Archive for Xuño, 2011

Xuño 26, 2011

XXX Cabodano da morte, en folga de fame, de Crespo Galende, “Kepa”

Kepa, torturado en 1979

Juan José Crespo Galende, “Kepa”, morreu durante o transcurso da folga de fame que todo o colectivo de presos e presas políticas do PCE(r) e dos GRAPO librou contra a prisión de exterminio de Herrera de la Mancha no ano 1981. Outros doce militantes quedan con serias e irrecuperábeis secuelas mais a loita rematou coa vitoria do Colectivo e a conseguinte reunificación dos presos nas prisións de Soria (homes) e Yeserías (mulleres). Unha situación de reagrupamento en Comuna que se prolongaría durante case dez anos, até que o PSOE puxo en marcha a chamada Política de Dispersión.

Crespo Galende naceu en Las Carreras (Biscaia, Euskal Herria) o 11 de setembro de 1953. Juanjo, Kepa para os seus compañeiros de Partido, fora detido sendo militante do PCE(r) en setembro de 1979. Torturado na Dirección General de Seguridad (DGS); o tristemente famoso Billy el Niño interveu no interrogatorio. Esnaquizáronlle os pés, machacáronlle os testículos cunha porra, e das malleiras que lle deron o deixaron completamente deformado, coma un monstro. A foto de Kepa, totalmente desfigurado, dá boa proba do salvaxismo co que foi torturado.

Ingresou na cadea de Carabanchel e de alí foi trasladado á de Zamora. E de Zamora a temíbel Herrera de la Mancha. España importou e levou até o cume o sistema exterminador alemán. O obxectivo era claro: a destrución do preso, da súa personalidade, rematar con el psicoloxicamente, convertelo nun zombi, nun can amestrado. Pechados en celas de 2 por 3 metros, case a escuras, tiñan prohibido falar, asubiar ou cantar. Vinte minutos de paseo ao día, sen levantar a mirada. Malleiras, malos tratos… En certa ocasión, Kepa foi illado durante 40 días por darlle o “Bó día” a un compañeiro.

O 8 de xuño de 1981, tras 80 días en folga de fame, Kepa foi ingresado en en estado case comatoso no Hospital de La Paz, en Madrid. Malia estar case en coma, Juanjo estaba custodiado por ducias de policías. Todos os presos políticos foron atados ao leito e alimentados por vía intravenosa. Mais os médicos de Crespo anuncian un inminente desenlace fatal. O 19 de xuño de 1981, tras 97 días sen comer, morre. O primeiro preso político morto en folga de fame no Estado español. Outro camarada seu, José Sevillano Martín, morrería dez anos despois de idéntica forma.

Kepa foi un comunista vasco, un militante íntegro, una marabillosa persoa que entregou até o seu último gramo de forza e vida pola liberdade colectiva, polo futuro, pola clase obreira e o pobo. Centos de persoas acudiron ao seu enterro en Las Carreras, onde cada ano e recordado polos veciños e veciñas a través de ducias de iniciativas populares. Cadrando co 25 aniversario do seu falecemento editouse en libro biográfico Combatiente contra la injusticia, herri baten urguilua”. Un monolito e unha placa lembran o lugar onde descansa o militante revolucionario.

Neste XXX Cabodano numerosas Colectivos de Euskal Herria, ademais do Socorro Roxo Internacional, celebraron actos conmemorativos e editaron diverso material para honrar a memoria dese gran comunista que foi Juan José Crespo Galende, “Kepa”.

Advertisements
Etiquetas:
Xuño 21, 2011

CEIVAR convoca Concentración na Coruña

Cartel da convocatoria

Está convocada unha concentración para o Sábado 25 de xuño ás 12h30 diante da Subdelegación do Goberno de España na cidade da Coruña, con motivo da protesta e rexeite das novas medidas que está a impor Institucións Penitenciarias de control sobre as persoas que van a visitar as presas e presos políticos.

Se até o de agora Institucións Penitenciarias aplicaba mediadas represivas directa ou indirectamente sobre os presos e presas e o seu entorno social e familiar mais próximo (coma son a dispersión, a restrición e intervención das comunicacións telefónicas e das cartas, os cacheos corporais aleatorios, a suspensión de visitas programadas sen dar aviso…) temos que engadirlle agora a obriga ás visitas a someterse a un control de aceso ao interior da prisión, con fotografía e tomada de pegadas dactilares, similar ao que efectúa a policía nas detencións, este protocolo repítese ao saír das comunicacións.

Estas novas medidas veñen deseñadas polo Ministerio do Interior aducindo motivos de seguridade, mais non son outra cousa que medidas represivas encamiñadas a acosar e vexar ao entorno socio-familiar e político das persoas encarceradas, vulnerando dereitos fundamentais e estendendo a represión aos máis achegados.

Na súa obsesión polo control social e político o Estado aplica medidas de fascistización amparándose no medo inculcado á sociedade, encubrindo a vulneración da súa propia lexislación en aras da seguridade cidadá, na que calquera que ouse presentar modificacións ou plans diverxentes co estatus quo imperante será reprimido sen importar os dereitos adquiridos polas sociedades actuais.

www.ceivar.org

Etiquetas: ,
Xuño 19, 2011

Castigan a Paco Cela por usar o teléfono para recitar un poema

Preme na imaxe para escoitar o poema de Paco Cela

O sábado 18 de xullo, Paco Cela ingresou no módulo de illamento tras decatarse a Dirección do cárcere de Valladolid que o preso político galego utilizara o teléfono para recitar un poema en homenaxe a catro militantes dos GRAPO caídos en combate, en Girona, no ano 1981.

Os versos en cuestión fóronlle requiridos por este COMITÉ DE SOLIDARIEDADE co gallo da Conmemoración do XXX Cabodano do asasinato dos galegos Roberto Liñeira, Albino López, Dolores Castro e do catalán Antonio Cabezas. Un poema que unha compañeira do COMITÉ recitou para pechar o acto celebrado o sábado no cemiterio coruñés de San Amaro, onde está enterrado Roberto Liñeira.

Nin sequera chegou a utilizarse o audio (que agora si reproducimos) debido a baixa calidade do son.

O internamento en celas de castigo -por período aínda por determinar- supón entre outras moitas limitacións e prexuízos, o total illamento de Paco con respecto ao exterior. De feito, tiña prevista visita con varios solidarios para o domingo 19, que xa non puido realizarse. Tampouco poderá comunicar coa súa compañeira e se lle limitarán ou anularán as chamadas telefónicas.

Non é a primeira vez que a Dirección da prisión de Villanubla castiga a Paco Cela por cuestións deste tipo. Despois de ducias de visitas da súa compañeira, cortáronllas de súpeto alegando que ela tiña antecedentes políticos. Finalmente tiveron que casar. Igualmente hai meses que non lle entregan, “por seguridade”, o xornal “Novas da Galiza” malia ter este o depósito legal esixido por Institucións Penitenciarias.

Paco Cela leva pasados na cadea máis de vintecinco anos, vinte deles por militar nos GRAPO (entre 1985 e 2005). Foi detido por última vez en xuño de 2007 no marco dunha operación represiva contra o PCE(r) e condenado a 11 anos e 8 meses por militar nesa organización política. Estivo tres anos e medio en preventivo, máis de dous anos completamente só.

Mostras de solidariedade:

Paco Cela Seoane

Preso Político do PCE(r)

Prisión de Villanubla

47071 VILLANUBLA (Valladolid)

_________________________________

Enlace para escoitar e ler o poema de Paco Cela:

http://www.goear.com/listen/db89b2a/poema-a-los-caidos-paco-cela-seoane

Etiquetas:
Xuño 16, 2011

Detidos dous militantes do PCPE en Asturies

Cartel do PCPE e CJC

A persecución contra os comunistas neste país dá un salto cualitativo coa detención, este martes día 14, de dous militantes do PCPE, un deles membros do Comité Central do Partido, e o aviso de detención doutros tres militantes máis.

A manobra policial lanza unha acusación de terrorismo contra estes membros do Partido por, supostamente, lanzar uns cócteles molotov o día 15 de xaneiro nun pobo de Asturias, e pon aos militantes detidos a disposición da Audiencia Nacional.

Estas acusacións da policía carecen da máis elemental base de veracidade, posto que son actuacións que non se corresponden coa liña política de loita de masas do PCPE, expresada nos seus documentos teóricos e na súa propia práctica política.

Só é no contexto da agudización da loita de clases, coas crecentes dificultades do capitalismo español para afrontar a súa profunda crise estrutural, e o terror do bloque do poder ao ascenso das loitas obreiras e populares buscando unha saída socialista e comunista, como se pode comprender que se proceda a esta burda manobra para tentar afastar á organización revolucionaria do apoio das masas obreiras.

Os servizos secretos organizaron todo tipo de manexos durante a ditadura franquista para incriminar ao movemento comunista que loitaba contra a ditadura fascista, hoxe -no contexto da loita contra o comunismo que se desenvolve no marco da UE-, o capital recorre a novos métodos para tratar de frear o ascenso da organización dos comunistas en España. E así, non é casualidade que estas detencións se produzan xusto nun dos concellos onde o PCPE obtivo representación nas pasadas eleccións municipais, no Concello de Carreño.

O Comité Executivo denuncia esta montaxe policial, que ten o antecedente doutro xuízo que está pendente de celebrar en Barcelona o próximo día 1 de decembro, onde tamén se verten falsas acusacións contra tres militantes da organización. Esta situación foi denunciada a nivel internacional, e ata presentada unha interpelación no Parlamento Europeo polo Partido Comunista de Grecia.

O Comité Executivo do PCPE manifesta con toda firmeza que non se deixará chantaxear polos aparellos do estado, con estas, nin con outras manobras que se poidan realizar contra a súa actividade política e contra os seus militantes.

O Comité Executivo do PCPE esixe a inmediata posta en liberdade sen cargos dos militantes detidos. Igualmente esixe unha inmediata investigación de quen participen na preparación desta descarada manobra e a depuración das responsabilidades nos aparellos do estado que o organizaron.

O Comité Executivo do PCPE chama a todas as organizacións obreiras e populares a apoiar estas denuncias e a participar nas mobilizacións que se organizarán inmediatamente en solidariedade cos compañeiros detidos e en denuncia desta actuación dos aparellos do estado.

Comité Executivo do PCPE a 14 de xuño de 2011

Etiquetas:
Xuño 13, 2011

Homenaxe aos Caídos e xantar-coloquio con Ugio Caamanho na Coruña

Cartel convocatoria

O día 16 de xuño de 1981 o comando composto polos galegos Roberto Liñeira, Dolores Castro, Albino López e o catalán Antonio Cabezas enfrontábanse a tiros coa Brigada Antiterrorista en Barcelona. Conseguen fuxir e recalan nun pobo preto da fronteira con Francia. Ao día seguinte instalan a súa tenda de campaña nos arredores de La Farga de Bebie, en Girona. Albino e Dolores se encamiñan ao pobo a por información sobre trens e algo de comida. Antonio e Roberto Liñeira agardan na tenda de campaña. Albino e Dolores, no pobo, son localizados pola garda civil e detidos. A versión oficial foi que ela levaba unha pistola camuflada e que ao intentar usala foron abatidos. A realidade é que foron brutalmente torturados e logo executados. Coa información proporcionada mor da tortura o resto do comando é localizado. Un grupo de 18 gardas civís descargan neles centos de balazos, asasinándoos no acto.

Roberto Liñeira Oliveira

Francisco Roberto Liñeira Oliveira, naceu na Coruña 23 anos antes do seu asasinato. Pronto destaca como un loitador político e, trala súa labor no mundo estudantil no seo da ODEA (Organización Democrática de Estudantes Antifascistas), o PCE(r) incorpórao ás súas filas.

Roberto é detido o 14 de outubro de 1979 xunto a outros 19 militantes antifascistas en Madrid, Barcelona e Valencia. A el préndeno en Madrid e é duramente torturado antes de pasar a prisión. Como non teñen probas excarcérano nuns meses e pasa á clandestinidade. Entón ingresa nos GRAPO e se lle nomea responsábel dun comando pola súa gran capacidade política e humana.

Participa na acción contra o Xeneral Enrique Bríz Armengol o 2 de setembro de 1980 en Barcelona. Axiña o seu nome é para a policía sinónimo de obxectivo a eliminar. Ese mesmo mes de xuño é ferido de bala pola policía en Barcelona. O día 17, Roberto foi literalmente cosido a balas, con varios orificios nos pómulos, peito e estómago. Tras varios días nos que o corpo non puido ser visto por ninguén non sendo á Garda Civil, Roberto é enterrado na Coruña a finais de xuño.

Antonio Cabezas Bella

Antonio Cabezas Bella era un traballador catalán que na época de 1972 contacta coa OMLE (Organización de Marxistas-Leninistas de España). Antonio era traballador da construción e en 1975, coa fundación do Partido Comunista de España (reconstituído), pasa a militar neste. É un dos militantes puntas de lanza da organización en Catalunya, aínda que debido á súa frenética actividade pronto é posto no mira represivo e ten que pasar á clandestinidade. A inicios dos 80 incorpórase aos GRAPO, primeiro como membro dun comando de información e máis tarde nun comando activo. Participa nas accións de maio e xuño do 81 e pronto establécese unha verdadeira caza do home contra Antonio e o resto de camaradas do seu comando.

María Dolores Castro Saa

María Dolores Castro Saa era de Pontevedra. Tomou contacto coa Unión de Juventudes Antifascistas, UJA, e achegou a numerosos novos máis á devandita organización de masas. A policía política a tiña xa controlada e ameazada e nunha das batidas represivas contra o movemento de resistencia a detivo, torturou e encarcerou. Ao saír de prisión pasa á clandestinidade e ao pouco tempo pide a súa incorporación aos GRAPO. Participou nas accións de maio e xuño de 1981. O día 3 de xuño en Valencia salvouse de ser ferida por moi pouco dun tiroteo coa Policía Nacional. Xa estaba plenamente identificada e posta no centro da diana represiva, polo que o seu asasinato era cuestión de días. Foi enterrada en Hospitalet de Llobregat o 26 de xuño.

Albino Gabriel López

Albino Gabriel López naceu en Ourense. Dende moi novo se iniciou nas actividades políticas revolucionarias na Unión de Juventudes Antifascistas, UJA. Nunha das redadas brutais contra esta organización, pero tamén contra Socorro Rojo, Mujeres Antifascistas e Pueblo y Cultura, Albino é detido. Tortúrano e mallan de tal xeito, que pasa ao cárcere en cadeira de rodas, cos pés totalmente esnaquizados, cheos de queimaduras e golpes. Custaríalle varios meses poder volver a andar con normalidade.

Dentro de prisión acentúa a súa militancia comunista. Ao saír en liberdade incorpórase á clandestinidade máis absoluta e nuns meses pide o ingreso nos GRAPO. Participa na acción contra dous gardas civís no barrio barcelonés de Horta o 4 de maio de 1981. A súa vida, como na salvaxe oeste, xa tiña prezo posto e nunhas semanas segáronlla. O cadáver de Albino Gabriel foi retido durante varios días pola Garda Civil, e ao final puido descansar en Vilarello, Ourense o 26 de xuño.

 * * *

Homenaxe na Coruña o Sábado 18 de Xuño 2011

13:00 H Ofrenda floral diante da tumba de Roberto Liñeira Oliveira no Cemiterio de San Amaro

14:30 H Xantar-Coloquio con Ugio Caamanho, ex-preso independentista no CS Atreu!

Etiquetas: ,
Xuño 10, 2011

Carta de Isabel Aparicio

Debuxo do preso político M. Arango

«Alegroume moito vervos no xuízo, aínda que foran unha décimas de segundo mentres me baixaban polas escadas, nin sequera puiden darvos unha aperta; polo menos puidestes darlla a Paco [Francisco Cela Seoane] e estar con el uns intres. Do xuízo nada que contar que non saibamos. O de sempre: os xuíces ao servizo da Garda Civil, coas súas mentiras, as súas montaxes, a súas terxiversacións… e decididos a que, a partir desta sentenza, co seu auto xudicial, o Partido deixe de existir. En 2002, tamén mediante outro auto, ilegalizáronnos cando nós negámonos sempre a pasar pola “ventanilla”. Agora nos converten nun apéndice dunha organización armada. O último día do xuízo, a señora fiscal soltou un GRAPO-PCE(r); a verdade é que pensei que lle traizoara o subconsciente xa que até ese momento todo era PCE(r)-GRAPO. Mais errei, porque cando a semana pasada nos deron a sentenza, ao lela, dáste conta de que a fiscal non metera a pata, pois todo o auto está inzado de GRAPO-PCE(r).

A estas alturas imaxino que xa saberedes a sentenza. A Paco botáronlle os mesmos anos que a Manolo [Manuel Arango Riego]. Once anos e oito meses. Nin sequera tiveron en conta que Paco se incorporara facía nada, até o punto de que, cando o deteñen, levaba o seu carné de identidade; nin sequera lle respectaron isto. Antonte viñeron os avogados e dixeron que todos eles ían recorrer a sentenza, principalmente o tema da falsificación de documentos, que nos meteron o máximo, o que corresponde ao autor material da falsificación. Francamente, non son eu das que pense que o Supremo vaia variar esta sentenza, mais si eles pensan que é o mellor, que o fagan. Mentres tanto a seguir loitando, a seguir resistindo, dentro e fóra, queda moito por facer e todo por conquistar.

Amor e forza e un bico cargado de Resistencia para todos.»

Isabel Aparicio Sánchez

Militante do PCE(r)

Prisión de Brieva (Avila)

Etiquetas:
Xuño 8, 2011

CEIVAR edita CD

Portada do CD

O Organismo Popular Anti-Repressivo CEIVAR ven de editar “RUIDO ANTI- REPRESSIVO”, un CD con 19 temas cuxos beneficios servirán para paliar os enormes gastos económicos que ocasiona a represión política. “O presente traballo musical -sinala CEIVAR- é unha contribución desinteresada de distintos grupos musicais para que esta intervención permanente dispoña de recursos económicos que a fan viábel e sustentábel e permita, se cadra, limitar a impunidade dos represores”.

Etiquetas:
Xuño 4, 2011

XXX Cabodano do asasinato dos galegos Roberto Liñeira, Albino López, Dolores Castro e do catalán Antonio Cabezas

Adhesivo editado en 1997

Este mes de xuño de 2011 cúmprese o 30 aniversario da morte ás mans da Garda Civil de 4 militantes dos GRAPO en La Farga de Bebie, Las Lloses, Girona. Masacre que, xunto á de 4 activistas dos Comandos Autónomos Anticapitalistas (CAA) na Baía de Pasaia no 84, son as maiores matanzas policiais de militantes revolucionarios dende o 27 de setembro de 1975, con Franco aínda vivo.

O catalán Antonio Cabezas Bella e os galegos Francisco Roberto Liñeira Oliveira, Albino Gabriel López e Dolores Castro Saa formaban un comando operativo da organización armada GRAPO (Grupos de Resistencia Antifascista Primeiro de Outubro) que neses meses de marzo, abril, maio e xuño de 1981 se mostrou especialmente activo. Estábanse a vivir momentos vitais na política española e europea e a devandita organización achábase no centro do ciclón.

O día 16 de xuño o comando composto por estes catro militantes enfróntase a tiros coa Brigada Antiterrorista en Barcelona. Conseguen fuxir e recalan nun pobo preto da fronteira con Francia. O día 17 instalan a súa tenda de campaña aos arredores de La Farga de Bebie, en Las Lloses, a uns poucos quilómetros de chan francés. Albino Gabriel López e María Dolores Castro Saa se encamiñan ao pobo a por información sobre trens e algo de comida e tabaco. Van vestidos como simples turistas, algo habitual neses pobos fronteirizos.

Antonio Cabezas Bella e Roberto Liñeira Oliveira agardan na tenda de campaña a uns quilómetros do pobo, nunha zona estratexicamente situada e moi disimulada nunha campa de moi difícil absceso.

Albino e Dolores, no pobo, son localizados pola garda civil e detidos. Levados ao cuartel, un enclave estratéxico na loita contrarrevolucionaria xa dende os tempos do maquis antifascista, pois dende el se controlan os pasos a Francia son, polo que obxectivamente parece son brutalmente torturados e asasinados.

A versión do Estado foi que Dolores levaba unha pistola camuflada (no cabelo!!) e que ao intentar usala foron abatidos (de feito, os seus cadáveres estaban literalmente partidos por refachos de metralladora).

A realidade é que lles tiveron que sacar con brutais pero rápidas torturas a información da localización dos seus compañeiros, pois dende as 15.45 que se oíron os disparos polos veciños do pobo até a localización e acribillamiento dos seus outros dous camaradas, ás 18.29, até ese afastado pobo de Girona desprazáronse decenas e decenas de gardas civís e os dous máis altos cargos da Garda Civil en Catalunya. Todo iso en apenas dúas horas e corenta e catro minutos. Entre os altos cargos, o Tenente Coronel Blázquez Pedraza, xefe da comandancia de Girona, e o Xeneral Pajuelo, xefe da 4ª Zona (Catalunya).

O dispositivo de detectar e matar cumpriu a súa primeira parte. Só faltaba localizar o resto de militantes antifascistas. Actívase un círculo en torno á campiña na que estaban Roberto e Antonio. As torturas deberon facer efecto, porque a tenda estaba moi ben escondida e aínda así en menos de dúas horas dende o asasinato dos 2 primeiros militantes xa estaban localizados. Polo menos un grupo de 18 gardas civís descargan sobre eles centos de balazos, asasinándoos no acto e deixando os corpos tirados por varias horas.

Como todos os anos, dende hai 30, renderáselle homenaxe a estes catro antifascistas na cidade da Coruña, onde está enterrado Roberto Liñeira.

Etiquetas:
Xuño 1, 2011

Cea-Coloquio en Compostela

O dia 2 de xuño as 20:30h organízase unha cea-coloquio, marcada dentro das Festas Populares de Compostela, na que se falará da situación das presas políticas galegas a cargo de:

Tiago Peres. CEIVAR Organismo Popular Anti-repressivo
Luis “O Che”. Socorro Roxo Internacional (SRI)
Representante da CUT (Central Unitaria Traballadores/as)
Abraam Alonso. Comité de Solidariedade e Apoio con Telmo e Miguel
Ugio Caamanho Sam-Tisso. Ex-preso independentista

O acto desenvolverase no C.S. Arredista na Costa do Vedor no Barrio de San Pedro. Depois das intervencións e o coloquio haberá cea con menú para veganos a 3 euros.

Etiquetas:
%d bloggers like this: