Carta de Xaime Simón, “Moreno” (Iª parte)

Adhesivo editado polo SRI en 2010

Malia levar máis de 27 anos en prisión, a miña experiencia carceraria é moito máis ampla que a propia da vida en prisión. Remóntase a finais dos anos 70 do século pasado, cando traballaba na factoría de VULCANO, en Vigo, e loitaba pola liberdade dos militantes do PCE(r) e dos combatentes dos GRAPO en prisión.

Naquel periodo, contando eu con 18 ou 19 anos, tocoume vivir unha das máis importantes e transcendentais loitas polas condicións vida nos cárceres españois. Os militantes do PCE(r) e combatentes dos GRAPO estaban daquela presos na prisión de Zamora. Nese cárcere achábanse nunhas condicións de vida dignas ao estar organizados de xeito comunal. Non obstante, todo mudou coa fuxída de cinco dirixentes de GRAPO. Unha fuxida que tiña coma obxectivo fortalecer a organización e dar continuidade á loita armada revolucionaria.

A resposta dos aparatos represivos do Estado á fuga non se fixo esperar. De inmediato o goberno ordenou o traslado da metade dos presos en Zamora á prisión de Herrera de la Mancha, na que foron recibidos a paus. Aos que quedaron en Zamora, illados na súas celas, sácaselles destas a porrazos e tras facelos pasar por un “corredor” de carcereiros que ían mallando neles segundo pasaban, foron encerrados nun réxime de 24 horas de cela.

Para denunciar esa situación de exterminio, tanto en Herrera coma en Zamora, os presos vense obrigados a recorrer a continuas folgas de fame. Unha dinámica que mobiliza aos seus familiares e amigos nas principais cidades do Estado español. Nas rúas de Madrid, Vigo, A Coruña, Cádiz, Bilbao, etc; prodúcense todo tipo de actos de protesta, esixindo condicións de vida dignas nos cárceres.

Foi tal o movemento de apoio que xerou esa loita a nivel nacional como internacional, foi tal a mala imaxe que o Estado español estaba a dar, que ao goberno da UCD non lle quedou máis remedio que poñer freo a esa brutal represión e acceder ás reivindicacións do movemento. Para os presos e presas esa loita tivo tamén un alto custo, xa que nela deixo a súa vida o militante vasco do PCE(r) Juan José Crespo Galende, “Kepa”, e outros moitos quedaron con graves secuelas.

Púxose fin á política de exterminio dos presos e procedeuse ao seu reagrupamento na prisión de Soria. Durante case 5 anos púidose levar unha existencia en condicións dignas, organizados na Comuna Carlos Marx. Tamén se dedicaban ao estudo e a un labor de creación de obras de ensaio político e literario. Realizábanse traballos manuais para asegurar a manutención. Unha situación carceraria que durou até o primeiro semestre do ano 1987.

Nos primeiros meses daquel ano, os aparatos represivos do Estado (encabezados polos galosos F. González, M. Múgica e A. Asunción) poñen en marca unha criminal política contra todos os opositores presos, coñecida como “a Dispersión”. Os primeiros en sufrila foron os patriotas vascos encarcerados en Herrera e logo, meses máis tarde, os militantes do PCE(r) e combatentes de GRAPO presos en Soria.

Coa intención de deixar sen rumbo a comuna Carlos Marx e que se impuxese o desanimo, os ministerios de xustiza e interior procederon a dispersar por varios cárceres a destacados e coñecidos presos pola súa traxectoria de loita e entrega a causa revolucionaria. Lonxe de afundirse, os presos en Soria fixeron fronte á dispersión e os estrategas da represión procederon a novas dispersións.

Aos poucos meses a situación era convulsiva; alí onde eran dispersados os presos e debido ás condicións carcerarias, os presos entraban en dinámicas de loita e resistencia. Por outro lado ás accións represivas do goberno, recortando mais aínda ás condicións de vida na prisión de Soria, encontraba resposta dos presos naquela prisión. Unha situación que deu paso á folga de fame mais longa desenvolvida nos cárceres do Estado e a morte de José Manuel Sevillano, “Sevi”, combatente dos GRAPO que finou tras longos meses sen inxerir alimento ningún…

Xaime Simón Quintela, “Moreno”

Preso Político dos GRAPO

Prisión de Herrera de La Mancha

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: