Archive for Xullo, 2012

Xullo 26, 2012

Aurora Cayetano Navarro en illamento

Segundo informa o SRI, Aurora Cayetano Navarro, presa política do PCE(r), atópase actualmente no módulo de illamento da prisión de Villena, en Alacante. A súa negativa a partillar cela cunha presa social semella estar na orixe desta nova provocacion. Os carcereiros saben de sobra que os presos políticos néganse, por principio, a partillar a súa cela; algo que o propio regulamento penitenciario contempla cando sinala que “todos os presos teñen o dereito a unha cela individual”. Dereito que Institucións Penitenciarias recoñécelle só aos presos que a lle dá a gana, como corruptos, policías, violadores, etc, etc.

Etiquetas: ,
Xullo 17, 2012

«Fíxoseme raro que non estivesen as fotos do resto de compañeiros». Carta de Iolanda Fernández

Xa tardaba en pórvos unhas letras e darvos as grazas polos últimos envíos. Todo chegou as miñas mans e non vexades a ilusión que me fixeron as fotos. Deume moita ledicia ver algunha cara coñecida e aínda máis ver unha chea de caras novas. Emocioneime coa crónica do acto de aniversario [do COMITÉ] e por saber que nos tedes ben presentes. Unha vez máis: moitas grazas!! Aínda que tamén recoñezo que botei algo en falta. Fíxoseme raro que no escenario non estivesen incluídas as fotos do resto de compañeiros do Colectivo de Presos, pois anda que o voso traballo se centra nos coruñeses, penso que no acto tiñamos que estar representados todos. De todos xeitos isto non quita para que vos felicite pola boa marcha do traballo e por ese segundo ano cumprido.

Polo demais, por aquí bastante ben aínda que un pouco de mala hostia desde que me quitaron a posibilidade de chamarvos. Esta claro que no é unha cuestión de seguridade senón un novo intento de illarnos dos nosos achegados. Será así como pretenden dobregarnos até que aceptemos ese novo plan de reinserción? Nos loitamos polas liberdades políticas que eles nos negan; así que nos non temos nada do que arrepentirnos. Así que se poden quedar co seu plan e incluír nel a ese que xa hai tempo que non están nas nosas ringleiras… Nós, namentres, seguiremos resistindo nestas ou en peores condicións coa mesma dignidade coa que o vimos facendo dende hai décadas…

Iolanda Fernández Caparrós
Presa política do PCE(r)
Prisión de Castellón

Xullo 12, 2012

Vídeo da palestra dos mineiros no Bar Faluya (A Coruña)

Etiquetas:
Xullo 6, 2012

Xornadas na Coruña en solidariedade coa loita dos mineiros

Cartaz do concerto no Bar Faluya

Venres 6 de Xullo a partir das 21:00 Concerto de canta-autor punk Bitxobola na Baiuca Terra (Rúa Vista, A Coruña) en solidariedade coa resistencia mineira.

Sábado 7 de xullo ás 19:00 h. Charla-coloquio cunha representación dos mineiros asturianos no Bar Faluya (Rúa Orzán – A Coruña) . Concerto solidario ás 21:00 horas no mesmo sitio.

Etiquetas:
Xullo 1, 2012

Carta de David Garaboa, preso político comunista, á solidaria Pepita Seoane

Pepita Seoane durante un acto pro-amnistía

«Miña querida Pepita: aquí mándoche a resolución que me deron notificándo a supresión das chamadas telefónicas contigo. É unha medida adoitada polo “Centro Directivo”, polo que supoño que afectará tamén a outros camaradas.

Como verás, prohíbennos falar por teléfono por “motivos de seguridade”… O primeiro que pensei foi que moito medo che ten esta xentiña para que aos teus 72 anos nin sequera me deixen falar contigo por teléfono, mais despois de cavilar pausadamente entendo as súas razóns.

Estes fascistas queren ver aos presos e presas políticas derrotados, arrepentidos, axeonllados. E non poden aturar que falemos contigo, porque saben moi ben que malia a túa idade e os teus problemas de saúde, sempre sacas o mellor de ti en cada chamada para facernos chegar os teus folgos e contaxiarnos da túa forza e do teu entusiasmo revolucionario.

Asemade, entendo que esta prohibición está motivada en gran medida polo bo traballo que estades desenvolvendo no COMITÉ DE SOLIDARIEDADE COS PRESOS E PRESAS POLÍTICAS. Son xa dous anos facéndonos chegar o voso apoio e o voso agarimo; dous anos facendo que a nosa voz non fique aferrollada dentro destes muros e chegue á nosa xente. Xa que logo, a vosa solidariedade é moi perigosa para os fascistas que nos teñen encadeados porque estades a rachar ca súa impunidade; estades rachando co illamento que pretenden impornos e, en definitiva, estades rachando cos seus plans de aniquilamento dos presos políticos.

Pepita: botarei moito en falta as nosas charlas e os risos que sempre botábamos xuntos, pero hoxe aínda máis que onte síntome moi orgulloso de ti, e tamén de todos e todas as compañeiras do COMITÉ DE SOLIDARIEDADE.

Recibide unha enorme aperta cargada de forza e agarimo, e adiante co voso traballo solidario. Venceremos!»

David Garaboa Bonillo

Preso político do PCE(r)

Prisión de Villena.

Etiquetas: ,
%d bloggers like this: