Archive for Marzo, 2012

Marzo 30, 2012

Tarxeta contra a pena de morte encuberta

Sr. Ángel Yuste

Secretario Xeral de Institucións Penitenciarias

Alcalá 38-40

28014 Madrid

Segundo o artigo 196,2 do Regulamento Penitenciario, os penados enfermos “moi graves con padecementos incurábeis” teñen dereito á liberdade condicional, polo que solicito a incoación dun expediente para a posta en liberdade, á maior brevidade posíbel, do seguintes presos e presas políticas que padecen enfermidades irreversíbeis e crónicas:

Manolo Arango Riego

Enrique Kuadra Etxeandia

Laureano Ortega Ortega

Mª José Baños Andujar

Francisco Cela Seoane

Carmen Muñoz Martinez

Isabel Aparicio Sánchez

Advertisements
Etiquetas:
Marzo 27, 2012

Mensaxe de Marijose Baños

Preme na imaxe para ver ou descargar en PDF

Unhas liñas para mandarvos unha aperta moi forte e felicitarvos por estes dous anos de Colectivo. Polas cousas que me enviades estou ao tanto de todo o que se vai facendo. Sei que andades en Campaña pola liberdade dos presos políticos máis enfermos. Dende aquí pódovos dicir… ánimo! Aproveito para dicirvos tamén que me cambiaron de Módulo. O réxime de vida é o mesmo; como a a maioría dos compas, paso 20 horas na cela e sen dereito a actividades. Mais estou ben, as condicións mudaron bastante aínda que non vou negar que aí atrás pasei unha tempada moi dura e un mal momento. O importante agora é sair máis forte das situacións difíciles.

Grazas a todos, ánimo e adiante!

Mil bicos con cariño.

Seguimos Resistindo e seguimos Vencendo.

Marijose Baños Andujar

Presa Política dos GRAPO gravemente enferma.

Etiquetas:
Marzo 23, 2012

Nacho Varela a Cádiz

Jose e Nacho, á esquerda da imaxe

Segundo ven de anuncian o SRI, o preso político dos GRAPO Ignacio Varela Gómez, será trasladado a próxima semana a unha prisión gaditana. Nacho leva varios anos na de Mansilla de las Mulas, en León. Nesta prisión tamén se atopa o independentista Jose Sánchez. Este trasladado supón un enorme castigo para o preso político galego, por canto o alonxa en varios centos de quilómetros máis do seu Vigo natal.

Etiquetas:
Marzo 21, 2012

Carta de Suso Cela Seoane

O primeiro de nada é mandarvos un forte saúdo e parabéns por estes case dous anos que levades de solidariedade cos presos e presas políticos. Un labor que, paseniño, foi consolidándose. Nestes tempos nos que a solidariedade a calquera nivel é perseguida con saña, cobra máis importancia se cadra esa axuda e cariño que nos mandades. Pode que dende aí fóra non se teña unha percepción ampla de todo elo, mais cando se está aquí todo isto que nos facedes chegar cobra un valor vital.

Tamén por iso, quería animarvos a seguir con ese importante labor que vindes desenvolvendo. É moi importante. Coido que nestes case dous anos, estades conseguindo consolidar e estender esa solidariedade nunha cidade que sempre resultou algo difícil, mantendo un facho moi bonito. Unha mostra desta madurez foi o concerto de Pablo Hásel, que foi un éxito en todos os sentidos, aínda que eu salientaría ese traballo silencioso, previo, que vindes realizando durante estes case dous anos.

Outro aspecto que destacaría é esa unidade na práctica que se deu cos independentistas. Creo que é importante porque a represión aféctanos a todos aquí dentro, como aí fóra, e é importante enfrontala tamén conxuntamente.

Resumindo, coido que tendes motivos para estar contentos co labor desenvolvido e sabede que aquí, estámolo. Así que mandámosvos unha forte aperta cargada de moito agarimo, por estes dous anos de solidariedade que nos estades a dar.

Moitos bicos.

Suso Cela Seoane

Preso Político dos GRAPO

Prisión de Badajoz

Etiquetas:
Marzo 15, 2012

Sodes Exemplo (vídeo)

Etiquetas:
Marzo 14, 2012

Carta de Paco Cela

Así que anímovos a seguir nesa liña, entre outras cousas, porque vos necesitamos máis ca nunca. Nós, baixo ningunha circunstancia imos deixar de ser o que somos: comunistas e antifascistas consecuentes que nos debemos por enteiro á nosa clase e ao noso pobo. E non imos deixar de selo aínda que mañá espertemos e nos atopemos na Idade Media. Isto quere dicir, dada a situación actual e as perspectivas de desenvolvemento, que aínda nos queda por diante un longo horizonte de cárcere.

O que ben podería implicar, para máis de un, a posibilidade moi real de morrer entre estas catro paredes. Estou pensando principalmente nos que nós coñecemos coma a “Xeración da OMLE” [Organización de Marxistas-Leninistas de España], é dicir, os que comezaron a tirar deste carro a mediados dos anos setenta do século pasado: Manuel Pérez Matínez, 67 anos, cun estado de saúde moi deteriorado, cun total de máis de 20 anos de cárcere e ao que cada vez que está a piques de saír, invéntanlle un novo sumario. Lucio García Blanco, 63 anos, cun total de máis de 20 anos de cárcere e ao que lle restan aínda outros 15 por cumprir. Isabel Aparicio Sánchez, 58 anos, cun estado de saúde moi deteriorado, cun total de máis de 25 anos de cárcere e á que lle restan aínda outros 8 por cumprir. Juan García Martín, 63 anos, cun total de máis de 25 anos de cárcere e actualmente cumprindo unha condena de 40 anos. Enrique Kuadra Etxeandia, 63 anos, cun estado de saúde moi deteriorado, cun total de máis de 25 anos de cárcere e ao que aínda lle restan outros 10 por cumprir. Manuel Arango Riego, 63 anos, cun estado de saúde moi deteriorado, cun total de máis de 20 anos de cárcere e ao que lle restan aínda outros 8 anos por cumprir. Carme Cayetano Navarro, 59 anos, cun total de máis de 25 anos anos de cárcere e á que lle restan aínda outros 7 anos por cumprir.

Coméntovos isto último, para que nos vos esquezades desta realidade e cara a un futuro, máis ben próximo, se poña en marcha unha forte campaña que consiga arrincalos destas lúgubres celas. Estes son os homes e mulleres que loitaron e seguen a loitar todos e cada un dos días da súa vida e que, por iso, como dicía Bertolt Brech, son os imprescindíbeis!!

Paco Cela Seoane

Preso político do PCE(r)

Prisión de Villanubla (Valladolid)

Etiquetas:
Marzo 7, 2012

Carta de Antom Santos

Graciñas polo vosos envíos. Recibín a potal e as fotos do concerto [de Pablo Hasel]. Ben sabedes o que alegra recibir cousas de fóra.

Por agora non podo atender toda a correspondencia de fóra; a xente estase a portar moi ben co carteo, mais nós temos a limitación de dúas por semana, de maneira que as nosas respostas chegarán sempre con moita tardanza.

No sobre vaivos un debuxo dunha paisaxe da Nosa Terra, a ver se vos gusta. Algúns compañeiros do PCE(r) e GRAPO enviáronme tamén bonitas postais.

Agradecementos para todo o COMITÉ DE SOLIDARIEDADE o traballo que realizades. Especialmente, se pode ser, manda un saúdo a M. Regueira, ao quen coñecín o ano pasado en Lugo nunha palestra do CS Mádia Leva.

Unha forte aperta.

Denantes Mortos que Escravos.

Antom Santos Peres

Aranjuez, 3 de febreiro de 2012

Etiquetas:
Marzo 6, 2012

Xuízo pola morte de Diego Viña

Hoxe, día 6 de Marzo de 2012, no Xulgado do Penal de A Coruña, xulgarase ao pai do falecido Diego Viña, como responsábel dun delito de denuncia falsa. O proxenitor,  será así chivo expiatorio, dun proceso que se fecha en falso, con moitas incógnitas  por aclarar, e sen que aínda se aclarase a sociedade como e por que morreu Diego Viña.

Lembremos que este rapaz da Coruña, faleceu aos 22 anos, o día 22 de setembro de 2004, no cuartel da Garda Civil de Arteixo, logo de ser detido inxustificadamente por   falsas imputacións  realizadas polo seu proxenitor.

Tras unha longa espera nos calabozos da Benemérita, e tras serlle negadas as mínimas garantías de atención ao detido (asistencia sanitaria, psicolóxica, etc), Diego apareceu aforcado no calabozo pendurado da perneira do seu pantalón.

Ante esta traxedia, tanto a familia de Diego Viña, como a Comisión de Denuncia de Galiza, iniciaron acción xudiciais co obxecto esixir xustiza e que se  aclararan as circunstancias da morte dun indefenso rapaz.

Estas reclamacións non caeron inicialmente en saco roto. Así, o Xulgado de  Instrución nº 5 de A Coruña, no Auto de data 11 de maio de 2006, concluíu  tras a fase inicial de investigación, que as instalacións da Cuartel da Garda Civil de Arteixo “non parecen as mais idóneas para a custodia de detidos, nin pola súa situación, nin polas súas características, nin pola estrutura das reixas que conforman a porta da cela en cuxa parte superior contaban cun traveseiro que posibilitou atar o pantalón á mesma para consumar o aforcamento”.Asemade, no mesmo Auto, concluíase que existían indicios da comisión dun delito de detención ilegal e denuncia falsa.

Comisión de Denuncia da Galiza

Etiquetas:
Marzo 4, 2012

Trasladan a Córdoba a Eduardo Vigo

O día 23 de febreiro o combatente galego Eduardo Vigo foi trasladado da prisión de Teixeiro á de Córdoba, a 995 kilómetros da súa casa.
De momento at
ópase no módulo de illamento, e na súa chegada á nova cadeia xa sufriu ameazas por parte dos carcereiros, ademais de diferentes restricións que até o de agora non tiña, como que non pode usar suadoiros de carapucha, nin gorros, nin luvas…

De CEIVAR facemos un chamamento á solidariedade activa co preso independentista galego Eduardo Vigo, para facerlle chegar as vosas mostras de ánimos e apoio podedes escribirlle a:

Eduardo Vigo Dominguez
Prisión de Córdoba
14015 
CÓRDOBA

www.ceivar.org

Etiquetas:
%d bloggers like this: