Archive for Xuño 10th, 2011

Xuño 10, 2011

Carta de Isabel Aparicio

Debuxo do preso político M. Arango

«Alegroume moito vervos no xuízo, aínda que foran unha décimas de segundo mentres me baixaban polas escadas, nin sequera puiden darvos unha aperta; polo menos puidestes darlla a Paco [Francisco Cela Seoane] e estar con el uns intres. Do xuízo nada que contar que non saibamos. O de sempre: os xuíces ao servizo da Garda Civil, coas súas mentiras, as súas montaxes, a súas terxiversacións… e decididos a que, a partir desta sentenza, co seu auto xudicial, o Partido deixe de existir. En 2002, tamén mediante outro auto, ilegalizáronnos cando nós negámonos sempre a pasar pola “ventanilla”. Agora nos converten nun apéndice dunha organización armada. O último día do xuízo, a señora fiscal soltou un GRAPO-PCE(r); a verdade é que pensei que lle traizoara o subconsciente xa que até ese momento todo era PCE(r)-GRAPO. Mais errei, porque cando a semana pasada nos deron a sentenza, ao lela, dáste conta de que a fiscal non metera a pata, pois todo o auto está inzado de GRAPO-PCE(r).

A estas alturas imaxino que xa saberedes a sentenza. A Paco botáronlle os mesmos anos que a Manolo [Manuel Arango Riego]. Once anos e oito meses. Nin sequera tiveron en conta que Paco se incorporara facía nada, até o punto de que, cando o deteñen, levaba o seu carné de identidade; nin sequera lle respectaron isto. Antonte viñeron os avogados e dixeron que todos eles ían recorrer a sentenza, principalmente o tema da falsificación de documentos, que nos meteron o máximo, o que corresponde ao autor material da falsificación. Francamente, non son eu das que pense que o Supremo vaia variar esta sentenza, mais si eles pensan que é o mellor, que o fagan. Mentres tanto a seguir loitando, a seguir resistindo, dentro e fóra, queda moito por facer e todo por conquistar.

Amor e forza e un bico cargado de Resistencia para todos.»

Isabel Aparicio Sánchez

Militante do PCE(r)

Prisión de Brieva (Avila)

Etiquetas:
A %d blogueros les gusta esto: