Posts tagged ‘DENUNCIAS’

Xullo 28, 2013

Benvida Iolanda! Amnistía total!

Suso Cela e Iolanda Fernández, ex-presos políticos recentemente liberados

Suso Cela e Iolanda Fernández, ex-presos políticos recentemente liberados

O pasado día 24, Iolanda Fernández Caparrós, ex-presa política do Partido Comunista de España (reconstituído), volvía, por fin, á casa. Iolanda e a tamén galega Aurora Cayetano Navarro, foran detidas en Madrid o 18 de xullo de 2002 no marco dunha ampla operación represiva que levaría a prisión a máis de 20 activistas do PCE(r), dos GRAPO e dos Comités por un Socorro Roxo Internacional. Todos eles e elas foron condenados a elevadas penas de prisión tras ser acusados indistintamente de “pertenencia a organización terrorista”, definición inventada polo prevaricador ex-xuíz Baltasar Garzón ao calor da coñecida como “Ley de Partidos”.

Iolanda e Aurora xa están na rúa e hai que alegrarse infinitamente por iso. Pero, polo mesmo, non debemos perder de vista que “dentro” aínda quedan numerosos comunistas condenados coa “Ley de Partidos”. Entres eles o noso veciño David Garaboa, detido e cruelmente torturado no ano 2005 que actualmente cumpre unha pena de 11 anos; ou o noso Paquiño, Paco Cela Seoane, detido en 2007 -tras pasar máis de 20 anos na cadea- e que foi condenado a idéntica pena. Seguen inxustamente presos tamén, os militantes dos GRAPO condenados todos eles, na práctica, á cadea perpetua. Tal é o caso, por exemplo, do vigués Xaime Simón Quintela, camiño dos 30 anos de prisión (leva 28 ininterrumpidos) retido ileGALmente en aplicación da chamada “Doutrina Parot”, o mesmo que a súa camarada Olga Oliveira e tantos outros e outras…

Por iso hoxe máis que nunca, cando recibimos con ledicia a estes homes e mulleres, cómpre recordar -como fixo o propio Suso Cela na súa homenaxe- que: “na cadea aínda quedan moitos compañeiros e compañeiras” e que, entre todos e todas, temos que facer o posíbel por liberar.

Benvidos Suso, Iolanda e Aurora!!

Non estamos todos!! Faltan as presas!!

Amnistía Total!!

Etiquetas:
Maio 17, 2013

Detida a Secretaria Xeral do SRI suízo

sri_suíza

Andrea “Andi” Stauffacher, membro da organización “Revolutionärer Aufbau Schweiz” (RAS), do Socorro Roxo de Suíza e da secretaría internacional do SRI entrou onte na prisión de Winterthur. Andi foi condenada en novembro de 2011 a dezasete meses de prisión polo tribunal penal de Bellinzona por “danos á propiedade e emprego de explosivos con propósito delituoso”. Tratábase de uso de fogos artificiais polos ataques que causaron prexuízos ao consulado español en Zúrich (acción realizada en solidariedade cunha folga de fame dos presos revolucionarios en España) e contra un inmoble que aloxaba locais de policía.

Unha pegada parcial de ADN encontrada no lugar correspondería ao seu perfil de ADN tal e como fora establecido en 2002, mais, segundo a lei, ese perfil anterior non debería ter sido conservado durante tanto tempo. O tribunal federal deu a razón aos avogados neste punto: a proba era ilegal. Pero finalmente o tribunal confirmou a condena declarando que se a policía tivese procedido legalmente (realizando novas consultas de ADN), o resultado tería sido o mesmo… Un novo recurso foi arquivado, pero, a diferenza do anterior, non é suspensivo e polo tanto encarceraron a nosa camarada.

Nota do SRI de Bélxica.

Etiquetas:
Setembro 17, 2012

Nova escalada represiva contra o independentismo galego

O sábado 15 de setembro, a policía nacional e a garda civil desenvolveron un operativo contra o independentismo comandado pola Audiencia Nacional, sendo detidas cinco persoas. Catro delas foron detidas en Vigo e a outra en Compostela. Posteriormente un dos detidos en Vigo sería posto en liberdade sen cargos.

As vivendas onde moran as persoas arrestadas foron rexistradas de madrugada. Arestora, todos os dentidos se atoparían xa en dependencias policias en Madrid. Segundo sinalan os medios de comunicación, os detidos están acusados de pertencer ou colaborar coa organización RESISTENCIA GALEGA.

O organismo antirrepresivo CEIVAR está a convocar concentracións en solidariedade cos detidos tanto en Vigo como en Compostela.

Dende o COMITÉ DE SOLIDARIEDADE COS PRESOS E PRESAS POLÍTICAS de A Coruña solidarizámonos igualmente cos detidos, os seus familiares e amigos, ao tempo que denunciamos está nova escalda represiva contra o independentismo galego.

Etiquetas:
Xuño 13, 2012

Carta dos pais de Roberto Liñeira e Albino López a “El Pais”, xuño 1981

Adhesivo editado en 1997

«Como pais e parte interesada en todo o concernente á morte dos nosos fillos Roberto e Albino, creemos que temos que dicir algo que pode axudar a aclarar os feitos e despexar certas incógnitas que non se escapan a máis elemental análise. Téñennos que explicar como é posíbel ocultar, nun pantalón vaqueiro, unha pistola do tamaño de Star do nove longo nunha perna do pantalón; todos sabemos que son esaxeradamente estreitos. E polas probas que fixemos con armas de xoguete, podemos asegurar rotundamente que, non que se pode ocultar sen ser notada.

Se esta pistola non era a que levaba Albino e si Dolores, como é posíbel que esta puidese ocultala na caluga, segundo unha versión, ou debaixo dunha viseira, segundo outra, co cabelo tan curto e pouco abundante que tiña? Tamén fixemos probas e non é posíbel que esta se suxeite na cabeza dunha persoa de 46 quilogramos de peso aproximadamente, e de pouco corpo, cabeza pequena, sen ser notada nos seus movementos.

Segundo versión oficial, ambos os dous (Albino e Dolores) sacaron as súas armas que levaban ocultas; ela na cabeza ou caluga e el no pantalón. Loxicamente, ela tivo que levantar un brazo e a el agacharse para tomar senllas pistolas, como se explica que ambos os dous recibisen os impactos a 146 centímetros aproximadamente do chan, ela no pescozo e cara, e el no peito e ambos os dous claramente de dous refachos do mesmo subfusil.

Nese momento había tres gardas civís e dous foron feridos, un de gravidade. Examinouse por un perito xudicial experto en balística se o proxectil procedía das armas dos mozos? Teñen que explicarse por que Albino presentaba un tiro na tempa perpendicularmente oposto ao refacho…

Roberto Liñeira recibiu un impacto no dedo corazón da man dereita, o que demostra que, ou tiña a man no rostro ou tiña a arma empuñada, segundo a versión oficial, o que puido facer que quedase instantaneamente desarmado. Era preciso matalo? Pode que lle desen antes na cabeza, pero entón teríase derrubado. Esixo que se demostre ante todas estas circunstancias por que se lle matou. Ao outro mozo aseguran que non chegou a tomar a súa arma e o mataron tamén.

O artigo 15 da Constitución, di que queda abolida a pena de morte, nin ninguén será sometido a trato inhumano… Polo tanto, todos estamos obrigados a respectar a integridade física dos demais, en especial os que representan a orde, posto que son eles os que teñen que velar para que isto se cumpra, pero nunca para substituír os xuíces, debendo de ter en conta que somos os cidadáns os que mantemos este aparato, en especial os traballadores…

Sabido é de todos que ambos os dous enterros estaban tomados pola Garda Civil e Policía Nacional, mesmo de paisano dentro destes…

E, por último, tamén preguntariamos a dirección do PSOE e ao PC como é posíbel que a toda esta xente, coñecidos anti-demócratas, se lles dese unha patente de corso, coa Lei Antiterrorista, sabendo que esta ferramenta en mans dalgúns é nefasta. Ao mesmo tempo, solicitamos deses comités executivos pidan unha explicación no Congreso, independentemente dos recursos legais que procedan.»

Roberto Liñeira Graña e Gumersindo Gabriel

Publicado en El País o 30 de xuño de 1981

Etiquetas: ,
Marzo 30, 2012

Tarxeta contra a pena de morte encuberta

Sr. Ángel Yuste

Secretario Xeral de Institucións Penitenciarias

Alcalá 38-40

28014 Madrid

Segundo o artigo 196,2 do Regulamento Penitenciario, os penados enfermos “moi graves con padecementos incurábeis” teñen dereito á liberdade condicional, polo que solicito a incoación dun expediente para a posta en liberdade, á maior brevidade posíbel, do seguintes presos e presas políticas que padecen enfermidades irreversíbeis e crónicas:

Manolo Arango Riego

Enrique Kuadra Etxeandia

Laureano Ortega Ortega

Mª José Baños Andujar

Francisco Cela Seoane

Carmen Muñoz Martinez

Isabel Aparicio Sánchez

Etiquetas:
Decembro 23, 2011

“Acuerdo de Dirección”

Notificación do CP de Badajoz ao preso dos GRAPO Suso Cela

“Esta Dirección en resolución del día de la fecha, ha tomado el acuerdo de no autorizar la entrega de la documentación que se indica: carta remitida por… Por atentar contra la seguridad y el buen orden del Establecimiento Penitenciario. Dicha carta quedará retenida en su expediente personal…”

Etiquetas:
Novembro 6, 2011

Guerra sucia contra a vida e saúde dos Presos Políticos

As técnicas de guerra sucia que, Institucións Penitenciarias, vén utilizando contra os presos políticos desde sempre, volvéronse máis sutís e silenciosas nos últimos anos da “democracia” bobónica. Todo vale para render e exterminar aos “terroristas”, é a consigna que imparten os xerarcas fascistas desde as cloacas do seu Estado Maior. E a isto din amén todos os partidos institucionais mantidos pola oligarquía financeira. Con esta “licenza para matar”, os carcereiros, con ou sen uniforme, préstanse submisos ao exterminio físico e psíquico dos revolucionarios e dos presos sociais máis rebeldes. As torturas, os malos tratos, as humillacións, as vexacións e os atropelos legais, que se cometen en galerías e módulos, amparados na impunidade que lles outorgan “as súas señorías”, convertéronse na “pedagoxía educadora” da política de “reinserción”.

Nesta repartición de funcións de “pacificación de terroristas”, os médicos-carcereiros estanse situando na avanzada das técnicas de presión e chantaxe desa engrenaxe de guerra sucia. Estes médicos, xunto a enfermeiros e demais persoal sanitario dependentes do Ministerio do Interior, son os que co seu participación activa a maioría das veces, e co seu silencio cómplice outras, están colaborando e participando no “lento” aniquilamento dos presos, minando a súa saúde coa desatención e desidia sanitaria máis canalla.

Desta forma, para os presos, tanto políticos como sociais, a práctica maioría das consultas e enfermerías das prisións, non son máis que a prolongación de celulares e illamentos onde a atención que se recibe é rutineira e superficial, limitándose estes médicos-carcereiros a receitar os escasos medicamentos de que dispón na botica, a maioría deles de pésima calidade e nula efectividade. Cando a gravidade da enfermidade do preso é irreversíbel e urxente, autorízanlle a saída ao hospital, pero só despois de ter que sufrir un calvario de trabas e impedimentos, como atrasos intencionados, cacheos vexatorios, provocacións de carcereiros e outras condicións indignas para calquera persoa.

Por se isto fose pouco, se padece algunha enfermidade de ósos, cervicais, etc., as conducións inhumanas dos traslados nos vehículos da garda civil, en celas de 1,5 m. por 1 m., onde apenas podes moverche nin respirar, acaban por agravar a enfermidade ou doenza que padecen.

Con este panorama “sanitario” son numerosos os presos políticos e sociais que foron asasinados pola neglixencia consciente dos equipos médicos das prisións, que non fan nada para impedilo. Moi ao contrario, este é o criminal método de castigo engadido con que escarmentar e someter aos presos. Nada cambiou nos cárceres! A estratexia de aniquilamento dos presos políticos non só persiste senón que se incrementou. Só que agora conseguiron acalar o escándalo que supón o que saian á luz os abusos dos seus “democráticos e tolerantes” gardiáns. Para iso, contan coa inestimábel colaboración dos xornalistas-policías.

Agora, a destrución física e psíquica dos prisioneiros revolucionarios segue cursos máis sibilinos e maquiavélicos. Para esa tarefa “limpa” de exterminio, como en tempos non afastados dos nazis nos campos de concentración, os médicos-carcereiros se encargan de que sexan “os virus”, “as bacterias”, “os fungos”, “os xermes”… os que realicen o traballo sucio (a modo de GAL bacteriolóxico) e procuren unha morte segura por centos de presos políticos e a outros presos rebeldes que se lles enfrontan. NON PODEMOS CONSENTIR QUE CONTINÚE ESTA SANGRÍA!

______________________________

Extraido do folleto editado polo SRI “La desatención médica es la muerte lenta de los presos políticos”

Etiquetas: ,
Outubro 23, 2011

Campaña pola liberación das presas e presos políticos enfermos

Autocolante editado polo SRI

O Socorro Roxo Internacional ven de editar o traballo: “La desatención médica es la muerte lenta de los presos políticos”, un folleto con artigos de opinión, denuncias e biografías, que servirá de base á Campaña pola Liberación dos presos e presas políticos enfermos que se desenvolverá nas próximas semanas. Unha Campaña á que, como non podía ser doutro xeito, adhírese o noso COMITÉ DE SOLIDARIEDADE. Publicamos a continuación a Introdución deste magnifico traballo editado polos compañeiros do SRI.

A modo de introdución

O obxecto deste traballo é dar a coñecer a situación do Colectivo de presos políticos do PCE(r) e dos GRAPO e ante todo denunciar a dramática situación que sofren os que están gravemente enfermos.

As décadas de condena que a maioría deles levan ás costas, máis as condicións extremas ás que son sometidos, colocan ao bordo da morte a estes revolucionarios. A lista de presos políticos que contraeron enfermidades en prisión, ou que morreron como consecuencia delas, é moi extensa e non vén de agora. Miles de presos políticos, como o líder obreiro José Díaz contraeron enfermidades en prisión que lles levaron posteriormente á morte; outros como Joan Comorera ou o prolífico poeta e escritor comunista Miguel Hernández, morreron vítimas de enfermidades como a tuberculose ou a pulmonía nas frías e insalubres mazmorras da ditadura franquista por loitar pola liberdade.

Hoxe sucede algo moi similar. Debido á tortura sufrida durante a súa detención, á desatención sanitaria, ás precarias condicións en prisión, a unha deficiente alimentación e ás longas folgas de fame que levaron a cabo, os presos políticos son máis propensos a contraer enfermidades graves. Baixo a escusa da “seguridade”, teñen que esperar durante meses para saír aos hospitais e ser recoñecidos e atendidos por especialistas. Unha vez que se consegue o seu traslado a un hospital, a Garda Civil pretende estar presente no momento das exploracións médicas, o que en moitas ocasións fai imposíbel que estas se leven a cabo, especialmente cando se trata de mulleres. Doutra banda, calquera profesional pode negarse a realizar devanditos exames, ao sentirse coaccionado e intimidado pola presenza dos axentes apuntándolles coas súas armas.

Precisamente foi no mes de decembro de 2010 cando o Colectivo de Presos levou a cabo unha protesta para, entre outras reivindicacións, esixir a posta en liberdade dos presos enfermos. Devandita protesta consistiu en dous días de xaxún á semana para denunciar os tratos vexatorios e humillantes, como os cacheos con violencia que realizou o Estado fascista español a mans do seu corpo especializado de Institucións Penitenciarias, pertencente ao Ministerio do Interior, sobre determinados presos cando estes querían comunicar cos seus familiares e achegados; contra o duro réxime de illamento e a dispersión ao que son sometidos (en moitos casos a milesde quilómetros da súa contorna familiar), onde ademais se lles reteñen prensa, libros ou cartas de familiares e solidarios co único obxectivo de impedirlles a comunicación co exterior, ou polo menos facerllo máis difícil. Pero sobre todo para denunciar que este Estado criminal, sen escrúpulos, desatende aos presos enfermos e deixa que as enfermidades provocadas polas condicións descritas terminen minando a resistencia dos prisioneiros, deixándoos morrer.

É imprescindíbel destacar, para impedir por todos os medios que volva suceder, que en xullo de 2010 faleceron os ex-presos políticos Enrique Álvarez Abalde e Iñaki Kuadra Etxeandia, militantes do PCE(r) e dos GRAPO respectivamente, tras ser excarcerados por padecer enfermidades graves e incurables contraidas en prisión. Anos antes, en 2001 faleceu José Ma Sánchez Casas, pouco despois de ser liberado e cando se atopaba á espera dun transplante de corazón. Tampouco podemos esquecer a morte, en 2009 na prisión de Fontcalent, de José Ortín Martínez, quen padecía unha enfermidade cardíaca que por suposto non fora detectada, a pesar dos síntomas evidentes que presentaba. Non podemos deixar que sigan asasinándoos lentamente, de forma encuberta , e que logo o presenten como unha morte “natural”.

Non imos consentir unha soa morte máis en prisión!
Liberdade inmediata para os presos políticos enfermos!

Etiquetas:
Outubro 1, 2011

Manuel Arango en folga de fame

Queridos camaradas e solidarios, aquí envíovos este texto coas últimas prohibicións que nos puxeron. A partir de agora xa non poderei escribir ningunha carta de forma pública, até que non se me restitúa o dereito de pór “Preso Político do PCE(r)” [nos sobres e comunicacións]. De inmediato comezo as protestas, incluída a folga de fame. Ademais abarcarei a grave situación dos presos políticos enfermos, cuxa desatención e abandono é clamoroso. Recibide unha forte aperta. Polo COMUNISMO! Manuel Arango Riego. Manolo”

Dun tempo para acó puxeron en marcha nesta prisión diversas prohibicións e restricións, que agravan as condicións de vida de todos os presos políticos que aquí nos atopamos.

Dentro destas medidas represivas, engadiron apenas fai uns días a prohibición de reflectir a nosa condición de presos políticos e a nosa militancia no sobre das cartas, as instancias e calquera outro texto de relación entre o cárcere e o preso.

De tal xeito que, como no meu caso, pór o meu nome e embaixo: “Preso Político do PCE(r)” é “ilegal, é un “delito”. Polo cal devolvéronme as cartas que escribín esta semana.

Esta censura política ten detrás unha longa traxectoria: a prohibición de enviar máis de 2 cartas por semana; a disposición xudicial de que a policía e organismos penais poidan supervisar permanentemente o contido das nosas cartas; as retencións ao seu libre albedrío de cartas, libros e textos que nos envían; a prohibición de recibir toda carta na que se atope fotos ou simples recortes pegados en cartolinas; confiscación de cartas supostamente “sospeitosas de transmitir consignas”; as nosas cartas tardan semanas en chegar aos seus destinos e viceversa, para ese efecto podo sinalar que durante 4 anos as cartas entre a miña compañeira sentimental (Presa Política do PCE(r) en Brieva) e eu tardan invariabelmente en chegar entre 32 e 35 días; o demais son as confiscacións de textos de diverso tipo nos cacheos de celas.

A todo isto hai que engadirlle as prohibicións de teléfonos aos que viña chamando, como me pasou no mes de febreiro con respecto ao teléfono de José Luís Fernández González porque “é solidario e ex-preso político”.

Pretenden así reducirnos ao silencio e a incomunicación total. Por aquí marcha unha parte da política represiva penal, dirixida ao exterminio dos presos políticos existentes nos cárceres do Estado Español, vella aspiración do réxime fascista.

Manuel Arango Riego

Preso Político do PCE(r)

16 de setembro de 2011

Etiquetas: ,
Setembro 14, 2011

A Dirección de Picassent non cumpre

María Xosé Baños, presa política dos GRAPO na cadea de Picassent, ven de sinalarnos que a Dirección da prisión botouse para atrás e non se mostra disposta a facilitarlle o cambio de Módulo.

Como vimos informando, un grupo de presas socias coas que María Xosé comparte Módulo de Illamento, veñen ameazándoa de morte e provocando acotío. Ante as continuas denuncias e mostras de solidariedade recibidas (as presas políticas de Brieva mesmo chegaran a declararse en folga de fame), a Dirección de Picassent comprometérase a revisar a súa situación e buscarlle unha cela apartada deste grupo de presas.

Pois ben, a Dirección alega agora que María Xosé non está disposta a compartir cela cunha presa social e que, polo tanto, non poden cambiala a outro módulo. Con isto se demostra que o obxectivo do Director da Prisión non é outro que o de obrigar a María Xosé a renunciar a un dos principios básicos de todo preso e presa política que é o de non compartir cela. Todos os directores saben que só en casos excepcionais os presos e presas políticas admiten compartir cela con outro preso ou presa da mesma condición; nunca con presos ou presas sociais.

Xa que logo, dende este COMITE DE SOLIDARIEDADE facemos un novo chamamento á solidariedade con María Xosé. Solidariedade que se pode concretar descargando e enviando a postal adxunta ou activando outras iniciativas que poñan de relevo a situación crítica da presa e perigo real que está a soportar. Unha situación da que a Dirección da Prisión de Picassent é, en última instancia, a principal responsábel.

Descargar postal en: https://comitedesolidariedade.wordpress.com/2011/08/30/tarxeta-solidaria-con-maria-xose-banos/

Etiquetas:
Agosto 29, 2011

Novidades respecto a situación de Maria Jose

Temos novidades arredor da situación de Maria Jose, chamaron as presas políticas de Brieva esta mañá, e tanto Concepción González, presa política dos GRAPO coma Arantza Díaz, presa política do PCE(r), van facer xaxún un día si e outro non, en solidariedade con Maria Jose Baños.

A situación de Maria Jose segue sendo a mesma que relatamos na anterior nova, somentes lembrar que aparte das ameazas constantes por parte dun grupo de presas sociais, hai que engadirlle que Maria Jose ten una saúde delicada coa obstrucción das veas que precisaría una operación cirúrxica. Operación que lle ten sido retrasada de forma sistemática con continuos translados de cárcere, unha vez que estaba aprobada a súa saida ao Hospital, era levada a outro cárcere onde ten que comezar de cero con todo o papeleo para solicitar de novo a operación que lle é tan necesaria.

Etiquetas:
Agosto 25, 2011

Maria Jose recibe ameazas constantes en Picassent.

URXENTE!!!!!!!!!

Segundo chamada telefónica de Maria José onte día 24, parece ser que seguen as ameazas por parte dunha presa social. Esta xa tería feito o mesmo coas presas políticas de Brieva (ameazas de norte, insultos, provocacións diarias) e de alí a mandaron a Picassent onde a  meteron no mesmo Módulo onde se atopa Maria Jose. Como nos avisan as presas políticas de Brieva tratase de “una delatora da Dirección, ionki, caradura e que ten todo perdido; é moi perigosa, porque ademais é enorme…”

Como nos conta Maria Jose a convivencia estase a converter en insoportable porque os insultos e provocacións son constantes e diarios e non só por parte desta presa social, senón de varias.

Facemos un chamamento a solidariedade para que se manden cartas, tarxetas a Dirección denunciando esta situación.

Etiquetas:
Xullo 4, 2011

Paco Cela sen visitas e co teléfono limitado a 5 minutos ao mes

Paco Cela Seoane

Paco Cela, preso político do PCE(r), confinado 10 días no módulo de illamento da prisión de Valladolid, segue practicamente illado do exterior. Unicamente pode realizar unha chamada de 5 minutos ao mes. Igualmente fóronlle suspendidas todas as comunicacións por locutorios. A partir de agora terá que solicitalas de novo co conseguinte adiamento na tramitación que iso supón. No caso dos presos e presas políticas, as listas de autorizados renóvanse cada seis meses e o número de persoas non pode superar ás oito. As chamadas telefónicas son 8 por semana fronte ás 10 concedidas ao resto dos presos e presas. Os prisioneiros e prisioneiras revolucionarias tampouco poden ser visitados por persoas que teñan antecedentes políticos e todas as súas comunicacións son intervidas.

Lembramos que este veciño da Coruña, fora illado en celas de castigo por utilizar o teléfono para recitar un poema adicado á memoria de catro antifascistas, nun acto que se celebrou na Coruña o pasado 18 de xuño.  A gravación telefónica nin sequera chegou a utilizarse debido a baixa calidade do son. O poema unicamente foi transcrito e recitado por unha compañeira do Comité tras finalizar a homenaxe aos galegos Roberto Liñeira (cuxos restos descansan no Cemiterio coruñés de San Amaro), Albino López, Dolores Castro e o catalán Antonio Cabeza, todos eles asasinados pola Garda Civil en Girona o 17 de xuño de 1981.

Ademais do illamento, hai que ter en conta que Paco Cela padece unha severa diabete que lle obriga a se picar insulina varias veces ao día. Unha enfermidade incompatíbel co réxime alimenticio e as condicións de vida xerais nas que se atopa dende que fora detido en xuño de 20067 hai agora catro anos.

O veciño da Coruña ten ademais unha traxectoria de compromiso case sen parangón. Preso e encarcerado a principios dos oitenta por participar nunha acción armada na Coruña, foi novamente detido en 1985 cando xa formaba parte dun comando operativo dos GRAPO. Condenado á varios centos anos de prisión, saíu en liberdade en 2005 despois de cumprir a pena máxima imposta, algo máis de 20. Recentemente foi condenado a 11 anos e 8 meses de prisión por militar no PCE(r). En total leva xa máis de 25 anos nas cadeas do Estado.

Mostras de solidariedade:

Paco Cela Seoane

Preso Político do PCE(r)

Prisión de Villanubla

47071 VILLANUBLA (Valladolid)

__________________________________________

Enlaces relacionados:

https://comitedesolidariedade.wordpress.com/2011/06/19/castigan-a-paco-cela-por-usar-o-telefono-para-recitar-un-poema/

http://www.goear.com/listen/db89b2a/poema-a-los-caidos-paco-cela-seoane

Etiquetas:
Xuño 21, 2011

CEIVAR convoca Concentración na Coruña

Cartel da convocatoria

Está convocada unha concentración para o Sábado 25 de xuño ás 12h30 diante da Subdelegación do Goberno de España na cidade da Coruña, con motivo da protesta e rexeite das novas medidas que está a impor Institucións Penitenciarias de control sobre as persoas que van a visitar as presas e presos políticos.

Se até o de agora Institucións Penitenciarias aplicaba mediadas represivas directa ou indirectamente sobre os presos e presas e o seu entorno social e familiar mais próximo (coma son a dispersión, a restrición e intervención das comunicacións telefónicas e das cartas, os cacheos corporais aleatorios, a suspensión de visitas programadas sen dar aviso…) temos que engadirlle agora a obriga ás visitas a someterse a un control de aceso ao interior da prisión, con fotografía e tomada de pegadas dactilares, similar ao que efectúa a policía nas detencións, este protocolo repítese ao saír das comunicacións.

Estas novas medidas veñen deseñadas polo Ministerio do Interior aducindo motivos de seguridade, mais non son outra cousa que medidas represivas encamiñadas a acosar e vexar ao entorno socio-familiar e político das persoas encarceradas, vulnerando dereitos fundamentais e estendendo a represión aos máis achegados.

Na súa obsesión polo control social e político o Estado aplica medidas de fascistización amparándose no medo inculcado á sociedade, encubrindo a vulneración da súa propia lexislación en aras da seguridade cidadá, na que calquera que ouse presentar modificacións ou plans diverxentes co estatus quo imperante será reprimido sen importar os dereitos adquiridos polas sociedades actuais.

www.ceivar.org

Etiquetas: ,
Xuño 19, 2011

Castigan a Paco Cela por usar o teléfono para recitar un poema

Preme na imaxe para escoitar o poema de Paco Cela

O sábado 18 de xullo, Paco Cela ingresou no módulo de illamento tras decatarse a Dirección do cárcere de Valladolid que o preso político galego utilizara o teléfono para recitar un poema en homenaxe a catro militantes dos GRAPO caídos en combate, en Girona, no ano 1981.

Os versos en cuestión fóronlle requiridos por este COMITÉ DE SOLIDARIEDADE co gallo da Conmemoración do XXX Cabodano do asasinato dos galegos Roberto Liñeira, Albino López, Dolores Castro e do catalán Antonio Cabezas. Un poema que unha compañeira do COMITÉ recitou para pechar o acto celebrado o sábado no cemiterio coruñés de San Amaro, onde está enterrado Roberto Liñeira.

Nin sequera chegou a utilizarse o audio (que agora si reproducimos) debido a baixa calidade do son.

O internamento en celas de castigo -por período aínda por determinar- supón entre outras moitas limitacións e prexuízos, o total illamento de Paco con respecto ao exterior. De feito, tiña prevista visita con varios solidarios para o domingo 19, que xa non puido realizarse. Tampouco poderá comunicar coa súa compañeira e se lle limitarán ou anularán as chamadas telefónicas.

Non é a primeira vez que a Dirección da prisión de Villanubla castiga a Paco Cela por cuestións deste tipo. Despois de ducias de visitas da súa compañeira, cortáronllas de súpeto alegando que ela tiña antecedentes políticos. Finalmente tiveron que casar. Igualmente hai meses que non lle entregan, “por seguridade”, o xornal “Novas da Galiza” malia ter este o depósito legal esixido por Institucións Penitenciarias.

Paco Cela leva pasados na cadea máis de vintecinco anos, vinte deles por militar nos GRAPO (entre 1985 e 2005). Foi detido por última vez en xuño de 2007 no marco dunha operación represiva contra o PCE(r) e condenado a 11 anos e 8 meses por militar nesa organización política. Estivo tres anos e medio en preventivo, máis de dous anos completamente só.

Mostras de solidariedade:

Paco Cela Seoane

Preso Político do PCE(r)

Prisión de Villanubla

47071 VILLANUBLA (Valladolid)

_________________________________

Enlace para escoitar e ler o poema de Paco Cela:

http://www.goear.com/listen/db89b2a/poema-a-los-caidos-paco-cela-seoane

Etiquetas:
A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: