Archive for Maio 3rd, 2011

Maio 3, 2011

Entrevista a Pepe Balmón

Etiquetas:
Maio 3, 2011

Crónica dun xuízo-farsa. Paco Cela Seoane

Sóbenme dos calabozos da Audiencia Nacional á sala onde se vai celebrar o xuízo. Reencóntrome cos camaradas. A emoción que nesa apertas se desata, a ledicia que se desborda, o sorriso, as palabras entrecortadas. Como dixo Julius Fucik: “alí onde dous comunistas ou revolucionarios se xunten, así sexa no mesmo inferno dos calabozos policiais, de inmediato emerxe e se arma a Comunidade dos Celebrantes da Vida, da Loita, do Amor, a celebración dos ideais nos que ardemos e que son os que acenden nas nosas pupilas a luz e o brillo de madrugada.”

Os Tribunais, como os hospitais, teñen un non sei que de tristura suspendida no ar, un non sei que de atmosfera ameazante, como fíos de coitelos asexantes. E cando o Tribunal é de Excepción para amordazar a boca e o berro da Revolución, o que se persegue e condena é a ousadía dos parias e os desherdados da terra de lanzarse á tomar o ceo por asalto.

Decrétase Sesión Pública e a nosa xente comeza a entrar na Sala. Vexo entrar a Susana e María José, radiantes; a Xan, Brais, Bugui, Oscar, David e Javi, que me saúdan puño en alto; a Vanessinha, a miña pitufiña, que me aperta co seu sorriso entrañábel; aos país de David Garaboa, a Pili e Santiago, que tanta ledicia me produce velos; a Chemari e Antón, que sempre acoden á cita coa Solidariedade; a miña nai, sempre aí, de pé, enteira, toda una vida xa seguíndome de xuízo en xuízo e de cadea en cadea; ao meu irmán Carlos, o pequeno, o que tiña tan só 8 anos cando me fun por primeira vez á clandestinidade.

Retrocede a historia suspendida no ar, retrocede a atmosfera ameazante e se desvanecen os fíos dos coitelos asexantes. Un sol fraternal e solidario ábrese paso na Sala e todo se volve cálido, entrañábel, próximo.

Principia o xuízo. Chámanos a declarar. Nin una soa acusación de delito concreto, ningunha proba, tan só meras e até disparatadas conxecturas. Declara Manuel Arango, militante do PCE( r ), 62 anos, case corenta de militancia; detido e encarcerado por primeira vez no ano 1974. Declara Lucio Blanco, militante do PCE( r), 60 anos, máis de 30 anos de militancia; detido e encarcerado por primeira vez en 1979. Declara Isabel Aparicio, militante do PCE( r ), 58 anos, máis de 35 anos de militancia, detida e encarcerada por primeira vez en 1981. Declara Paco Cela, militante do PCE( r ), 52 anos, máis de 30 anos de militancia; detido e encarcerado por primeira vez en 1981. Ademais, Israel Clemente e Xurxo Gracia, militantes dos GRAPO, condenados a 40 anos de cadea.

En cada declaración vaise despregando una vida entregada en corpo e alma á Revolución, á defensa intransixente dos intereses da nosa clase, sempre na primeira liña de combate; da clandestinidade aos calabozos policiais, dos calabozos policiais a cadea; tras 12, 15, 20 anos de cárcere, de novo á clandestinidade, de novo a seguir empurrando do carro da Historia.

Todos os militantes do PCE ( r), recoñecémonos e reivindicamos como comunistas e como tales non agochamos nin os fins que perseguimos nin os medios que empregamos para acadalos. Propoñémonos e propugnamos abertamente, a través dunha estratexia de Guerra Popular Prolongada, a insurrección armada da clase obreira e as masas populares para destruír o Estado burgués, instaurar a ditadura do proletariado, construír o Socialismo e encamiñarnos cara a sociedade comunista, sen clases e sen Estado, onde sexa posíbel inzar a bandeira de: “ de cada un segundo as súas capacidades, a cada cal segundo as súas necesidades”.

Mais o PCE( r ) non empuña as armas nin práctica a loita armada porque non é o seu cometido, non é o papel que ten asignado na grande obra de organizar a Revolución. Xa que logo, é absolutamente falsa a acusación que se nos fai de ser integrantes dunha organización armada; falsa acusación pola que nos piden 12 anos.

Ao final da segunda sesión do xuízo, o Xuíz concedeunos 5 minutos para saudar aos amigos. Vexo entrar a Oscar, a Bugui, a Brais. Fúndome con eles nunha tremenda, cálida, entrañábel, interminábel aperta. E nesa aperta, aperto a todos os que estabades e a todos os que non puideron vir. E tamén, por un intre, a través das anchas alamedas desa aperta, fuxo e volvo a camiñar ceibe polas rúas da Coruña, volvo a sentir e ulir o seu mar, báñome na ledicia dos seus días claros. A vida e a loita ensináronme a non ollar para atrás coa inútil tristura das lembranzas, a perseguir a ruptura que me empuxa cara ao novo, cara ao que nace; pero vós, a miña xente, sodes un inmenso mar azul ao que sempre volvo e no que algún día quixera apagarme.

Condenarannos. Unha vez máis, volveremos a cumprir outro bo número de anos de cadea, de illamento, de represión, de soidades. Arregarásenos a pel, porásenos o cabelo aínda máis branco. Mais, tal vez con sesenta, con setenta, con setenta e tantos anos, sempre que a nosa quebrantada saúde nolo permita, algún dia, algún ano ou século destes, volveremos, regresaremos ao seo da nosa clase e do noso pobo sen ter arriado nin una soa das bandeiras que nos puxestes nas nosas mans, intacta a chama e o fogo que aviva o mundo novo que xa palpita nos nosos peitos.

Paco Cela Seoane

Preso político do PCE ( r )

Prisión de Valdemoro a 1 de marzo de 2011

Etiquetas:
Maio 3, 2011

Primeiro de Maio de Loita, por que?

Hai 5 millóns de parados,hai precariedade e indefensión para os que traballan, hai explotación, miseria, pobreza… por que?

Hai grandes millonarios, máxima ganancia dos monopolios, hai unha absoluta corrupción das institucións do sistema político, hai guerras imperialistas de rapina contra os pobos, hai miles de despidos, hai loita de clases, hai loita contra os abusos, pola dignidade e para que non nos rouben dereitos, por que?

Hai explotación e represión contra os traballadores-as que loitan polos dereitos laborais dos que nos despoxan no nome da súa santa “democracia”, disque en nome de “reformas laborais” e” polo ben das futuras xeneracións”, mentres eles, os grandes bancos, monopolios, gañan miles de millóns de euros. Un exemplo: o soldo dun directivo deses grandes “voitres” en un só ano equivale a dúas vidas laborais (80 anos) de un obreiro de soldo medio-alto de 20.000 euros ao ano. Por que?

Hai represión contra as persoas e organizacións comunistas, antifascistas, independentistas, antiimperialistas, anarquistas,… Hai leis represivas de carácter fascista como a Lei de Partidos, a “Doutrina Parot” do Tribunal Supremo, lei antiterrorista, que son todas de excepcionalidade demostrando que a esencia da constitución é fascista, pois non deixa a máis mínima posibilidade para exercer de oposición política a todo o que significa a súa “democracia”. Por que?

Os presos políticos existen, non por unha cuestión de métodos de loita (a violencia revolucionaria, que é un dereito universal e lexítimo, por exemplo), senón porque non acatan nin comungan coas sonadas “rodas de muíño” apuntadas máis arriba. Máis aínda, non tragan coa Constitución, nin coa monarquía. E loitan pola República Popular e o Socialismo. Como ben din os presos-as: os métodos non son un principio irrenunciable o demais que acabamos de dicir si o é.

Entón, por que están no cárcere, xa coa condena cumprida, entre outros moitos: Xaime Simón “Moreno”, con 26 anos na cadea; Olga oliveira, 21 anos; Suso Cela 21 anos,… os presos-as enfermos graves; Laureano Ortega “Gorka”,19 anos , enfermo do corazón en illamento; Paco Cela 12 anos e 4.300 euros de multa, enfermo de diabete severa en illamento; Manuel “Arenas”, enfermo con limitación grave da vista; Manuel Arango 12 anos e multa de 4300, enfermo crónico e outros moitos? Os presos-as que están unicamente pola súa militancia política no PCE(r), é dicir que non foron condenados por ningunha acción armada de ningún tipo: Manuel P. M. “Arenas”, de 67 anos de idade, leva 18 anos preso, único Secretario Xeral dun partido comunista preso en Europa; Aurora Cayetano a 12 anos de prisión, e multa de 3.000 euros; Yolanda F. Caparros, a 12 anos e multa de 3.000 euros; Carme Cayetanoa 12 anos e multa de 3.000 euros; Isabel Aparicio 12 anos e multa de 4300; así ata 14 militantes comunistas. Por que?

Berramos contra este sistema político, que somete a explotación e represión aos traballadores e aos presos políticos cunha política do goberno baseada na estratexia de ou te arrepintes ou te exterminamos. Temos que dar pasos e non só denunciar, senón tamén facerlles sentir o noso desprezo, que saiban que non os tragamos, e illalos, con o boicot activo e consciente, isto é, non votar na próxima farsa electoral do 22 de maio: darlle as costas a este sistema corrupto cunha folga xigante de electores.

Viva o Primeiro de Maio!

Pola República Popular e o Socialismo!

Liberdade presos e presas políticos!

Boicot á farsa electoral!

Comités por un Socorro Roxo Internacional

Etiquetas:
Maio 3, 2011

A Audiencia Nacional condena a Paco Cela a 11 anos e 8 meses de cárcere

A Audiencia Nacional ven de facer pública a sentenza contra os militantes do Partido Comunista de España (Reconstituído) Manuel Arango Riego, Isabel Aparicio, Lucio Garcíae Paco Cela. Todos eles foron condenados a máis de dez anos de prisión e multa de 4.320 euros por un delito de “integración en organización terrorista e outro continuado de falsidade en documento oficial”. Tamén foron condenados a doce e dez anos os militantes dos GRAPO Israel Clemente e o vigués Xurxo Garcia.

Por se houbera algunha dúbida, con esta sentenza os xuíces da Audiencia Nacional ratifican as palabras do Ministro Rubalcaba no sentido de que a estratexia represiva do Estado non mudou un milímetro nos últimos tempos. Unha estratexia que segue a ser a mesma de sempre, tanto fóra das cadeas (detencións, torturas, condenas…), dentro delas (dispersión, illamento, provocacións…) como “dentro-fóra”, tal e como estamos a ver coa persecución que seguen a sufrir os presos políticos (antes Iñaki de Juana, agora Troitiño) que son liberados unha vez cumprida a súa condena.

Unha vez máis evidénciase con toda claridade que contra o que o Estado loita non é unicamente contra as organizacións armadas senón sobre todo contra as ideas e os obxectivos políticos que defenden tanto elas coma amplos sectores populares. A antiga Batasuna ou o PCE(r), por pór algún exemplo, nunca practicaron a loita armada. Porén, o noso veciño Paco, ven de ser condenado a case doce anos de prisión por militar nese partido; unha “organización” que para a Audiencia Nacional é tan “terrorista” coma os propios Grupos de Resistencia Antifascista Primeiro de Outubro, GRAPO.

A conclusión é clara: temos presos e presas políticas para longo. E non só iso, senón que haberá cada vez máis, pois as causas que explican a súa existencia (a falta de dereitos políticos, sociais, sindicais; a represión; as leis de excepción, etc) non só non desaparecen senón que se están a acentuar coa crise xeral do capitalismo e do propio Estado español. Xa que logo, non queda máis alternativa que perseverar na loita pola Amnistía Total. Non hai outro camiño que o da resistencia e a denuncia dos atropelos que sofren tanto os presos e presas políticas como todos aqueles sectores populares que non tragan co sistema e se enfrontan consecuentemente a el.

Na Coruña, Primeiro de Maio 2011

Etiquetas: ,
A %d blogueros les gusta esto: