Segundo ven de anuncian o SRI, o preso político dos GRAPO Ignacio Varela Gómez, será trasladado a próxima semana a unha prisión gaditana. Nacho leva varios anos na de Mansilla de las Mulas, en León. Nesta prisión tamén se atopa o independentista Jose Sánchez. Este trasladado supón un enorme castigo para o preso político galego, por canto o alonxa en varios centos de quilómetros máis do seu Vigo natal.
Trasladan a Córdoba a Eduardo Vigo
O día 23 de febreiro o combatente galego Eduardo Vigo foi trasladado da prisión de Teixeiro á de Córdoba, a 995 kilómetros da súa casa.
De momento atópase no módulo de illamento, e na súa chegada á nova cadeia xa sufriu ameazas por parte dos carcereiros, ademais de diferentes restricións que até o de agora non tiña, como que non pode usar suadoiros de carapucha, nin gorros, nin luvas…
De CEIVAR facemos un chamamento á solidariedade activa co preso independentista galego Eduardo Vigo, para facerlle chegar as vosas mostras de ánimos e apoio podedes escribirlle a:
Eduardo Vigo Dominguez
Prisión de Córdoba
14015 CÓRDOBA
Trasladan a Maria Osorio e Eduardo Vigo
Segundo informa CEIVAR, a presa política independentista Maria Osorio López, que se atopaba no módulo de illamento de Soto del Real foi trasladada á cadea de Brieva, en Ávila. Tamén foi trasladado á cadea de Teixeiro o combatente galego Eduardo Vigo Dominguez, que se atopa en Navalcarnero (no módulo de illamento); o día 21 de febreiro ten que comparecer como acusado nun xuízo nos xulgados de Fontiñas, en Compostela, xunto a catro independentistas máis.
Pola súa banda, Antom Santos Perez, que se atopaba no módulo de illamento da cadea de Aranjuez, foi cambiado a un módulo normal. En canto que Roberto Rodríguez “Teto” foi levado ao módulo de illamento da prisión madrileña de Estremera (Madrid) por negarse a compartir cela con outros presos. Isto ocasionou que perdera o vis a vis que tiña autorizado coa súa compañeira sentimental.
Os novos enderezos de Maria e Eduardo (provisorio este) son os seguintes:
Maria Osorio López
C.P. Brieva
Ctra. de Vizcolozano
05194 – Brieva (Ávila)
Eduardo Vigo Dominguez
C.P. de Teixeiro
Crta. de Paradela s/n
15310 – Teixeiro
Curtis (A Corunha)
Carta de Xaime Simón, “Moreno”, dende o illamento de Herrera de la Mancha
Como vos atopades? Espero que ben. Eu, aclimatándose aos rigores do inverno manchego. Levo catro días aquí e aínda non me afixen. Eu creo que máis que o frío, o duro é a transición de Sevilla 1 ao illamento de Herrera. Separado dos camaradas e perdido nun lugar da Mancha no que a miña radio só sintoniza tres emisoras (Radio 5, Radio Nacional e Radio Castilla-La Mancha.
Iso si, nunca vin tanta pegas e grallas como nos días de ingreso. Aquí, ao illamento, non se achegan nin os pardais. É o modulo no que estiveron Lucio e Xurxo [presos politicos do PCE(r) e dos GRAPO respectivamente]. Coméntanme os ordenanzas que “okupo” a mesma cela que no seu día habitou Xurxo Garcia Vidal. En fin, a transición é fodida: levanteime varias veces desta mesa e deime co estante da televisión. Coño! non habería outro sitio onde colocala!
Non coñecía Herrera de la Mancha máis a nós ben que nos recordan aquí. Entras e directo ao “tubo”, aínda que Madrid dixese que o meu traslado a esta prisión non impedía manter a aplicación dos aspectos propios do Segundo Grao. Nun módulo de primeiro grao non é posíbel aplicar eses aspectos propios do segundo grao. Pero, non imos discutir se foi primeiro o ovo ou a galiña. Isto é Herrera e o que hai. Un GRAPO en Herrera non progresa de módulo.
Nada mais saír de ingresos e entrar no corredor do illamento, esperábame o Xefe de Servizos coa notificación da intervención das comunicacións e un anuncio de sanción por traer a televisión nos vultos da “cunda”. Saín de Sevilla con todo. A Garda Civil déixome cargar os dous vultos cando lles dixen que levaba 27 anos de cárcere e aí ía toda a miña vida. Pois nada! que transgredín as normas e metéronme un parte. Imos ver. Un botou 10 anos en Sevilla; anteriormente 10 anos en Puerto… Quero dicir que non son dos que viaxa moito e non estou moi ao tanto de traslados. Bastante teño co día a día destas “casas” para cargar cos traslados e as súas normas.
(..) Comentáronme que aquí arranxan ben os dentes e o dentista ten mellores prezos que o de Sevilla. Intentarei arranxar a boca: unha funda, uns empastes e poñer unhas pezas que me faltan… O caso é que ou arranxo a boca ou terei que apuntarme a comida dos sen dentes. Preciso unha prótese para o maxilar inferior, que é onde máis pezas me faltan. Sáenme por 350 euros. A ver se entre un pouco que eu aforre (apertareime o cinto) e outro pouco da axuda xenerosa de xentes de ben, fan posíbel que antes do verán poida facerme a prótese.
Á espera de novas vosas, recibir entrañábeis apertas. Saúde e Resistencia.
Xaime Simón Quintela, “Moreno”
Preso Político dos GRAPO
Prisión de Herrera de la Mancha
Xurxo García dispersado a Granada
Xurxo García Vidal, preso político dos GRAPO, ven de ser trasladado á cadea granadina de Albolote. O preso político galego, natural de Vigo, estaba cumprindo condena na prisión de Herrera de la Mancha, en Ciudad Real. Consúmase así un novo distanciamento dun preso político galego, logo do cambio da coruñesa Iolanda Caparrós, actualmente presa en Alacant despois de pasar varios anos en Zuera, Zaragoza.
Comunicado do SRI ante o traslado de Iolanda Fernández
Na mañá do martes 27 de setembro, Iolanda Fernández Caparrós, presa política do PCE(r), realizou a chamada de teléfono á que ten dereito ao chegar a outro centro penitenciario. Comunicaba que se encontraba no Centro Penitenciario de Valencia (Picassent) á espera de que saíra a condución para Castellón, o seu destino final; e que segundo as palabras dun funcionario alí “podería estar durante días ou semanas”. Tamén conta que ten a impresión de que “non saben que facer con ela”; se metela no Módulo de Illamento, coñecido coma “o tubo”, ou en Primeiro Grao.
Debemos lembrar os preocupantes incidentes que protagonizaron unhas presas sociais que ameazaron de morte á tamén presa política antifascista dos GRAPO María Xosé Baños Andújar nesa prisión de Picassent. Advertimos do risco que ten Iolanda de sufrir o mesmo episodio durante os días que se atope en dita prisión.
Tamén recordamos que este traslado é un máis de outros moitos que se produciron, e outros moitos que virán. Débese a un acto de vinganza contra os prisioneiros políticos que non aceitan a chantaxe que a “nova política de reinserción” pretende instaurar a modo de disciplina militar. A vinganza de este Estado pola resistencia dos presos ao chamados Módulos de Respecto (…).
A traxectoria do Colectivo de Presos Políticos do PCE(r) e dos GRAPO foi sempre exemplar. Xamais tiveron incidente algún con outros presos nin con funcionarios, agás nas protestas ás que son obrigados debido as provocacións ás que son sometidos. Dende sempre levaron unha vida ordenada, tanto dentro como fóra da cela, onde ademais dos efectos persoais só se atopan materiais de estudo e para a realización de manualidades.
O único “problema” que presentan os presos de dito Colectivo é que, como xa se sabe -e o Estado non para de recordar- “os presos non mostran arrepentimento”, “non aprenderon a renunciar á violencia”. Isto é, non renegan da loita consecuente que manteñen contra o Estado fascista español, pola que teñen sido condenados a prisión, e que unha vez nesta defendan a súa dignidade e a súa integridade física ante calquera ameaza.
Se a Constitución monarca-fascista non contempla a Amnistía, segundo palabras recentes do ex-ministro RuGALcaba, haberá que loitar por impoñela.
Solidariedade cos presos políticos!!
Amnistía Total!!
Iolanda xa está en Soto del Real
Segundo informa o Socorro Roxo Internacional, Iolanda Fernández Caparrós atópase xa no Centro Penitenciario de Soto del Real, en Madrid, á espera de ser trasladada ao “burato” da prisión de Castellón (Castellon I). Segundo estas fontes, a presa política comunista aínda non confirmou telefonicamente o cambio posto que non se lle foi outorgado o dereito a chamar a súa familia.
Dáse por suposto que se Iolanda non puido chamar á casa é porque se atopa no módulo de illamento. É habitual que as presas políticas sexan internadas neste tipo de módulos ao negárense a compartir a cela con outra presa social. Dende Soto del Real negóuselle á familia calquera información sobre o seu estado ou situación actual.
Seguiremos informando.
Traslado para Iolanda Fernández
Segundo pública hoxe a páxina do Socorro Roxo Internacional [www.presos.org.es], Iolanda Fernández Caparrós, presa política do PCE(r), será traslada en breve da prisión de Zuera (Zaragoza) á de Castellón I.
A negativa de Iolanda a asinar as regras que están a imporse nos chamados “Módulos de Respecto”, motivaría a medida disciplinaria. Lembramos que neste tipo de “módulos terapéuticos” do que se trata é de que as propias presas se impliquen na “boa marcha do centro” delatando e propondo sancións para aquelas persoas presas que non acepten a disciplina carceraria.
Iolanda Fernández foi detida en Madrid o 18 de xullo de 2002, apenas quince días despois de marchar da Coruña, de onde é natural. Tiña 21 e anos e foi condenada a 11 por militar no Partido Comunista de España (reconstituído), a mesma pena que a do resto de militantes deste partido revolucionario dende a súa ilegalización.
Nestes 9 anos de prisión, Iolanda pasou polas cadeas de Soto del Real (Madrid), Brieva (Avila) e Zuera (Zaragoza). De confirmarse o traslado a Castellón I, a súa situación empeoraría substancialmente por canto a distanciaría aínda máis da súa Galiza natal onde vive a súa familia.
Seguiremos informado.
Denegan asistir ao enterro do seu pai á presa política María José Baños
Cadrando cun novo traslado da presa política María José Baños Andujar da prisión de Castellón á de Valencia, acabamos de saber que o seu pai ven de finar e que non se lle autorizou a asistencia ao enterro. A presa política, natural de Murcia pero veciña da Coruña, atópase gravemente enferma pois ademais de ser portadora dende hai anos do VIH, precisa con urxencia someterse a un implante de baipás. Marijose xa fora trasladada hai pouco da cadea de Dueñas (Palencia) á de Castellón, onde estivo illada. A serie de traslados dunha a outra prisión -co conseguinte traslado de expedientes médicos, obriga de acudir a centros hospitalarios diferentes, pedir novas citas, etc- podería pór en perigo o tratamento médico e, en consecuencia, a precaria saúde da militante antifascista. O seu enderezo é:
María José Baños Andujar
Prisión de Picassent
46220 VALENCIA