Archive for Maio, 2012

Maio 29, 2012

«Na práctica a intervención-retención do correo supón a imposibilidade de manter unha mínima relación». Carta de Suso Cela (II)

«Outra consecuencia que leva parella a intervención das comunicacións escritas, é a retención da correspondencia. Len as cartas que mandas (e as que recibes) e son mandadas a Madrid, á DGIP. Isto é unha verdadeira pasada . A longo prazo faite perder innumerábeis contactos coas persoas con quen te escribías. Ilústrovos: Eu envío unha carta a unha persoa. Con moita sorte pasan quince días antes de que sexa botada ao correo ordinario. Chégalle a esa persoa entre os 17-20 días. Cando esa persoa responde acontece o mesmo. Xa que logo, unha comunicación escrita que se tería que resolver nunha semana adíase, por obra e graza dos censores carcereiros en vinte, trinta, corenta ou cincuenta días.  É dicir, que nun ano podo cartearme con esa persoa unhas catro veces!!

Tamén é posíbel que as cartas se “perdan”… Nese caso o enredo é total. Entre que se clarifica o mal entendido e se retoma a “normalidade” pode pasar incluso un ano!! Na práctica a intervención-retención-putadas ven a supor a imposibilidade de manter unha mínima relación normalizada con alguén.

Pero a cousa aínda pode ser peor. Se ese alguén escríbeche e mándate unha folla de calquera mobilización, manifestación, acto, concerto solidario… xa non dan nin ese material nin a carta. Se mandan una fanzine, unha publicación alternativa do barrio ou parroquia, tampouco cha dan. O mesmo pasa coas cousas sacadas de internet. Outro tanto coas fotos de manis, actos… Pouco a pouco van reducindo o teu contacto co exterior e coa información, o palpitar do movemento do que formamos parte.

Para máis inri, se nunha carta comentas algo sobre esta ou estoutra loita nas cadeas, o que ti mesmo ou algún compañeira está nunha situación determinada e ves necesario comezar unha loita, quedan coa carta e non a tramitan. Pasoume isto no Nadal de 2010 cando deixaron de tramitarme quince cartas, a correspondencia que, por outra banda, podo enviar en dous meses (2 semanais). O mesmo sucedeulles a outro compañeiros e compañeiras…»

Suso Cela Seoane

Preso político dos GRAPO

Prisión de Badajoz

Advertisements
Etiquetas: ,
Maio 21, 2012

«Quen asina leva case 22 anos encarcerado e 20 coa intervención das comunicacións». Carta de Suso Cela Seoane (I)

«Hai uns días, despois de dous meses sen darme correspondencia, entregáronme tres cartas. O matáselos tiña 40 días. Isto é, que dende que a familia e amigos escribiron, até hoxe, pasou máis de un mes.

Podería semellar unha excepción. Pero non. Esta é a norma na correspondencia cos presos políticos do Estado español durante moitos anos. Pode parecer algo nimio, pero non o é: forma parte dunha política máis ampla destinada ao noso illamento e exterminio. O obxectivo é arredarnos dos nosos seres queridos, dos nosos amigos, dos nosos compañeiros, dos nosos pobos… illar-encerrar o latexo vital dos nosos corazóns.

Que significa a intervención das comunicacións? Analicémolo polo miúdo. Sinalar en primeiro lugar que o dereito ás comunicacións non pode ser restrinxido con carácter intemporal, tal e coma recoñecen as súas leis. Porén, xa se encargou o “deus” Tribunal Constitucional de matizar que para os membros das “organizacións terroristas” pode ser indefinido, durante o tempo que a eles lles pete mentres non reneguen das súas organizacións, da súa loita, da violencia revolucionaria e sexan respectuosos coa legalidade que explota, reprime, tortura, nega os nosos dereitos nacionais, desafiúza a golpe de porra, condena ao paro e recorta dereitos e liberdades.

Quen asina leva case 22 anos encarcerado e 20 coa intervención das comunicacións, os últimos 16 seguidos.

As comunicacións vis a vis son intervidas. As salas onde te reúnes cos teus familiares está preparadas para escoitar todo o que falas. O mesmo acontece cos locutorios e as chamadas telefónicas. Se nalgunha desas comunicacións os censores interpretan que se di algo en contra á “seguridade” do Centro, das persoas do Centro, das institucións, do país… ou calquera referencia que consideren subversivo, poden cortar a comunicación o tempo que consideren oportuno.

Durante cinco anos estiven sen comunicacións vis a vis porque nunha comunicación coa miña nai dicían que faláramos ben da Revolución Cubana… Por ler un poema por teléfono, ao meu irmán Paco [Paco Cela, preso político do PCE(r)] suspendéronlle as comunicacións durante un mes… Sucede outro tanto se saúdas por teléfono a alguén non autorizado aproveitando que está na casa de algún familiar ou amigo que si o está…

A intervención das comunicacións escritas supón que só podes enviar dúas cartas semanais e, nalgunhas épocas, dependendo do cárcere, de dous folios como máximo. Tampouco permítenche pór “preso político” por ningún lado. Se chega á cadea algunha carta que poña “preso político” xunta o teu nome devólvenlla á persoa que cha enviou. Se es ti mesmo quen o pon no remite, directamente non a tramitan e non sae. Se fas unha bandeira da Galiza coa estrela vermella no sobre, tampouco será tramitada. »

Suso Cela Seoane

Preso político dos GRAPO

Prisión de Badajoz

Etiquetas: ,
Maio 15, 2012

Carta de María Jesús Romero

«Souben que no xornal “El Mundo” viña un artigo no que me metían, a min e a outros, como que nos acolleramos á “Vía Nanclares”… Imaxino que non será a primeira vez que sae algo así nos medios. Unha manipulación tan basta non merece máis comentario pola miña banda que non sexa o feito de que o que lles doe é que siga mantendo as miñas ideas intactas… Se hai alguén que usa a violencia é a banda armada do Estado para someter ao pobo cada vez máis, como escravos… e contra tal violencia é máis que lexítima a que usa este pobo para defenderse dos explotadores que o chupan até a última gota de sangue… Ademais, non creo que teñan ningún dereito a falar sobre condenar a violencia aqueles que pertencen a un Estado saído directamente da sublevación fascista do 18 de Xullo de 1936 contra un goberno que saíu elixido das urnas e que son responsábeis do masacre de tantos/as que seguen a día de hoxe nas cunetas pero cuxas ideas non puideron enterrar con eles. Aí dóelles...»

María Jesús Romero Vega

Presa política antifascista

Prisión de Huelva

Etiquetas: ,
Maio 14, 2012

Xantadores solidarios no CSO de Palavea

Lembramos que desde hai xa varios meses todos os mércores gustamos dos suculentos xantadores veganos en apoio ás persoas presas no Centro Social Okupado de Palavea (rúa Río Quintas 31, N-550). Así que todos os mércores, a iso das 14:30 horas, comida solidaria cos represaliados do sistema e os seus conseguintes debates informais anti-represivos de sobremesa.

Todo o recadado destinase integramente o apoio daquelas persoas presas que na asemblea decidimos os participantes dos xantadores.

http://okupacorunha.wordpress.com/

Etiquetas:
Maio 10, 2012

Carta de Iolanda Fernández

«Pois como acabo de coñecer que non recibistes as miñas anteriores letras, volvo de novo á carga para ver se desta vez consigo facervos chegar o meu agradecemento. Logo do concerto de xaneiro, envieivos unha pequena postal felicitándovos polo traballo e animándovos a seguir adiante, pero polo visto non chegou….

A “desaparición” ou “secuestro” da correspondencia é unha das prácticas máis habituais por estas casas. Eu aquí, até o momento, o certo é que non tiña maiores problemas con este tema, pero no último mes, aparte da “perda” da postal dirixida a vós, “sorprendéronme” coa retención dunha carta baixo a recorrente escusa das “razones de seguridad”. Non sei que podían conter as letras desa carta para que atentasen contra a seguridade da institución, pero algo moi grave debía ser cando optaron por quedar con ela (noutras ocasión devólvena ao remitente). Talvez viña cargada de ánimo e solidariedade… será por iso que a consideraron tan perigosa; sen dúbida o apoio aos revolucionarios presos preocúpalles….

O caso é que as veces, con este tipo de actuacións conseguen impedir novas relacións. Por exemplo, neste caso que vos conto, simplemente me notificaron o nome da remitente do envío [R. P. B.] pero non o seu enderezo así que nin sequera podo escribirlle para informalo do acontecido, polo que o máis probábel é que esta moza pense que optei por non responder. Así queren evitar (ademais de por outros medios) que ampliemos as novas relacións e, en última instancia, a nosa influencia, cousa que, evidentemente, non van conseguir…

Así é que nada, a seguir adiante co traballo que hai moito que facer…»

Iolanda Fernández Caparrós

Presa Política do PCE(r)

Prisión de Castellón

Maio 5, 2012

Benvido Miguel Nicolás!

Dende o COMITÉ DE SOLIDARIEDADE congratulámonos pola saída de prisión de Miguel Nicolás, independentista galego preso desde decembro de 2010. Miguel foi posto en liberdade condicional o pasado 3 de maio tras o pago dunha fianza de 3000 euros. O veciño de Vigo cumpriu a meirande parte da súa pena en prisións sitas fóra da Galiza: Villabona (Asturias) e Zuera (Zaragoza).

Actualmente continuan en prisión case unha veintena de presos e presas políticas galegas, entre comunistas do PCE(r), antifascistas dos GRAPO e independentistas. Todos e todas xulgados ou procesados sen garantias de ningunha clase e sometidos a severos réximes de illamento e dispersión.

Etiquetas: ,
Maio 2, 2012

Un Primeiro de Maio inesquecíbel

Tal e como estaba previsto, tralas manifestacións deste Primeiro de Maio, medio de cento de solidarios, amigos e familiares dos presos e presas políticas, asistiron á comida organizada polo COMITÉ DE SOLIDARIEDADE. Tratábase de reivindicar a Amnistía Total, mais tamén, como dixo unha compañeira do COMITÉ, de “denunciar unha represión que non lles afecta unicamente aos presos ou aos militantes revolucionarios senón que se está a estender ao conxunto do movemento popular”.

Rematado o xantar e a intervención da compañeira, sorteouse unha reprodución do Guernika de Picasso feita polo preso político dos GRAPO Suso Cela Seoane.

Ás seis da tarde foi a quenda de Mini e Mero, acompañados para a ocasión de dúas fermosas voces e un excelente violinista que tampouco quixeron faltar á cita. Preto de 100 persoas ateigaron o Bar Faluya que cedeu desinteresadamente o local durante toda a xornada. Os fundadores de Fuxan os Ventos e membros na actualidade do grupo A Quenlla, deleitaron aos asistentes cos súas cancións, coa súa poesía; con esas voces e esas melodías que non deixan indiferente a ninguén. Houbo ocasión tamén para o humor e, como non, para a denuncia da opresión nacional e social que padece a nosa patria, Galiza.

En definitiva, un Primeiro de Maio inesquecíbel ao que lle puxo a guinda a noticia da liberación (baixo fianza de 3000 euros) do preso político galego Miguel Nicolás.

No nome do COMITÉ, grazas a todos e todas e Benvido Miguel!

Etiquetas:
%d bloggers like this: