Archive for Abril, 2012

Abril 30, 2012

Folla do COMITÉ co gallo do 1º de Maio

A agravación da crise do sistema capitalista e o conseguinte empeoramento nas condicións de vida de amplos sectores populares, están traendo consigo un vertixinoso aumento da represión. A policía responde a porradas, con detencións e con cárcere, ás demandas dos obreiros, dos estudantes, dos parados… con represión e con máis recortes e provocacións, nunha espiral violenta que parece non ter fin.

Paralelamente, o Ministro do Interior anuncia unha nova reforma do Código Penal para perseguir, disque, aos “antisistema”, a “nova kale borroka”… mais todos e todas sabemos que o que procuran é unha coartada para aplicarlles aos manifestantes a mesma “medicina(ilegalizacións, longas penas de prisión, torturas…) que se lle vén dispensando aos militantes e organizacións comunistas, anarquistas ou independentistas.

Nas prisións, a chantaxe do “ou te arrepintes ou te exterminamos” segue plenamente vixente. A liberación dos presos políticos gravemente enfermos, o traslado ao seu lugar de orixe e a aplicación de outros moitos dereitos que segundo a legalidade vixente lles corresponden, segue a estar ligada á claudicación do propio preso ou presa.

A ofensiva represiva do Estado abrangue pois a totalidade do tecido social, a todos os sectores, ao conxunto da resistencia, tanto dentro coma fóra das cadeas. De aí, pesamos nós, a necesidade de irmos construíndo pontes entre os diferentes sectores e organizacións para plantar cara a esa represión de unha maneira conxunta; para unir a loita pola Amnistía ao resto de loitas que se orienten contra a monarquía corrupta e fascista e o sistema capitalista no que se basea.

Na Coruña, no Primeiro de Maio de 2012

Comité de Solidariedade cos Presos e Presas Políticas

Advertisements
Etiquetas:
Abril 25, 2012

Recital pola Amnistía o 1º de Maio

Etiquetas:
Abril 21, 2012

O COMITÉ organiza xantar o 1º de Maio

O vindeiro Primeiro de Maio, cadrando co II Aniversario do COMITÉ DE SOLIDARIEDADE COS PRESOS E PRESAS POLÍTICAS, organizarase un xantar de confraternización no Bar Faluya, na rúa do Orzán na Coruña. O dúo formado polos cantantes MINI e MERO amenizará a sobremesa coas súas cancións. Podes mercar o teu bono (por 4 €) no local ou póndote en contacto connosco en: nonestamostodos@gmail.com. Aforamento limitado.

Etiquetas:
Abril 20, 2012

Carta de Xaime Simón, “Moreno” (2ª parte)

Cando nos unimos á loita facémolo consecuente e conscientemente, sabedores do que nos pode chegar a reportar tamaña decisión: persecución, longas condenas de prisión, torturas e mesmo a morte baixo as balas policiais ou en folga de fame en prisión. Cando nos unimos á loita as nosa alforxas non só están cheas de espírito de loita por un modo de vida mellor para todos, tamén están estas penalidades, como contrapeso.

Unha vez preso a contribución vai depender das mesmas condicións de reclusión. No meu caso, nos primeiros anos, na etapa de vida comunal na prisión de Soria, a contribución centrábanse no estudo dos clásicos do marxismo, dos materiais teóricos elaborados polo Partido, do estudo da liña política, para seguir sendo militantes activos e contribuír á solución dos problemas que diaria e constantemente xorden no camiño da revolución. Igualmente participaba na produción artesá de produtos que facilitaban a subsistencia da Comuna.

Non obstante, na etapa actual, dado que as condicións non se parecen nin por asomo ás descritas no parágrafo anterior, a contribución do preso á causa revolucionaria é total e enteiramente de principios. Defender os principios da loita revolucionaria, da organización á que representas, non esquecer nunca á clase social á que pertences, é a mellor contribución que un preso, alá onde se encontre, pode facer á causa revolucionaria.

Os gobernos queren salvar os seus estados a custa da poboación traballadora, que son aos que verdadeiramente afectan as medidas anticrise que toman. Para facer fronte ás posíbeis e previsíbeis protestas é polo que ultimamente veñen reforzando todos os aparatos represivos: promulgando leis e decretos penais, reforzando o seu aparato xudicial e dotando de máis e mellores medios aos seus corpos represivos.

Ao tempo que reforzan a súa maquinaria represiva intentan debilitar e deslexitimar as forzas organizadas que loitan polo cambio revolucionario da sociedade. Con iso pretenden dous obxectivos: que nin a clase obreira nin o pobo traballador se sumen á loita pola revolución; e que as actuais organizacións revolucionarias claudiquen ou se rendan recoñecendo dese modo como vencedores aos burgueses e o seu sistema político e económico.

Tamén desta loita é parte o preso. Non me represento a min mesmo, non nos representamos a nós mesmos; somos parte da loita revolucionaria, dende prisión.

Da actividade revolucionaria que desenvolvín na clandestinidade son totalmente responsábel. Do meu comportamento en prisión sono igualmente, e por non arrepintirme alongaronme a condena a 30 anos. Retéñenne en prisión porque din que non son un bo exemplo social. Non son un corrupto, non me drogo, non estou preso por violencia de xénero, etc. Non necesito o perdón nin o recoñecemento da sociedade burguesa hipócrita e corrupta.

Sucede que vivimos tempos baixo o dominio da máis salvaxe explotación e represión que sofre o hombre, pero chegará o momento no que o pobo traballador, aquí e en Rusia ou China, sacudirase dese xugo de explotación que lle impuxeron os burgueses. Xa houbo varios intentos de liberación e cada día que pasa faise máis necesario transformar revolucionariamente a sociedade. Mentres tanto, como presos seguimos a contribuír coa causa, resistindo; que Resistir é Vencer!!

Xaime Simón Quintela, “Moreno”

Preso Político dos GRAPO

Prisión de Herrera de La Mancha

Abril 16, 2012

Carta de Xaime Simón, “Moreno” (Iª parte)

Adhesivo editado polo SRI en 2010

Malia levar máis de 27 anos en prisión, a miña experiencia carceraria é moito máis ampla que a propia da vida en prisión. Remóntase a finais dos anos 70 do século pasado, cando traballaba na factoría de VULCANO, en Vigo, e loitaba pola liberdade dos militantes do PCE(r) e dos combatentes dos GRAPO en prisión.

Naquel periodo, contando eu con 18 ou 19 anos, tocoume vivir unha das máis importantes e transcendentais loitas polas condicións vida nos cárceres españois. Os militantes do PCE(r) e combatentes dos GRAPO estaban daquela presos na prisión de Zamora. Nese cárcere achábanse nunhas condicións de vida dignas ao estar organizados de xeito comunal. Non obstante, todo mudou coa fuxída de cinco dirixentes de GRAPO. Unha fuxida que tiña coma obxectivo fortalecer a organización e dar continuidade á loita armada revolucionaria.

A resposta dos aparatos represivos do Estado á fuga non se fixo esperar. De inmediato o goberno ordenou o traslado da metade dos presos en Zamora á prisión de Herrera de la Mancha, na que foron recibidos a paus. Aos que quedaron en Zamora, illados na súas celas, sácaselles destas a porrazos e tras facelos pasar por un “corredor” de carcereiros que ían mallando neles segundo pasaban, foron encerrados nun réxime de 24 horas de cela.

Para denunciar esa situación de exterminio, tanto en Herrera coma en Zamora, os presos vense obrigados a recorrer a continuas folgas de fame. Unha dinámica que mobiliza aos seus familiares e amigos nas principais cidades do Estado español. Nas rúas de Madrid, Vigo, A Coruña, Cádiz, Bilbao, etc; prodúcense todo tipo de actos de protesta, esixindo condicións de vida dignas nos cárceres.

Foi tal o movemento de apoio que xerou esa loita a nivel nacional como internacional, foi tal a mala imaxe que o Estado español estaba a dar, que ao goberno da UCD non lle quedou máis remedio que poñer freo a esa brutal represión e acceder ás reivindicacións do movemento. Para os presos e presas esa loita tivo tamén un alto custo, xa que nela deixo a súa vida o militante vasco do PCE(r) Juan José Crespo Galende, “Kepa”, e outros moitos quedaron con graves secuelas.

Púxose fin á política de exterminio dos presos e procedeuse ao seu reagrupamento na prisión de Soria. Durante case 5 anos púidose levar unha existencia en condicións dignas, organizados na Comuna Carlos Marx. Tamén se dedicaban ao estudo e a un labor de creación de obras de ensaio político e literario. Realizábanse traballos manuais para asegurar a manutención. Unha situación carceraria que durou até o primeiro semestre do ano 1987.

Nos primeiros meses daquel ano, os aparatos represivos do Estado (encabezados polos galosos F. González, M. Múgica e A. Asunción) poñen en marca unha criminal política contra todos os opositores presos, coñecida como “a Dispersión”. Os primeiros en sufrila foron os patriotas vascos encarcerados en Herrera e logo, meses máis tarde, os militantes do PCE(r) e combatentes de GRAPO presos en Soria.

Coa intención de deixar sen rumbo a comuna Carlos Marx e que se impuxese o desanimo, os ministerios de xustiza e interior procederon a dispersar por varios cárceres a destacados e coñecidos presos pola súa traxectoria de loita e entrega a causa revolucionaria. Lonxe de afundirse, os presos en Soria fixeron fronte á dispersión e os estrategas da represión procederon a novas dispersións.

Aos poucos meses a situación era convulsiva; alí onde eran dispersados os presos e debido ás condicións carcerarias, os presos entraban en dinámicas de loita e resistencia. Por outro lado ás accións represivas do goberno, recortando mais aínda ás condicións de vida na prisión de Soria, encontraba resposta dos presos naquela prisión. Unha situación que deu paso á folga de fame mais longa desenvolvida nos cárceres do Estado e a morte de José Manuel Sevillano, “Sevi”, combatente dos GRAPO que finou tras longos meses sen inxerir alimento ningún…

Xaime Simón Quintela, “Moreno”

Preso Político dos GRAPO

Prisión de Herrera de La Mancha

Abril 4, 2012

Carta de Marcos Martín Ponce

Marcos foi extraditado por Francia en 2006

A miña situación concreta é un cúmulo de ataques contra a miña integridade física e psicolóxica; unha situación que coñecen ben os camaradas que están en illamento…

Aloxáronme da miña familia e non podo velos; cortáronme a correspondencia intre-carceraria para que non poida comunicarme cos meus camaradas e amigos; hai xa máis de 10 anos que fan todo o posíbel para que eu e a miña compañeira (e camarada) non esteamos xuntos, mais tamén aquí resistimos e gañaremos a batalla do amor…

Levo case 6 anos en celas de illamento, nas que a súa propia lei non permite recluír a ninguén máis de 14 días seguidos. Sen que entre a luz do día, confinado 20 horas diarias. En celas onde, no inverno, os funcionarios cortan a auga quente e a calefacción aos presos políticos e, no verán, a chapa metálica da xanela non deixa entrar o aire; onde, pola noite, os recontos espértannos cada dúas horas…

O acoso dos funcionarios é constante. Cacheos todos os días para saír ao patio, para ir ao médico ou porque non teñen mellor cousa que facer que ir a amolar “ao comunista” e pór a cela patas arriba. Porque a súa frustración non soporta que, malia todo, levemos unha vida digna adicada ao estudo, á formación política e ao deporte…

Por iso obrígannos tamén a saír a un patio que rematará por provocarnos graves problemas sanitarios; cheo de excrementos dos paxaros que temos que limpar os presos políticos para evitar que nos coma a merda. Incluso néganse a darnos os utensilios de limpeza e conseguilos é unha loita diaria…

Outro dos peores problemas, que terminará traendo consecuencias tráxicas, e que os carcereiros buscan aos presos máis conflitivos e antisociais e os meten na miña Galería. Neste último ano tivemos que defendernos fisicamente de 3 presos que os carcereiros lanzaron contra nós. Ademais téñennos metido aquí a nazis, violadores, chivatos e xente desequilibrada con moito perigo…

O médico tamén é outro campo de batalla. A atención médica é terceiromundista. Hai pouco denuncie ao Centro por desatención, pois pedín unha consulta de urxencia para aliviar a dor ciática (pasei por dúas operacións de dúas hernias de disco) e o médico non apareceu por aquí nunha semana. Outro dato é que levo 9 meses tentando ir ao dentista…

En fin compañeiros, en xeral, as miñas condicións. Porén, o meu ánimo é alto e a miña firmeza combativa segue tan fresca coma o primeiro día, só que con 10 anos de experiencia sobre as miñas costas en materia de represión carceraria.

Una aperta para todos os camaradas e compañeiros.

Marcos Martín Ponce

Preso Político dos GRAPO

Prisión de Morón de la Frontera (Sevilla)

Etiquetas:
%d bloggers like this: