Reféns con causa

Era de prever que no contexto político actual, o protagonismo dos presos políticos non tardaría en facerse presente por diferentes motivos: primeiro, e máis importante, o referente moral e político que representa a súa resistencia á política represiva do Estado; e segundo, era tamén previsíbel que a chantaxe permanente a que son sometidos íase intensificar para condicionar o devir do movemento popular revolucionario, especialmente no caso concreto do MLNV.

En España, os presos políticos conforman unha parte fundamental da memoria colectiva popular. Dende a mesma formación do Estado moderno burgués, erixido sobre o modo de produción capitalista e o réxime político de explotación e opresión, a existencia de presos políticos de diversa condición e ideoloxía foi unha constante histórica. Máis aínda, até poderiamos dicir que un bo baremo para constatar o déficit democrático dun país capitalista márcao a existencia de presos políticos.

Aínda hoxe, non coñecemos ben e non foi honrada como merece a memoria dos centos de miles de presos políticos que enchían os cárceres e os campos de concentración e traballo forzoso, na etapa franquista do réxime (unha responsabilidade máis no debe desa esquerda institucional e domesticada). Á represión máis feroz que se cebaba contra eles, uníanselle unhas condicións de insalubridade insoportábeis. Mais, aínda así, non só resistiron a esa situación infrahumana, senón que deron todo un exemplo de organización, de solidariedade colectiva e de dignidade, coma nunca antes se coñecera no noso país.

Por todo isto e moito máis, os presos políticos sempre foron un referente para o movemento popular, democrático e revolucionario. Non é casual que as manifestacións máis numerosas nos anos setenta fosen as de petición de Amnistía. E non é casual tampouco que no mesmo momento que saían uns presos do cárcere, por mor  do empuxe do movemento popular, outros presos políticos comezaban a entrar nelas. Este foi o primeiro signo de que a transición dun réxime ditatorial a outro democrático non era real.

As condicións de vida penal que veñen aturando os presos políticos neste período “democrático”, están sendo marcadas a sangue e lume na loita de resistencia e no movemento de solidariedade. As mortes en prisión, as enfermidades de todo tipo, as folgas de fame provocadas polas condicións inhumanas de reclusión… foron e son a constante deste período.

Xunto con anarquistas, antisistema, anticapitalistas, antifascistas…, dous bloques de presos políticos veñen capitalizando a resistencia á represión do réxime: os presos do MLNV e os do PCE (reconstituido) e dos GRAPO; así como de organizacións democráticas, solidarias e populares que a policía considera como achegadas ás anteriores. O crédito ético, moral e político alcanzado por estes colectivos de presos en todos estes anos é un claro referente para o movemento obreiro e popular. Non pode ser doutro xeito para os que están a resistir as embestidas represivas no mesmo ventre da besta fascista, sen renunciar aos seus ideais e principios políticos revolucionarios.

Por isto mesmo, nuns momentos en que a crise económica e política do sistema capitalista agudízase con forza e a clase dominante profunda nas medidas represivas, de sobreexplotación e asoballamento, o exemplo de resistencia dos presos políticos convértese, para os traballadores e pobos oprimidos, nun referente obrigado que o aparello represivo, mediático e propagandístico do Estado trata por todos os medios de neutralizar.

 Este incremento da chantaxe sobre os presos políticos estámolo a ver todos os días a través dos servidores do réxime: políticos de todo signo, policía, xornalistas, intelectuais orgánicos, etc. Especialmente significativa é a campaña orquestrada polo aparello de propaganda vencellado ao sector dos sociatas que encabeza Rubalcaba (os galosos, para entendernos). A primeira andanada comezaba o primeiro día da segunda semana do mes de agosto. O libelo dese grupo (o diario El País), dedicaba dúas páxinas enteiras á campaña de incremento da presión aos presos políticos, máis en concreto, aos presos do MLNV. O formato elixido (nin nisto son orixinais estes mercachifles da pluma) é de manual de intoxicación: “A decisión xa está tomada, non entendo a que está a esperar ETA”. Esta frase, dita -segundo este xornal- por un preso, demostraría que “empeza a espallarse o nerviosismo e a impaciencia, mesmo a ansiedade entre os presos”. Pouco lles faltou para concluír que se vai producir un suicidio colectivo. Esa frase di a garda civil que lla escoitou a un preso (xa se sabe que o control sobre os presos políticos no cárcere é total). Non importa o que opine o resto dos preto de oitocentos presos, senón que esa suposta declaración faise extensiva por orientación divina -dos intoxicadores- ao conxunto do colectivo. Por suposto, non todo é mentira nesta publicación. É evidente que algúns presos mostran un certo desexo por saír do cárcere, especialmente os que levan máis de vinte anos nela. Pero, sobre todo, son os traidores ao colectivo, os arrepentidos e liquidacionistas, a cabeza dos que se coloca Urrusolo Sistiaga, os que están a mostrar un maior nerviosismo porque non lles chega o premio prometido pola súa traizón.

A chantaxe aos presos políticos é unha constante, pero nestes momentos ten un interese moi particular para o grupo polanquista: presionar a ETA para que emita un comunicado de “peche da persiana” antes da cita electoral. Desta forma, o seu “caudillo” político, o candidato Rubalcaba, tería unha carta (a única) coa que presentarse á súa repartición do pasteleo cos peperos. Este mesma chantaxe faise extensiva a todas as organizacións solidarias cos presos políticos. A modo de exemplo, só é preciso ver como todos os mastíns e doberman dos grandes monopolios mediáticos afían os seus cabeiros perante calquera aceno de Bildu cara aos presos, por lene que este sexa. Non digamos a Etxerat e demais organizacións solidarias, ás que tratan todos os días coma se fosen apestados; un exemplo diso témolo na reacción dos somaténs de Covite perante a invitación do alcalde de Donosti a unha recepción por todas as vítimas, que ao decatarse da presenza de Etxerat negáronse a acudir dicindo nun comunicado posterior: “qué poden facer as vítimas na casa do verdugo”.

Calcularan ben os líderes da Esquerda Abertzale a situación en que quedaban os presos despois do seu “cambio de ciclo”?  Botará a persiana” ETA deixando aos seus presos nas mans da “xenerosidade” de galosos e tardo franquistas peperos? Por certo, falando de “xenerosidade”. Nesas mesmas páxinas faise unha referencia -igualmente intoxicadora- aos presos do GRAPO. Deixan esvarar a súa mensaxe envelenada dicindo que: “sen chegar a anunciar nunca a súa disolución de xeito oficial, transformáronse primeiro nunha banda de atracadores e logo na nada”. Con esta apreciación, a mensaxe do xornalista-policía parece querer dicir que sen mortos encima da mesa non es nada. Unha cousa é certa, esta organización leva máis de cinco anos sen realizar ningunha acción armada e, con todo, os seus presos seguen nas mesmas condicións infrahumanas, ou máis, que todos os demais. Toda unha constatación da “xenerosidade” do Estado.

Dende logo, unha cousa parece clara: o movemento de solidariedade e de apoio aos presos políticos non vai afrouxar na súa loita denunciando a situación que padecen. E fan moi ben en facelo porque boa parte do creto moral e político encol do que descansa o capital político da EA está nos seus presos, por máis que dende fóra e dende dentro dese movemento esa influencia se queira minimizar ou anular. Non é casual que os primeiros curtocircuítos que sabotearon as forzas represivas fose a relación entre eles e coa rúa, dispersando e illando aínda máis aos presos ou encarcerando aos avogados máis comprometidos na súa asistencia xurídica porque eran os “correos entre os presos e a dirección de ETA”, segundo os expertos do benemérito corpo, para quen a súa opinión (que non probas obxectivas) é texto sacro para esa cuadrilla de prevaricadores compulsivos que compón a autodenominada Audiencia Nacional.

Nun plano a máis longo prazo, o Estado e toda o seu cohorte política e mediática, trata de minar esborranchar os valores éticos, morais e políticos que representan os presos políticos. Son eles os que representan a dignidade da resistencia coma ninguén; son eles os que concentran os maiores compoñentes dos que loitaron na primeira liña de combate; son eles os que reúnen a mocidade máis comprometida de Euskal Herria, e os cadros e dirixentes das organizacións máis combativas do MLNV. Por isto mesmo, a súa causa é a nosa causa, a que o Estado pretende custe o que custe enlordar e anestesiar na memoria colectiva. É o mesmo que fixeron cos presos políticos da etapa franquista; é o mesmo que están a facer coa memoria histórica: unha revisión que faga irrecoñecible o seu legado de dignidade e resistencia.

 Egoitz Larrañaga.


Advertisements
Etiquetas:

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: