Posts tagged ‘SUSO CELA’

Maio 8, 2013

Carta de Suso Cela ao COMITÉ DE SOLIDARIEDADE

SusoParot

Ola a todos e todas!

O primeiro de nada é felicitarvos nun novo aniversario do COMITÉ DE SOLIDARIEDADE e mandarvos unha enorme aperta dende este lugar ao que chaman cárcere, no que ao igual que vós tamén libramos algunha que outra batalla contra o inimigo común. O paradoxal da situación é que hai 7 anos que o tería que estar aí, convosco, pero grazas ao réxime fascista que nos domina terei que botar por aquí dous anos e medio máis…

Así que ante todo un petición: non rematedes co licor café!

Quero dicirvos que nestes 7 anos, como nos 16 anteriores, como no que queda, vós xogades, xogastes e xogaredes un importante papel na resistencia que aquí dentro mantemos os presos políticos. Aquí perdeuse unha guerra pero nunca a dignidade e o espírito de loita por un mundo máis xusto, igualitario e solidario (…). Todas as expresións de rebeldía e de loita son importantes, conflúen unhas coas outras e todas forman ese conxunto que algún día -e disto non debe haber dúbida- rematarán co sistema capitalista. A solidariedade, a vosa solidariedade e o voso cariño, é un deses piares nos que se basea ese Todo (…).

Mais non todos son momentos álxidos, bonitos, senón que tamén hai momentos feos, duros, de recesos, que pode que sexan os máis importantes. Cando todo vai ben non fai falta moito.. Cando estou de baixón, sempre acode ao meu rescate esa solidariedade, a vosa solidariedade, certos fíos máxicos… Máis tamén outra parte importante dese Todo me impulsa. Xa non están, e non obstante non deixan de animarme e levarme adiante. Esa outra parte é a nosa Historia, o exemplo dos que nos precederon e mantiveron a chama viva, nunhas condicións terribles, onde a noite parecía que o ía cubrir todo, que non ía amencer (…).

Se alguén pensa que cambiar a sociedade, aspirar a algo mellor, loitar por unha sociedade máis xusta é doado e sinxelo, pois non, non é doado, non é sinxelo. Hai momentos de todas as cores… Pero loitar creo que é o máis bonito polo que pode vivir un ser humano; pois se este é o mellor mundo que nos poden ofrecer, que o metan onde lles caiba! Creo que merecemos algo mellor, pero non nolo van regalar, teremos que conquistalo. E nesa conquista todos os esforzos son importantes, todas ás mans, todos vos brazos, todas as vontades son importantes e necesarias, todo pasiño é importante e necesario.

Así que xa non me queda máis que animarvos a que sigades dando pasos, a seguir camiñando, a caer e levantarse e a non deixarse abater polas situacións nas que trata de somerxernos o sistema capitalista (…). Non é que eles sexan fortes, é que nós aínda non temos conciencia da nosa verdadeira fortaleza. Por iso: que siga crecendo a solidariedade!

Unha forte aperta e o dito: non rematedes con todo o licor café!

Suso Cela Seoane

Preso político dos GRAPO

Prisión de Badajoz

Etiquetas:
Maio 29, 2012

«Na práctica a intervención-retención do correo supón a imposibilidade de manter unha mínima relación». Carta de Suso Cela (II)

«Outra consecuencia que leva parella a intervención das comunicacións escritas, é a retención da correspondencia. Len as cartas que mandas (e as que recibes) e son mandadas a Madrid, á DGIP. Isto é unha verdadeira pasada . A longo prazo faite perder innumerábeis contactos coas persoas con quen te escribías. Ilústrovos: Eu envío unha carta a unha persoa. Con moita sorte pasan quince días antes de que sexa botada ao correo ordinario. Chégalle a esa persoa entre os 17-20 días. Cando esa persoa responde acontece o mesmo. Xa que logo, unha comunicación escrita que se tería que resolver nunha semana adíase, por obra e graza dos censores carcereiros en vinte, trinta, corenta ou cincuenta días.  É dicir, que nun ano podo cartearme con esa persoa unhas catro veces!!

Tamén é posíbel que as cartas se “perdan”… Nese caso o enredo é total. Entre que se clarifica o mal entendido e se retoma a “normalidade” pode pasar incluso un ano!! Na práctica a intervención-retención-putadas ven a supor a imposibilidade de manter unha mínima relación normalizada con alguén.

Pero a cousa aínda pode ser peor. Se ese alguén escríbeche e mándate unha folla de calquera mobilización, manifestación, acto, concerto solidario… xa non dan nin ese material nin a carta. Se mandan una fanzine, unha publicación alternativa do barrio ou parroquia, tampouco cha dan. O mesmo pasa coas cousas sacadas de internet. Outro tanto coas fotos de manis, actos… Pouco a pouco van reducindo o teu contacto co exterior e coa información, o palpitar do movemento do que formamos parte.

Para máis inri, se nunha carta comentas algo sobre esta ou estoutra loita nas cadeas, o que ti mesmo ou algún compañeira está nunha situación determinada e ves necesario comezar unha loita, quedan coa carta e non a tramitan. Pasoume isto no Nadal de 2010 cando deixaron de tramitarme quince cartas, a correspondencia que, por outra banda, podo enviar en dous meses (2 semanais). O mesmo sucedeulles a outro compañeiros e compañeiras…»

Suso Cela Seoane

Preso político dos GRAPO

Prisión de Badajoz

Etiquetas: ,
Maio 21, 2012

«Quen asina leva case 22 anos encarcerado e 20 coa intervención das comunicacións». Carta de Suso Cela Seoane (I)

«Hai uns días, despois de dous meses sen darme correspondencia, entregáronme tres cartas. O matáselos tiña 40 días. Isto é, que dende que a familia e amigos escribiron, até hoxe, pasou máis de un mes.

Podería semellar unha excepción. Pero non. Esta é a norma na correspondencia cos presos políticos do Estado español durante moitos anos. Pode parecer algo nimio, pero non o é: forma parte dunha política máis ampla destinada ao noso illamento e exterminio. O obxectivo é arredarnos dos nosos seres queridos, dos nosos amigos, dos nosos compañeiros, dos nosos pobos… illar-encerrar o latexo vital dos nosos corazóns.

Que significa a intervención das comunicacións? Analicémolo polo miúdo. Sinalar en primeiro lugar que o dereito ás comunicacións non pode ser restrinxido con carácter intemporal, tal e coma recoñecen as súas leis. Porén, xa se encargou o “deus” Tribunal Constitucional de matizar que para os membros das “organizacións terroristas” pode ser indefinido, durante o tempo que a eles lles pete mentres non reneguen das súas organizacións, da súa loita, da violencia revolucionaria e sexan respectuosos coa legalidade que explota, reprime, tortura, nega os nosos dereitos nacionais, desafiúza a golpe de porra, condena ao paro e recorta dereitos e liberdades.

Quen asina leva case 22 anos encarcerado e 20 coa intervención das comunicacións, os últimos 16 seguidos.

As comunicacións vis a vis son intervidas. As salas onde te reúnes cos teus familiares está preparadas para escoitar todo o que falas. O mesmo acontece cos locutorios e as chamadas telefónicas. Se nalgunha desas comunicacións os censores interpretan que se di algo en contra á “seguridade” do Centro, das persoas do Centro, das institucións, do país… ou calquera referencia que consideren subversivo, poden cortar a comunicación o tempo que consideren oportuno.

Durante cinco anos estiven sen comunicacións vis a vis porque nunha comunicación coa miña nai dicían que faláramos ben da Revolución Cubana… Por ler un poema por teléfono, ao meu irmán Paco [Paco Cela, preso político do PCE(r)] suspendéronlle as comunicacións durante un mes… Sucede outro tanto se saúdas por teléfono a alguén non autorizado aproveitando que está na casa de algún familiar ou amigo que si o está…

A intervención das comunicacións escritas supón que só podes enviar dúas cartas semanais e, nalgunhas épocas, dependendo do cárcere, de dous folios como máximo. Tampouco permítenche pór “preso político” por ningún lado. Se chega á cadea algunha carta que poña “preso político” xunta o teu nome devólvenlla á persoa que cha enviou. Se es ti mesmo quen o pon no remite, directamente non a tramitan e non sae. Se fas unha bandeira da Galiza coa estrela vermella no sobre, tampouco será tramitada. »

Suso Cela Seoane

Preso político dos GRAPO

Prisión de Badajoz

Etiquetas: ,