Posts tagged ‘PROCESOS’

Maio 3, 2013

A Pepita Seoane; polo preso político Manuel Arango Riego

pepita_suso

Ao final do primeiro día de realización daquel xuízo-farsa puiden ver fugazmente a Pepita, mentres nos cruzabamos nun corredor da Audiencia Nacional. Apenas puiden adicarlle un sorriso e un curto saúdo, mentres ela a min me saudaba.

Había máis de 20 anos que non a vía.

Viñera dende A Coruña a asistir, xunto a máis traballadores da súa cidade, ao desenvolvemento dese xuízo, a apoiarnos e a ver ao seu fillo Paco, que, novamente, despois de permanecer 20 anos no cárcere, volvía ser procesado pola súa militancia comunista no PCE(r). 

Pepita ten dous fillos que se encontran en prisión pola súa participación na loita revolucionaria dende as filas do noso Partido e dende a guerrilla antifascista. O seu terceiro fillo, o máis pequeno, foi procesado por defender os presos políticos e participar na loita pola súa liberación. Son unha familia onde a causa do antifascismo e do comunismo son profundas razóns de ser.

Cos seus máis de 70 anos, Pepita é un símbolo da loita antifascista e da defensa dos presos políticos. O seu exemplo mereceu o recoñecemento dos traballadores, de diversas organizacións democráticas e do noso Partido a través de actos de pública homenaxe.

Non obstante, Pepita continúa na brecha. A súa resistencia non envellece, continúa viva, non se pasa á reserva. A súa presenza e o seu quefacer activo son unha denuncia poderosa contra os crimes e canalladas do Estado fascista e unha permanente chamada á resistencia.

Recordo algúns dos seus últimos textos de denuncia, contundentes alegacións políticas: acendidos, veraces e irrefutables. É o supremo dereito da nai a defender os seus fillos, a defender a verdade e o xusto e a loitar polos dereitos dos traballadores.

Aí encádrase o texto que lle enviou ao presidente do Goberno, sobre o cal descargou, o mesmo que contra o Estado no seu conxunto, a súa ira popular, de forma argumentada e poderosa.

O o seu máis recente texto dirixido ao presidente da Audiencia Nacional, no que manifesta o seu “maior desprezo á xustiza e aos xuíces”, porque entre outros moitos outros atropelos e represións “se aplica a fondo en ilegalizar partidos, pechar xornais ou en quitar de en medio a todo aquel que non estea de acordo co voso xeito de pensar e de actuar”.

A Pepita non lle fan falta as tribunas oficiais; as súas tribunas de expresión son os barrios, os locais populares e os centros de traballo. Tampouco a frea a ameaza das “leis antiterroristas”, nin se aplica a auto-censura: di publicamente o que sente.

Coa súa presenza entre todos aqueles traballadores que asistiron a apoiarnos, unha poderosa mensaxe de resistencia percorreu ese búnker das anti-liberdades; ese monumento á opresión fascista que é a Audiencia Nacional.

[Extraido e traducido de «La Madre» pertencente ao Capítulo X do relato “Tres días de febrero” sobre o xuízo-farsa de febreiro de 2011.]

Manuel Arango Riego, preso político do PCE(r)

Advertisements
Etiquetas:
Maio 5, 2012

Benvido Miguel Nicolás!

Dende o COMITÉ DE SOLIDARIEDADE congratulámonos pola saída de prisión de Miguel Nicolás, independentista galego preso desde decembro de 2010. Miguel foi posto en liberdade condicional o pasado 3 de maio tras o pago dunha fianza de 3000 euros. O veciño de Vigo cumpriu a meirande parte da súa pena en prisións sitas fóra da Galiza: Villabona (Asturias) e Zuera (Zaragoza).

Actualmente continuan en prisión case unha veintena de presos e presas políticas galegas, entre comunistas do PCE(r), antifascistas dos GRAPO e independentistas. Todos e todas xulgados ou procesados sen garantias de ningunha clase e sometidos a severos réximes de illamento e dispersión.

Etiquetas: ,
Marzo 6, 2012

Xuízo pola morte de Diego Viña

Hoxe, día 6 de Marzo de 2012, no Xulgado do Penal de A Coruña, xulgarase ao pai do falecido Diego Viña, como responsábel dun delito de denuncia falsa. O proxenitor,  será así chivo expiatorio, dun proceso que se fecha en falso, con moitas incógnitas  por aclarar, e sen que aínda se aclarase a sociedade como e por que morreu Diego Viña.

Lembremos que este rapaz da Coruña, faleceu aos 22 anos, o día 22 de setembro de 2004, no cuartel da Garda Civil de Arteixo, logo de ser detido inxustificadamente por   falsas imputacións  realizadas polo seu proxenitor.

Tras unha longa espera nos calabozos da Benemérita, e tras serlle negadas as mínimas garantías de atención ao detido (asistencia sanitaria, psicolóxica, etc), Diego apareceu aforcado no calabozo pendurado da perneira do seu pantalón.

Ante esta traxedia, tanto a familia de Diego Viña, como a Comisión de Denuncia de Galiza, iniciaron acción xudiciais co obxecto esixir xustiza e que se  aclararan as circunstancias da morte dun indefenso rapaz.

Estas reclamacións non caeron inicialmente en saco roto. Así, o Xulgado de  Instrución nº 5 de A Coruña, no Auto de data 11 de maio de 2006, concluíu  tras a fase inicial de investigación, que as instalacións da Cuartel da Garda Civil de Arteixo “non parecen as mais idóneas para a custodia de detidos, nin pola súa situación, nin polas súas características, nin pola estrutura das reixas que conforman a porta da cela en cuxa parte superior contaban cun traveseiro que posibilitou atar o pantalón á mesma para consumar o aforcamento”.Asemade, no mesmo Auto, concluíase que existían indicios da comisión dun delito de detención ilegal e denuncia falsa.

Comisión de Denuncia da Galiza

Etiquetas:
Decembro 6, 2011

Prisión incomunicada para Teto, Eduardo, Maria e Antón

Os militantes independentistas Teto Fialhega, Eduardo Vigo e Antom Santos, e a militante Maria Osório, ingresaron en prisión no día de hoxe [por onte 5 de decembro] por orden do xuíz español Eloy Velasco. Aos dous primeiros, que levaban nas mans da policía española desde a pasada cuarta feira, o xuíz do tribunal de excepción impútalles delitos de integración en organización terrorista, tenencia de explosivos, falsificación de documentos e tentativa frustrada de estragos, en canto a Antón e María, detidos en Lugo na pasada sexta-feira, os delitos que se lles imputan son os de integración en organización terrorista e falsificación de documentos.

Jessica Rodriguez foi libertada coa obriga de comparecer ante os xulgados españois mensualmente. Pola súa banda, a sexta das detidas no operativo, Catalina Alonso, ficou en liberdade sen cargos no sábado pasado.

Dado que o operativo represivo continua aberto, de Ceivar esiximos que se levante de forma inmediata a incomunicación dos presos e da presa, a fin de que podan falar coas súas familias e avogados, e mantemos o chamamento feito nestes dias á Galiza independentista e solidaria para que siga expresando nas convocatorias que se farán públicas nos próximos días o seu rexeitamento á represión española e o seu apoio e cariño ás e aos militantes capturados.

LIBERDADE PATRIOTAS GALEG@S!

http://www.ceivar.org/

Etiquetas: ,
Outubro 8, 2011

Pablo Hásel procesado por “enxalzamento do terrorismo”

O xuíz da Audiencia Nacional Fernando Andreu deixou en liberdade con medidas cautelares ao rapeiro Pablo Hasél tras ser imputado por “enxalzamento do terrorismo” ao enxalzar ao dirixente do PCE(r) Manuel Pérez Martínez, ‘Camarada Arenas’, informaron fontes fiscais.

O cantante catalán foi detido pola policía política o martes día 4 de outubro. Tralo rexistro da súa casa e a conseguinte incautación de varios ordenadores e libros, Hásel foi conducido até Madrid para comparecer ante o titular do Xulgado Central de Instrución número 4, Fernando Andreu, onde permaneceu declarando durante uns 25 minutos. O rapeiro entrou e saíu do xulgado esposado e acompañado por dous axentes de policía.

O xuíz Andreu, que se atopa de garda esta semana, impúxolle a obrigación de comparecer todos os días 1 e 15 de cada mes no xulgado máis próximo ao seu domicilio mentres se segue o procedemento xudicial.

Etiquetas: ,
Maio 29, 2011

Nova sanción para a familia e solidarios con Diego Viña

A represión contra o movemento de protesta pola morte de Diego Viña, falecido no cuartel da Garda Civil de Arteixo en 2004, continúa. Logo da sanción a 12 persoas pola concentración no cárcere de Teixeiro en 2009 e o acoitelamento de 24 rodas de automóbiles do participantes na marcha. Logo da sanción a 52 persoas nunha nova concentración na prisión de Teixeiro de 2011. Logo da imputación penal á familia de Diego Viña e 9 solidarias por un delito de detención ilegal e contra a liberdade de culto, pola concentración do 12 de outubro de 2008… Agora ven de coñecerse unha nova sanción pola concentración do pasado do 12 de outubro celebrada diante da igrexa parroquial de Arteixo á saída da comitiva da Garda Civil.

Ante estes feitos tan graves, e ante a indignación e persecución que supón que sancionen penalmente a 60 persoas solidarias, incluídos os familiares de Diego Viña, este movemento de protesta convoca unha reunión co maior número de xente sancionada, familiares, amigos, colectivos, para o próximo 18 de xuño, ás 12:00 horas no local de Presos Galiza (rúa Domigo de Andrade 8 baixo, Compostela) para falar da unión de todas as forzas fronte a esta persecución, estabelecer unha estratexia común, axudar á xente sancionada xurídica, persoal e economicamente, e dar unha resposta de dignidade perante semellante atropelo.

Etiquetas:
Maio 16, 2011

Tres presos políticos galegos pendentes da sentenza do Tribunal Constitucional sobre a “Doutrina Parot”

Segundo informa o diario “El Pais”, o Tribunal Constitucional examina estes días a resolución dos recursos interpostos polos presos políticos aos que se lles prorrogou ilegalmente a detención coa chamada “Doutrina Parot”. O Tribunal Supremo aprobara en febreiro de 2006 unha “fórmula” para trocar o cómputo dos beneficions penitenciarios que o Código Penal de 1973 autorgaba a todos os presos e presas. Desa maneira, o Estado retrasaba a liberdade de numerosos presos nunha media de dez anos. Ou dito doutro xeito, estabelecía de facto, e con carácter retroactivo, a cadea perpetua encuberta (30 anos) para numerosos militantes revolucionarios. Tres deles son antifascistas galegos militantes dos GRAPO:

Xaime Simón Quintela, “Moreno”, é un dos presos políticos máis antigos de Europa. Naceu en Vigo o 22 de xuño de 1960 e dos seus cincuenta e un anos de vida, leva máis da metade no cárcere. Se lle aplicasen o Código Penal que estaba vixente cando foi detido, torturado e encarcerado en xaneiro de 1985, tería que ser excarcerado en xullo de 2006. Leva, pois, 5 anos secuestrado legalmente. Actualmente atópase na prisión de Sevilla II, a mil quilómetro da Galiza.

Suso Cela Seoane, naceu n’A Xironda (Ourense) o 13 de decembro de 1964 e é veciño da Coruña. Encarcerado por pertencer aos GRAPO, foi detido por primeira vez en outubro de 1985, sendo posto en liberdade o 23 de xaneiro de 1990. Á semana de ser posto e liberdade foi secuestrado por un comando do GAL Verde (Garda Civil) que o retivo durante un día. En xullo dese mesmo ano, volveu a incorporarse aos GRAPO, sendo detido en outubro de 1990. Nas dúas detencións foi torturado. Condenado a 30 anos, rematou de pagar a súa pena en outubro de 2007. Suso Cela está ilegalmente preso en Badajoz.

Olga Oliveira Alonso naceu en Vigo o 15 de marzo de 1960, no seo dunha familia humilde e traballadora. O seu pai morreu o día 9 de xaneiro de 2011 en Vigo. Antonio Oliveira Castro, de 86 anos, foi xubilado da naval Freire. Olga ten dous fillos. Traballadora e Solidaria cos presos políticos, organízase na ACPG durante os anos 80. Toma conciencia antifascista e a finais desa década incorpórase á organización guerrilleira GRAPO. É detida o 26 de outubro de 1990 en Madrid. Torturada e encarcerada. Leva en prisión 20 anos e 7 meses, e pola aplicación da cadea perpetua de feito do Tribunal Supremo estará 30 anos, até 2020. Actualmente áchase na prisión de Granada.

____________________________________________

Enlace de “El País”:

http://politica.elpais.com/politica/2011/05/15/actualidad/1305489372_443446.html

Etiquetas:
Maio 3, 2011

A Audiencia Nacional condena a Paco Cela a 11 anos e 8 meses de cárcere

A Audiencia Nacional ven de facer pública a sentenza contra os militantes do Partido Comunista de España (Reconstituído) Manuel Arango Riego, Isabel Aparicio, Lucio Garcíae Paco Cela. Todos eles foron condenados a máis de dez anos de prisión e multa de 4.320 euros por un delito de “integración en organización terrorista e outro continuado de falsidade en documento oficial”. Tamén foron condenados a doce e dez anos os militantes dos GRAPO Israel Clemente e o vigués Xurxo Garcia.

Por se houbera algunha dúbida, con esta sentenza os xuíces da Audiencia Nacional ratifican as palabras do Ministro Rubalcaba no sentido de que a estratexia represiva do Estado non mudou un milímetro nos últimos tempos. Unha estratexia que segue a ser a mesma de sempre, tanto fóra das cadeas (detencións, torturas, condenas…), dentro delas (dispersión, illamento, provocacións…) como “dentro-fóra”, tal e como estamos a ver coa persecución que seguen a sufrir os presos políticos (antes Iñaki de Juana, agora Troitiño) que son liberados unha vez cumprida a súa condena.

Unha vez máis evidénciase con toda claridade que contra o que o Estado loita non é unicamente contra as organizacións armadas senón sobre todo contra as ideas e os obxectivos políticos que defenden tanto elas coma amplos sectores populares. A antiga Batasuna ou o PCE(r), por pór algún exemplo, nunca practicaron a loita armada. Porén, o noso veciño Paco, ven de ser condenado a case doce anos de prisión por militar nese partido; unha “organización” que para a Audiencia Nacional é tan “terrorista” coma os propios Grupos de Resistencia Antifascista Primeiro de Outubro, GRAPO.

A conclusión é clara: temos presos e presas políticas para longo. E non só iso, senón que haberá cada vez máis, pois as causas que explican a súa existencia (a falta de dereitos políticos, sociais, sindicais; a represión; as leis de excepción, etc) non só non desaparecen senón que se están a acentuar coa crise xeral do capitalismo e do propio Estado español. Xa que logo, non queda máis alternativa que perseverar na loita pola Amnistía Total. Non hai outro camiño que o da resistencia e a denuncia dos atropelos que sofren tanto os presos e presas políticas como todos aqueles sectores populares que non tragan co sistema e se enfrontan consecuentemente a el.

Na Coruña, Primeiro de Maio 2011

Etiquetas: ,
%d bloggers like this: