Carta de David Garaboa

David Garaboa na Audiencia Nazional

Queridos compañeiros:

Tal e como vos dixen, aquí estou para comentarvos o da visita que me fixeron uns días despois do anuncio de ETA do seu abandono da loita armada. Como vos dixen por teléfono, non lle din moita importancia, pois entendo que este tipo de visitas non van máis alá de apalpar o ambiente entre as nosas filas.

Viñeron verme dous funcionarios, un home e unha muller, que se identificaron como membros do “equipo de seguridade” do cárcere. A actitude dos funcionarios foi moi correcta e respectuosa tanto nas formas como no fondo. E con isto último refírome a que en ningún intre viñeron con babexadas sobre hipotéticas rendicións ou arrepentimentos. Foi un intercambio de opinións encol a situación creada a raíz do abandono da loita armada por parte de ETA, e de como podería afectar esta nova situación ao noso Colectivo.

No terreo persoal o único que me preguntaron (foi a primeira pregunta) é como levaba o de estar en illamento, e se non tiña ganas de estar nun módulo de “vida normal” aínda que seguise en Primeiro Grao. Díxenlles que tanto me tiña estar no illamento ou nun módulo, e que eu nada máis tiña dúas reivindicacións a ese respecto: a nivel persoal, que me xunten coa miña compañeira nunha mesma cadea tal e como correspóndenos segundo as súas propias normas ao ser Parella de Feito, e en virtude do Auto do Xuíz de Vixilancia Penitenciaria no cal se nos recoñece deste xeito; e a nivel colectivo, o reagrupamento de todos os presos e presas do PCE(r) e dos GRAPO. Recoñecín que estas dúas reivindicacións non dependen desta cadea, senón que son competencia de “Madrid”. E engadín que se de verdade estaban interesados en mellorar as miñas condicións de vida nesta cadea, só lles facía unha petición: que me xuntaran cos presos políticos vascos. Porén, informáronme de que tiñan unha orde escrita da Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias segundo a cal non podo compartir módulo cos presos vascos, nin cadrar con eles en ningunha actividade.

A seguinte pregunta foi que opinión me merecía a decisión tomada por ETA, ao cal respondinlles que en todo caso deberían contarme eles a min, pois eu levo varios anos afastado dos presos vascos e as miñas únicas novas son as que escoito vía radio ou vexo en televisión. Os funcionarios dixéronme que cos que eles falaran vían con optimismo o seu futuro, e que probabelmente despois das eleccións se producirían movementos de certo calado co Colectivo de Presos Vascos. Insistiron en preguntarme pola decisión da ETA, pois dicían, con razón, que algunha opinión tería que ter, pero mordinme a lingua e non dixen ren.

Isto deu pé a que me preguntaran se non agardabamos beneficiarnos “de rebote” dos beneficios penitenciarios que se lle puidesen aplicar aos presos vascos, cousa que, na miña opinión, vai depender de que se produzan cambios de certo calado. Se por exemplo se derroga a “Lei de Partidos” ou a denominada “Doutrina Parot”, si que poderíamos beneficiarnos dun ou doutro xeito. Máis tamén pódense conceder beneficios tipo terceiros graos ou liberdades condicionais dun xeito selectivo e arbitrario, como quen reparte esmola, e facelo á marxe dos nosos presos. Así que xa veremos.

No que máis insistiron foi en preguntarme senón estaba previsto que o noso Partido, o PCE(r), tomase algunha iniciativa na mesma dirección que o MLNV. Eu respondinlles que, até onde eu sabía, a pelota estaba no tellado do Estado, posto que o noso Partido pronunciouse xa no seu momento (e fixémolo por escrito dende as páxinas do “Resistencia”) mostrando a súa disposición para que ese diálogo puidera producirse. Isto é: deberían xuntar a todos os presos e presas do PCE(r) e dos GRAPO nunha mesma cadea, do contrario, non temos nada que falar.

Os funcionarios dixéronme que recentemente puxémonos todos de acordo para levar adiante diferentes protestas carcerarias en solidariedade cun compañeiro noso (referíanse ao Camarada Arenas), sen necesidade de estar xuntos. Mais expliqueilles que son planos diferentes: se un camarada ten problemas moi graves estes se converten nun problema do Colectivo e actuamos coma unha piña, aí non hai nada que discutir. Porén, se falamos da loita armada ou de calquera outra cuestión que afecte á nosa Liña Política, si é preciso xuntar a todos os nosos presos para que poidamos discutir colectivamente antes de transmitir a nosa opinión á Dirección do Partido. Ademais, que poderíamos agardar do Estado se nin sequera está disposto a xuntar a pouco máis de trinta presos, aínda sabendo que pode volver a separalos despois?

Os funcionarios dicíanme que a nos interesábanos o diálogo co Estado aínda que só fora para arranxar canto antes a situación dos nosos presos. Entón faleilles das negociacións de 1996, e clarexeilles que xa daquela o noso Partido non aceptou a fórmula de negociación “Paz por presos” que nos propoñía o Estado, senón que esiximos “Paz por liberdades”; é dicir, liberdade plena para defender as nosas ideas e programa comunistas. Insistín en que a pelota está no tellado do Estado; en que a nosa vontade de resistir é firme, e eles o saben; en que malia o estado actual das nosas forzas, máis de trinta anos de historia da loita revolucionaria teñen moito peso político. Isto é algo que eles mesmos recoñeceron. Igualmente, concordamos en que á marxe do que diga a propaganda oficial, non é posíbel rematar cun movemento revolucionario coma o noso pola vía policial, xa que mentres exista a vontade de resistir, antes ou despois aparecerá alguén disposto a retomar a loita.

En resumidas contas, os funcionarios interesáronse fundamentalmente por saber se tiñamos previsto algún movemento na mesma dirección que a esquerda abertzale. E eu insistín en que se o Estado quere falar en serio con nós, deberán reagrupar ao conxunto do noso Colectivo de presos nunha única prisión, como condición previa e imprescindíbel para que ese diálogo poida producirse.

Compañeiros e compañeiras, isto é todo por hoxe. Recibide unha enorme aperta cargada de forza e agarimo, e outra ben forte para todo a tropa solidaria que temos na Coruña. Moitos biquiños!

Venceremos!

David Garaboa, preso político do PCE(r)

Prisión de Villena, 23 de novembro do 2011

Advertisements
Etiquetas:

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: