prisión, e multa de 3.000 euros; Yolanda F. Caparros, a 12 anos e multa de 3.000 euros; Carme Cayetanoa 12 anos e multa de 3.000 euros; Isabel Aparicio 12 anos e multa de 4300; así ata 14 militantes comunistas. Por que?

Berramos contra este sistema político, que somete a explotación e represión aos traballadores e aos presos políticos cunha política do goberno baseada na estratexia de ou te arrepintes ou te exterminamos. Temos que dar pasos e non só denunciar, senón tamén facerlles sentir o noso desprezo, que saiban que non os tragamos, e illalos, con o boicot activo e consciente, isto é, non votar na próxima farsa electoral do 22 de maio: darlle as costas a este sistema corrupto cunha folga xigante de electores.

Viva o Primeiro de Maio!

Pola República Popular e o Socialismo!

Liberdade presos e presas políticos!

Boicot á farsa electoral!

Comités por un Socorro Roxo Internacional

Etiquetas:
Maio 3, 2011

A Audiencia Nacional condena a Paco Cela a 11 anos e 8 meses de cárcere

A Audiencia Nacional ven de facer pública a sentenza contra os militantes do Partido Comunista de España (Reconstituído) Manuel Arango Riego, Isabel Aparicio, Lucio Garcíae Paco Cela. Todos eles foron condenados a máis de dez anos de prisión e multa de 4.320 euros por un delito de “integración en organización terrorista e outro continuado de falsidade en documento oficial”. Tamén foron condenados a doce e dez anos os militantes dos GRAPO Israel Clemente e o vigués Xurxo Garcia.

Por se houbera algunha dúbida, con esta sentenza os xuíces da Audiencia Nacional ratifican as palabras do Ministro Rubalcaba no sentido de que a estratexia represiva do Estado non mudou un milímetro nos últimos tempos. Unha estratexia que segue a ser a mesma de sempre, tanto fóra das cadeas (detencións, torturas, condenas…), dentro delas (dispersión, illamento, provocacións…) como “dentro-fóra”, tal e como estamos a ver coa persecución que seguen a sufrir os presos políticos (antes Iñaki de Juana, agora Troitiño) que son liberados unha vez cumprida a súa condena.

Unha vez máis evidénciase con toda claridade que contra o que o Estado loita non é unicamente contra as organizacións armadas senón sobre todo contra as ideas e os obxectivos políticos que defenden tanto elas coma amplos sectores populares. A antiga Batasuna ou o PCE(r), por pór algún exemplo, nunca practicaron a loita armada. Porén, o noso veciño Paco, ven de ser condenado a case doce anos de prisión por militar nese partido; unha “organización” que para a Audiencia Nacional é tan “terrorista” coma os propios Grupos de Resistencia Antifascista Primeiro de Outubro, GRAPO.

A conclusión é clara: temos presos e presas políticas para longo. E non só iso, senón que haberá cada vez máis, pois as causas que explican a súa existencia (a falta de dereitos políticos, sociais, sindicais; a represión; as leis de excepción, etc) non só non desaparecen senón que se están a acentuar coa crise xeral do capitalismo e do propio Estado español. Xa que logo, non queda máis alternativa que perseverar na loita pola Amnistía Total. Non hai outro camiño que o da resistencia e a denuncia dos atropelos que sofren tanto os presos e presas políticas como todos aqueles sectores populares que non tragan co sistema e se enfrontan consecuentemente a el.

Na Coruña, Primeiro de Maio 2011

Etiquetas: ,
%d bloggers like this: