Posts tagged ‘CARTAS’

Xaneiro 4, 2012

Carta de David Garaboa

David Garaboa na Audiencia Nazional

Queridos compañeiros:

Tal e como vos dixen, aquí estou para comentarvos o da visita que me fixeron uns días despois do anuncio de ETA do seu abandono da loita armada. Como vos dixen por teléfono, non lle din moita importancia, pois entendo que este tipo de visitas non van máis alá de apalpar o ambiente entre as nosas filas.

Viñeron verme dous funcionarios, un home e unha muller, que se identificaron como membros do “equipo de seguridade” do cárcere. A actitude dos funcionarios foi moi correcta e respectuosa tanto nas formas como no fondo. E con isto último refírome a que en ningún intre viñeron con babexadas sobre hipotéticas rendicións ou arrepentimentos. Foi un intercambio de opinións encol a situación creada a raíz do abandono da loita armada por parte de ETA, e de como podería afectar esta nova situación ao noso Colectivo.

No terreo persoal o único que me preguntaron (foi a primeira pregunta) é como levaba o de estar en illamento, e se non tiña ganas de estar nun módulo de “vida normal” aínda que seguise en Primeiro Grao. Díxenlles que tanto me tiña estar no illamento ou nun módulo, e que eu nada máis tiña dúas reivindicacións a ese respecto: a nivel persoal, que me xunten coa miña compañeira nunha mesma cadea tal e como correspóndenos segundo as súas propias normas ao ser Parella de Feito, e en virtude do Auto do Xuíz de Vixilancia Penitenciaria no cal se nos recoñece deste xeito; e a nivel colectivo, o reagrupamento de todos os presos e presas do PCE(r) e dos GRAPO. Recoñecín que estas dúas reivindicacións non dependen desta cadea, senón que son competencia de “Madrid”. E engadín que se de verdade estaban interesados en mellorar as miñas condicións de vida nesta cadea, só lles facía unha petición: que me xuntaran cos presos políticos vascos. Porén, informáronme de que tiñan unha orde escrita da Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias segundo a cal non podo compartir módulo cos presos vascos, nin cadrar con eles en ningunha actividade.

A seguinte pregunta foi que opinión me merecía a decisión tomada por ETA, ao cal respondinlles que en todo caso deberían contarme eles a min, pois eu levo varios anos afastado dos presos vascos e as miñas únicas novas son as que escoito vía radio ou vexo en televisión. Os funcionarios dixéronme que cos que eles falaran vían con optimismo o seu futuro, e que probabelmente despois das eleccións se producirían movementos de certo calado co Colectivo de Presos Vascos. Insistiron en preguntarme pola decisión da ETA, pois dicían, con razón, que algunha opinión tería que ter, pero mordinme a lingua e non dixen ren.

Isto deu pé a que me preguntaran se non agardabamos beneficiarnos “de rebote” dos beneficios penitenciarios que se lle puidesen aplicar aos presos vascos, cousa que, na miña opinión, vai depender de que se produzan cambios de certo calado. Se por exemplo se derroga a “Lei de Partidos” ou a denominada “Doutrina Parot”, si que poderíamos beneficiarnos dun ou doutro xeito. Máis tamén pódense conceder beneficios tipo terceiros graos ou liberdades condicionais dun xeito selectivo e arbitrario, como quen reparte esmola, e facelo á marxe dos nosos presos. Así que xa veremos.

No que máis insistiron foi en preguntarme senón estaba previsto que o noso Partido, o PCE(r), tomase algunha iniciativa na mesma dirección que o MLNV. Eu respondinlles que, até onde eu sabía, a pelota estaba no tellado do Estado, posto que o noso Partido pronunciouse xa no seu momento (e fixémolo por escrito dende as páxinas do “Resistencia”) mostrando a súa disposición para que ese diálogo puidera producirse. Isto é: deberían xuntar a todos os presos e presas do PCE(r) e dos GRAPO nunha mesma cadea, do contrario, non temos nada que falar.

Os funcionarios dixéronme que recentemente puxémonos todos de acordo para levar adiante diferentes protestas carcerarias en solidariedade cun compañeiro noso (referíanse ao Camarada Arenas), sen necesidade de estar xuntos. Mais expliqueilles que son planos diferentes: se un camarada ten problemas moi graves estes se converten nun problema do Colectivo e actuamos coma unha piña, aí non hai nada que discutir. Porén, se falamos da loita armada ou de calquera outra cuestión que afecte á nosa Liña Política, si é preciso xuntar a todos os nosos presos para que poidamos discutir colectivamente antes de transmitir a nosa opinión á Dirección do Partido. Ademais, que poderíamos agardar do Estado se nin sequera está disposto a xuntar a pouco máis de trinta presos, aínda sabendo que pode volver a separalos despois?

Os funcionarios dicíanme que a nos interesábanos o diálogo co Estado aínda que só fora para arranxar canto antes a situación dos nosos presos. Entón faleilles das negociacións de 1996, e clarexeilles que xa daquela o noso Partido non aceptou a fórmula de negociación “Paz por presos” que nos propoñía o Estado, senón que esiximos “Paz por liberdades”; é dicir, liberdade plena para defender as nosas ideas e programa comunistas. Insistín en que a pelota está no tellado do Estado; en que a nosa vontade de resistir é firme, e eles o saben; en que malia o estado actual das nosas forzas, máis de trinta anos de historia da loita revolucionaria teñen moito peso político. Isto é algo que eles mesmos recoñeceron. Igualmente, concordamos en que á marxe do que diga a propaganda oficial, non é posíbel rematar cun movemento revolucionario coma o noso pola vía policial, xa que mentres exista a vontade de resistir, antes ou despois aparecerá alguén disposto a retomar a loita.

En resumidas contas, os funcionarios interesáronse fundamentalmente por saber se tiñamos previsto algún movemento na mesma dirección que a esquerda abertzale. E eu insistín en que se o Estado quere falar en serio con nós, deberán reagrupar ao conxunto do noso Colectivo de presos nunha única prisión, como condición previa e imprescindíbel para que ese diálogo poida producirse.

Compañeiros e compañeiras, isto é todo por hoxe. Recibide unha enorme aperta cargada de forza e agarimo, e outra ben forte para todo a tropa solidaria que temos na Coruña. Moitos biquiños!

Venceremos!

David Garaboa, preso político do PCE(r)

Prisión de Villena, 23 de novembro do 2011

Etiquetas:
Xaneiro 3, 2012

Máximo 5 liñas para felicitar as Festas

Reverso da postal enviada por Carmiña

“Escribireiche cando pasen estas festas. Podemos mandar felicitacións pero non superar as cinco liñas. Vanche os nosos biquiños, e un mundo de Forza. Ánimos para o 2012. No nome de Gorka, Juan [ambos presos políticos dos GRAPO e PCE(r) respectivamente] e o meu propio. Apertas. Carmiña.

Carme Cayetano Navarro, presa política do PCE(r)

Etiquetas:
Decembro 30, 2011

Por un 2012 alegre e combativo!!

David Garaboa na Audiencia Nazional

E aproveito a ocasión para desexarvos un bo ano, sobre todo en saúde, porque no político, a situación vai seguir empeorando como consecuencia da crise económica, política e social do capitalismo; polo tanto, as condicións obxectivas van seguir mellorando para que as ideas e principios comunistas sexan comprendidas e asumidas polo pobo traballador. Dicía Victor Hugo “Non hai nada máis poderoso que unha idea á que lle chegou o seu momento”. E as ideas do vello Marx son cada día máis vixentes.

O futuro é o comunismo!
Compañeros e compañeiras: Venceremos!

Por un 2012 alegre e combativo!

David Garaboa, preso político do PCE(r)

Etiquetas:
Outubro 1, 2011

Manuel Arango en folga de fame

Queridos camaradas e solidarios, aquí envíovos este texto coas últimas prohibicións que nos puxeron. A partir de agora xa non poderei escribir ningunha carta de forma pública, até que non se me restitúa o dereito de pór “Preso Político do PCE(r)” [nos sobres e comunicacións]. De inmediato comezo as protestas, incluída a folga de fame. Ademais abarcarei a grave situación dos presos políticos enfermos, cuxa desatención e abandono é clamoroso. Recibide unha forte aperta. Polo COMUNISMO! Manuel Arango Riego. Manolo”

Dun tempo para acó puxeron en marcha nesta prisión diversas prohibicións e restricións, que agravan as condicións de vida de todos os presos políticos que aquí nos atopamos.

Dentro destas medidas represivas, engadiron apenas fai uns días a prohibición de reflectir a nosa condición de presos políticos e a nosa militancia no sobre das cartas, as instancias e calquera outro texto de relación entre o cárcere e o preso.

De tal xeito que, como no meu caso, pór o meu nome e embaixo: “Preso Político do PCE(r)” é “ilegal, é un “delito”. Polo cal devolvéronme as cartas que escribín esta semana.

Esta censura política ten detrás unha longa traxectoria: a prohibición de enviar máis de 2 cartas por semana; a disposición xudicial de que a policía e organismos penais poidan supervisar permanentemente o contido das nosas cartas; as retencións ao seu libre albedrío de cartas, libros e textos que nos envían; a prohibición de recibir toda carta na que se atope fotos ou simples recortes pegados en cartolinas; confiscación de cartas supostamente “sospeitosas de transmitir consignas”; as nosas cartas tardan semanas en chegar aos seus destinos e viceversa, para ese efecto podo sinalar que durante 4 anos as cartas entre a miña compañeira sentimental (Presa Política do PCE(r) en Brieva) e eu tardan invariabelmente en chegar entre 32 e 35 días; o demais son as confiscacións de textos de diverso tipo nos cacheos de celas.

A todo isto hai que engadirlle as prohibicións de teléfonos aos que viña chamando, como me pasou no mes de febreiro con respecto ao teléfono de José Luís Fernández González porque “é solidario e ex-preso político”.

Pretenden así reducirnos ao silencio e a incomunicación total. Por aquí marcha unha parte da política represiva penal, dirixida ao exterminio dos presos políticos existentes nos cárceres do Estado Español, vella aspiración do réxime fascista.

Manuel Arango Riego

Preso Político do PCE(r)

16 de setembro de 2011

Etiquetas: ,
Agosto 20, 2011

Carta de Paco Cela Seoane (extractos)

A cuestión é que me suspenderon todas as chamadas telefónicas e as comunicacións. Agora teño que solicitalas por instancia ao Director unha a unha. Mais como só podo efectualas de luns a venres, pola mañá, e tardan en contestar ás instancias, no mellor dos casos, poderei facer dúas chamadas á semana. Tamén me anularon as de Suso [irmán de Paco, preso político dos GRAPO en Badaxoz]. Esta medida é como un saco sen fondo, xa que non ten limitación temporal. É dicir, até que lles pareza ben ou se cansen. E como lles debeu parecer pouco, hoxe entregáronme outro parte sancionador. Este fin de semana farei o recurso, por aquilo de non deixar de exercer o dereito ao pateo.

 A ver, a medida é dura, sobre todo para vós, pero crédeme que eu nin me inmutei. Isto hai que situalo en perspectiva e enlazalo coa situación xeral, a un lado e outro do muro e das reixas, fóra e dentro. Xa que logo, máis vale que nolo tomemos con calma e até con humor. Se un día conseguisen anularnos o sorriso, entón si sería para empezar a preocuparnos seriamente.

Somos catro gatos, o do tambor fuxiu coa corista, o que non está coxo está vesgo e o que non escarallado. Pero con todo iso, malia os innumerables golpes policiais que sufriu a clandestinidade, ou a que nos encontremos moitos no cárcere e o que se queira, representamos a única alternativa a un Sistema que de podre ule máis alá dos confíns do Universo. E neste país, quen de novo queira inzar ao Vento as bandeiras revolucionarias, as únicas capaces de sacar á humanidade desta barbarie, tera que vir a recollelas das nosas mans.

O problema é que a correlación de forzas nos segue sendo sumamente desfavorábel. Esta é a clave. Isto é o que nos obriga a manter un repregamento constante. O que explica que, na última década, nos cárceres non puidésemos realizar contraofensivas coas que tratar de recuperar parte de tanto terreo como nos levan arrebatado. E probabelmente, esta situación aínda se prolongue por un tempo. Así que calma, paciencia e bos alimentos, que o que a Historia non avanza en 50, 100 ou 200 anos, cando se acelera pódeo cubrir en dúas zancadas. E todo parece indicar que a aceleración deses Ventos é xa un feito, por máis que aínda sexan incipientes, emerxentes, que non estean senón recén despregándose…

Paco Cela Seoane

Preso Político do PCE(r)

Prisión de Valladolid

Etiquetas:
Xuño 10, 2011

Carta de Isabel Aparicio

Debuxo do preso político M. Arango

«Alegroume moito vervos no xuízo, aínda que foran unha décimas de segundo mentres me baixaban polas escadas, nin sequera puiden darvos unha aperta; polo menos puidestes darlla a Paco [Francisco Cela Seoane] e estar con el uns intres. Do xuízo nada que contar que non saibamos. O de sempre: os xuíces ao servizo da Garda Civil, coas súas mentiras, as súas montaxes, a súas terxiversacións… e decididos a que, a partir desta sentenza, co seu auto xudicial, o Partido deixe de existir. En 2002, tamén mediante outro auto, ilegalizáronnos cando nós negámonos sempre a pasar pola “ventanilla”. Agora nos converten nun apéndice dunha organización armada. O último día do xuízo, a señora fiscal soltou un GRAPO-PCE(r); a verdade é que pensei que lle traizoara o subconsciente xa que até ese momento todo era PCE(r)-GRAPO. Mais errei, porque cando a semana pasada nos deron a sentenza, ao lela, dáste conta de que a fiscal non metera a pata, pois todo o auto está inzado de GRAPO-PCE(r).

A estas alturas imaxino que xa saberedes a sentenza. A Paco botáronlle os mesmos anos que a Manolo [Manuel Arango Riego]. Once anos e oito meses. Nin sequera tiveron en conta que Paco se incorporara facía nada, até o punto de que, cando o deteñen, levaba o seu carné de identidade; nin sequera lle respectaron isto. Antonte viñeron os avogados e dixeron que todos eles ían recorrer a sentenza, principalmente o tema da falsificación de documentos, que nos meteron o máximo, o que corresponde ao autor material da falsificación. Francamente, non son eu das que pense que o Supremo vaia variar esta sentenza, mais si eles pensan que é o mellor, que o fagan. Mentres tanto a seguir loitando, a seguir resistindo, dentro e fóra, queda moito por facer e todo por conquistar.

Amor e forza e un bico cargado de Resistencia para todos.»

Isabel Aparicio Sánchez

Militante do PCE(r)

Prisión de Brieva (Avila)

Etiquetas:
Maio 11, 2011

Carta de Miguel Nicolás, preso político galego

Atópome ben, chegáronme a torcerme un pouco o sorriso, pero tras volver acariciar as ás, que non conseguiron, nin conseguirán dobrar, volvín a encher a mirada co horizonte que procuro. Horizonte que nin barrotes, nin muros, lograrán desterrar a súa luz.

Aínda así… non todo o mérito foi meu. Tiven a sorte de contar co consello e tranquilidade de moitos presos, tanto vascos como de Isra [Israel Clemente, preso político dos GRAPO], e se sego en pé, incluso podería falar dunha pequena vitoria… Mais, antes de nada, situareime.

Escríbovos dende a cadea de Villabona, Asturies, no Módulo 8 (preventivos). A verdade é que cada carta que vos escribo soe ser dende novas circunstancias e non é que sexa moi normal, non? Aínda non levo 4 meses de secuestro, e xa me coñezo catro módulos e dúas cadeas… Así é a “xustiza” e así me tratan os que a ao servila convértena en mentira e ruindade.

O entrar intentaron mandarme para un Módulo Terapéutico deses, no que máis que un escarmento, semellaba coma un agasallo: biblioteca da hostia, cursos, actividades, hixiene, etc… Pero cando me dixeron as normas, axiña entendín que de agasallo nada… Ademais, esta cadea para nada foi escollida ao azar polos uniformados da Lama. Tratábase tamén dunha medida de incomunicación cos presos políticos doutros módulos e cadeas, que mediante a chantaxe igual crían que conseguirían lograr…

Coido que baixo ese destino trataban tamén de calar as miñas críticas ao réxime, xa que nas cartas intervidas non deixei de describir a realidade dos centros represivos coma o que son: centros de escarmento coa finalidade exclusiva da degradación da persoa, dentro dun ambiente insalubre, envolvido na drogadicción que o mesmo réxime fomenta e facilita para o control dos internos; así coma a humillación, o abuso, as malleiras indiscriminadas, os réximes de illamento onde as malleiras ademais convértense en tortura e un longo e aberrante etcétera, que todo preso pode contar.

Pois a cadea de Villabona é coma a árbore co que o sistema pretende agochar ese bosque, pero a realidade é tan putrefacta que a árbore cae polo seu propio peso. Os módulos do “Proxecto Home” son excepción coa que pretenden mediatizar como finalidade común dos centros de alienación e tortura, son o lado máis hipócrita que pretenden vender á opinión pública, son mentira…

Este cadea é coma o sistema capitalista, coma unha moeda, coma unha cara falsa pero astuta, e a cruz onde envían a quen cuspimos nela. E claro, dende a cruz escríbovos, dende un módulo de merda sen outra actividade que a de camiñar entre muro e muro, sen lugar para sentar a escribir con calma, cunha cela compartida cun compañeiro, ademais das cucarachas que saen de calquera recuncho…

Mais, sabedes? Nin me amarga, nin me preocupa, pois aínda que teña que camiñar entre merda, sego a camiñar coa cabeza erguida, e cun palpitar que aspira á altura humana dun revolucionario, coma o meu querido Telmo, coma Israel, coma os vascos, como tantas e tanto loitadores que admiro e dos que teño tanto que aprender, con Abelardo Collazo sempre presente… Pois mentres siga preso, o sistema xa non me estará escarmentando, se non dándome á oportunidade de formarme e fortalecerme…

(…) Moitas grazas e unha aperta a todos e todas.

Miguel Nicolás Aparicio


Etiquetas:
Maio 3, 2011

Crónica dun xuízo-farsa. Paco Cela Seoane

Sóbenme dos calabozos da Audiencia Nacional á sala onde se vai celebrar o xuízo. Reencóntrome cos camaradas. A emoción que nesa apertas se desata, a ledicia que se desborda, o sorriso, as palabras entrecortadas. Como dixo Julius Fucik: “alí onde dous comunistas ou revolucionarios se xunten, así sexa no mesmo inferno dos calabozos policiais, de inmediato emerxe e se arma a Comunidade dos Celebrantes da Vida, da Loita, do Amor, a celebración dos ideais nos que ardemos e que son os que acenden nas nosas pupilas a luz e o brillo de madrugada.”

Os Tribunais, como os hospitais, teñen un non sei que de tristura suspendida no ar, un non sei que de atmosfera ameazante, como fíos de coitelos asexantes. E cando o Tribunal é de Excepción para amordazar a boca e o berro da Revolución, o que se persegue e condena é a ousadía dos parias e os desherdados da terra de lanzarse á tomar o ceo por asalto.

Decrétase Sesión Pública e a nosa xente comeza a entrar na Sala. Vexo entrar a Susana e María José, radiantes; a Xan, Brais, Bugui, Oscar, David e Javi, que me saúdan puño en alto; a Vanessinha, a miña pitufiña, que me aperta co seu sorriso entrañábel; aos país de David Garaboa, a Pili e Santiago, que tanta ledicia me produce velos; a Chemari e Antón, que sempre acoden á cita coa Solidariedade; a miña nai, sempre aí, de pé, enteira, toda una vida xa seguíndome de xuízo en xuízo e de cadea en cadea; ao meu irmán Carlos, o pequeno, o que tiña tan só 8 anos cando me fun por primeira vez á clandestinidade.

Retrocede a historia suspendida no ar, retrocede a atmosfera ameazante e se desvanecen os fíos dos coitelos asexantes. Un sol fraternal e solidario ábrese paso na Sala e todo se volve cálido, entrañábel, próximo.

Principia o xuízo. Chámanos a declarar. Nin una soa acusación de delito concreto, ningunha proba, tan só meras e até disparatadas conxecturas. Declara Manuel Arango, militante do PCE( r ), 62 anos, case corenta de militancia; detido e encarcerado por primeira vez no ano 1974. Declara Lucio Blanco, militante do PCE( r), 60 anos, máis de 30 anos de militancia; detido e encarcerado por primeira vez en 1979. Declara Isabel Aparicio, militante do PCE( r ), 58 anos, máis de 35 anos de militancia, detida e encarcerada por primeira vez en 1981. Declara Paco Cela, militante do PCE( r ), 52 anos, máis de 30 anos de militancia; detido e encarcerado por primeira vez en 1981. Ademais, Israel Clemente e Xurxo Gracia, militantes dos GRAPO, condenados a 40 anos de cadea.

En cada declaración vaise despregando una vida entregada en corpo e alma á Revolución, á defensa intransixente dos intereses da nosa clase, sempre na primeira liña de combate; da clandestinidade aos calabozos policiais, dos calabozos policiais a cadea; tras 12, 15, 20 anos de cárcere, de novo á clandestinidade, de novo a seguir empurrando do carro da Historia.

Todos os militantes do PCE ( r), recoñecémonos e reivindicamos como comunistas e como tales non agochamos nin os fins que perseguimos nin os medios que empregamos para acadalos. Propoñémonos e propugnamos abertamente, a través dunha estratexia de Guerra Popular Prolongada, a insurrección armada da clase obreira e as masas populares para destruír o Estado burgués, instaurar a ditadura do proletariado, construír o Socialismo e encamiñarnos cara a sociedade comunista, sen clases e sen Estado, onde sexa posíbel inzar a bandeira de: “ de cada un segundo as súas capacidades, a cada cal segundo as súas necesidades”.

Mais o PCE( r ) non empuña as armas nin práctica a loita armada porque non é o seu cometido, non é o papel que ten asignado na grande obra de organizar a Revolución. Xa que logo, é absolutamente falsa a acusación que se nos fai de ser integrantes dunha organización armada; falsa acusación pola que nos piden 12 anos.

Ao final da segunda sesión do xuízo, o Xuíz concedeunos 5 minutos para saudar aos amigos. Vexo entrar a Oscar, a Bugui, a Brais. Fúndome con eles nunha tremenda, cálida, entrañábel, interminábel aperta. E nesa aperta, aperto a todos os que estabades e a todos os que non puideron vir. E tamén, por un intre, a través das anchas alamedas desa aperta, fuxo e volvo a camiñar ceibe polas rúas da Coruña, volvo a sentir e ulir o seu mar, báñome na ledicia dos seus días claros. A vida e a loita ensináronme a non ollar para atrás coa inútil tristura das lembranzas, a perseguir a ruptura que me empuxa cara ao novo, cara ao que nace; pero vós, a miña xente, sodes un inmenso mar azul ao que sempre volvo e no que algún día quixera apagarme.

Condenarannos. Unha vez máis, volveremos a cumprir outro bo número de anos de cadea, de illamento, de represión, de soidades. Arregarásenos a pel, porásenos o cabelo aínda máis branco. Mais, tal vez con sesenta, con setenta, con setenta e tantos anos, sempre que a nosa quebrantada saúde nolo permita, algún dia, algún ano ou século destes, volveremos, regresaremos ao seo da nosa clase e do noso pobo sen ter arriado nin una soa das bandeiras que nos puxestes nas nosas mans, intacta a chama e o fogo que aviva o mundo novo que xa palpita nos nosos peitos.

Paco Cela Seoane

Preso político do PCE ( r )

Prisión de Valdemoro a 1 de marzo de 2011

Etiquetas:
A %d blogueros les gusta esto: