Archive for Setembro, 2011

Setembro 28, 2011

Comunicado do SRI ante o traslado de Iolanda Fernández

Na mañá do martes 27 de setembro, Iolanda Fernández Caparrós, presa política do PCE(r), realizou a chamada de teléfono á que ten dereito ao chegar a outro centro penitenciario. Comunicaba que se encontraba no Centro Penitenciario de Valencia (Picassent) á espera de que saíra a condución para Castellón, o seu destino final; e que segundo as palabras dun funcionario alí “podería estar durante días ou semanas”. Tamén conta que ten a impresión de que “non saben que facer con ela”; se metela no Módulo de Illamento, coñecido coma “o tubo”, ou en Primeiro Grao.

Debemos lembrar os preocupantes incidentes que protagonizaron unhas presas sociais que ameazaron de morte á tamén presa política antifascista dos GRAPO María Xosé Baños Andújar nesa prisión de Picassent. Advertimos do risco que ten Iolanda de sufrir o mesmo episodio durante os días que se atope en dita prisión.

Tamén recordamos que este traslado é un máis de outros moitos que se produciron, e outros moitos que virán. Débese a un acto de vinganza contra os prisioneiros políticos que non aceitan a chantaxe que a “nova política de reinserción” pretende instaurar a modo de disciplina militar. A vinganza de este Estado pola resistencia dos presos ao chamados Módulos de Respecto (…).

A traxectoria do Colectivo de Presos Políticos do PCE(r) e dos GRAPO foi sempre exemplar. Xamais tiveron incidente algún con outros presos nin con funcionarios, agás nas protestas ás que son obrigados debido as provocacións ás que son sometidos. Dende sempre levaron unha vida ordenada, tanto dentro como fóra da cela, onde ademais dos efectos persoais só se atopan materiais de estudo e para a realización de manualidades.

O único “problema” que presentan os presos de dito Colectivo é que, como xa se sabe -e o Estado non para de recordar- “os presos non mostran arrepentimento”, “non aprenderon a renunciar á violencia”. Isto é, non renegan da loita consecuente que manteñen contra o Estado fascista español, pola que teñen sido condenados a prisión, e que unha vez nesta defendan a súa dignidade e a súa integridade física ante calquera ameaza.

Se a Constitución monarca-fascista non contempla a Amnistía, segundo palabras recentes do ex-ministro RuGALcaba, haberá que loitar por impoñela.

Solidariedade cos presos políticos!!

Amnistía Total!!

Etiquetas: ,
Setembro 27, 2011

Iolanda xa está en Soto del Real

Segundo informa o Socorro Roxo Internacional, Iolanda Fernández Caparrós atópase xa no Centro Penitenciario de Soto del Real, en Madrid, á espera de ser trasladada ao “burato” da prisión de Castellón (Castellon I). Segundo estas fontes, a presa política comunista aínda non confirmou telefonicamente o cambio posto que non se lle foi outorgado o dereito a chamar a súa familia.

Dáse por suposto que se Iolanda non puido chamar á casa é porque se atopa no módulo de illamento. É habitual que as presas políticas sexan internadas neste tipo de módulos ao negárense a compartir a cela con outra presa social. Dende Soto del Real negóuselle á familia calquera información sobre o seu estado ou situación actual.

Seguiremos informando.

Etiquetas:
Setembro 25, 2011

Concentración de CEIVAR

Sexta feira, 30 de setembro en Compostela

Etiquetas:
Setembro 21, 2011

María Xosé Baños consigue que a cambien de Módulo

Tras varias semanas de tensión, María Xosé Baños ven de ser trasladada de Módulo. Segundo nos conta en conversación telefónica, a presa política dos GRAPO atópase agora noutro módulo onde tamén están ingresadas dúas presas políticas vascas. Xa que logo, agora si podemos confirmar que as reivindicacións de María Xosé (separarse do grupo de presas provocadoras que a estaban ameazando de morte e a reclamación de saír ao hospital para ser tratada) veñen de ser satisfeitas.

Etiquetas:
Setembro 17, 2011

Traslado para Iolanda Fernández

Segundo pública hoxe a páxina do Socorro Roxo Internacional [www.presos.org.es], Iolanda Fernández Caparrós, presa política do PCE(r), será traslada en breve da prisión de Zuera (Zaragoza) á de Castellón I.

A negativa de Iolanda a asinar as regras que están a imporse nos chamados “Módulos de Respecto”, motivaría a medida disciplinaria. Lembramos que neste tipo de “módulos terapéuticos” do que se trata é de que as propias presas se impliquen na “boa marcha do centro” delatando e propondo sancións para aquelas persoas presas que non acepten a disciplina carceraria.

Iolanda Fernández foi detida en Madrid o 18 de xullo de 2002, apenas quince días despois de marchar da Coruña, de onde é natural. Tiña 21 e anos e foi condenada a 11 por militar no Partido Comunista de España (reconstituído), a mesma pena que a do resto de militantes deste partido revolucionario dende a súa ilegalización.

Nestes 9 anos de prisión, Iolanda pasou polas cadeas de Soto del Real (Madrid), Brieva (Avila) e Zuera (Zaragoza). De confirmarse o traslado a Castellón I, a súa situación empeoraría substancialmente por canto a distanciaría aínda máis da súa Galiza natal onde vive a súa familia.

Seguiremos informado.

Etiquetas:
Setembro 16, 2011

Festival de Poesía de Salvaterra

 

Etiquetas:
Setembro 14, 2011

A Dirección de Picassent non cumpre

María Xosé Baños, presa política dos GRAPO na cadea de Picassent, ven de sinalarnos que a Dirección da prisión botouse para atrás e non se mostra disposta a facilitarlle o cambio de Módulo.

Como vimos informando, un grupo de presas socias coas que María Xosé comparte Módulo de Illamento, veñen ameazándoa de morte e provocando acotío. Ante as continuas denuncias e mostras de solidariedade recibidas (as presas políticas de Brieva mesmo chegaran a declararse en folga de fame), a Dirección de Picassent comprometérase a revisar a súa situación e buscarlle unha cela apartada deste grupo de presas.

Pois ben, a Dirección alega agora que María Xosé non está disposta a compartir cela cunha presa social e que, polo tanto, non poden cambiala a outro módulo. Con isto se demostra que o obxectivo do Director da Prisión non é outro que o de obrigar a María Xosé a renunciar a un dos principios básicos de todo preso e presa política que é o de non compartir cela. Todos os directores saben que só en casos excepcionais os presos e presas políticas admiten compartir cela con outro preso ou presa da mesma condición; nunca con presos ou presas sociais.

Xa que logo, dende este COMITE DE SOLIDARIEDADE facemos un novo chamamento á solidariedade con María Xosé. Solidariedade que se pode concretar descargando e enviando a postal adxunta ou activando outras iniciativas que poñan de relevo a situación crítica da presa e perigo real que está a soportar. Unha situación da que a Dirección da Prisión de Picassent é, en última instancia, a principal responsábel.

Descargar postal en: https://comitedesolidariedade.wordpress.com/2011/08/30/tarxeta-solidaria-con-maria-xose-banos/

Etiquetas:
Setembro 7, 2011

Reféns con causa

Era de prever que no contexto político actual, o protagonismo dos presos políticos non tardaría en facerse presente por diferentes motivos: primeiro, e máis importante, o referente moral e político que representa a súa resistencia á política represiva do Estado; e segundo, era tamén previsíbel que a chantaxe permanente a que son sometidos íase intensificar para condicionar o devir do movemento popular revolucionario, especialmente no caso concreto do MLNV.

En España, os presos políticos conforman unha parte fundamental da memoria colectiva popular. Dende a mesma formación do Estado moderno burgués, erixido sobre o modo de produción capitalista e o réxime político de explotación e opresión, a existencia de presos políticos de diversa condición e ideoloxía foi unha constante histórica. Máis aínda, até poderiamos dicir que un bo baremo para constatar o déficit democrático dun país capitalista márcao a existencia de presos políticos.

Aínda hoxe, non coñecemos ben e non foi honrada como merece a memoria dos centos de miles de presos políticos que enchían os cárceres e os campos de concentración e traballo forzoso, na etapa franquista do réxime (unha responsabilidade máis no debe desa esquerda institucional e domesticada). Á represión máis feroz que se cebaba contra eles, uníanselle unhas condicións de insalubridade insoportábeis. Mais, aínda así, non só resistiron a esa situación infrahumana, senón que deron todo un exemplo de organización, de solidariedade colectiva e de dignidade, coma nunca antes se coñecera no noso país.

Por todo isto e moito máis, os presos políticos sempre foron un referente para o movemento popular, democrático e revolucionario. Non é casual que as manifestacións máis numerosas nos anos setenta fosen as de petición de Amnistía. E non é casual tampouco que no mesmo momento que saían uns presos do cárcere, por mor  do empuxe do movemento popular, outros presos políticos comezaban a entrar nelas. Este foi o primeiro signo de que a transición dun réxime ditatorial a outro democrático non era real.

As condicións de vida penal que veñen aturando os presos políticos neste período “democrático”, están sendo marcadas a sangue e lume na loita de resistencia e no movemento de solidariedade. As mortes en prisión, as enfermidades de todo tipo, as folgas de fame provocadas polas condicións inhumanas de reclusión… foron e son a constante deste período.

Xunto con anarquistas, antisistema, anticapitalistas, antifascistas…, dous bloques de presos políticos veñen capitalizando a resistencia á represión do réxime: os presos do MLNV e os do PCE (reconstituido) e dos GRAPO; así como de organizacións democráticas, solidarias e populares que a policía considera como achegadas ás anteriores. O crédito ético, moral e político alcanzado por estes colectivos de presos en todos estes anos é un claro referente para o movemento obreiro e popular. Non pode ser doutro xeito para os que están a resistir as embestidas represivas no mesmo ventre da besta fascista, sen renunciar aos seus ideais e principios políticos revolucionarios.

Por isto mesmo, nuns momentos en que a crise económica e política do sistema capitalista agudízase con forza e a clase dominante profunda nas medidas represivas, de sobreexplotación e asoballamento, o exemplo de resistencia dos presos políticos convértese, para os traballadores e pobos oprimidos, nun referente obrigado que o aparello represivo, mediático e propagandístico do Estado trata por todos os medios de neutralizar.

 Este incremento da chantaxe sobre os presos políticos estámolo a ver todos os días a través dos servidores do réxime: políticos de todo signo, policía, xornalistas, intelectuais orgánicos, etc. Especialmente significativa é a campaña orquestrada polo aparello de propaganda vencellado ao sector dos sociatas que encabeza Rubalcaba (os galosos, para entendernos). A primeira andanada comezaba o primeiro día da segunda semana do mes de agosto. O libelo dese grupo (o diario El País), dedicaba dúas páxinas enteiras á campaña de incremento da presión aos presos políticos, máis en concreto, aos presos do MLNV. O formato elixido (nin nisto son orixinais estes mercachifles da pluma) é de manual de intoxicación: “A decisión xa está tomada, non entendo a que está a esperar ETA”. Esta frase, dita -segundo este xornal- por un preso, demostraría que “empeza a espallarse o nerviosismo e a impaciencia, mesmo a ansiedade entre os presos”. Pouco lles faltou para concluír que se vai producir un suicidio colectivo. Esa frase di a garda civil que lla escoitou a un preso (xa se sabe que o control sobre os presos políticos no cárcere é total). Non importa o que opine o resto dos preto de oitocentos presos, senón que esa suposta declaración faise extensiva por orientación divina -dos intoxicadores- ao conxunto do colectivo. Por suposto, non todo é mentira nesta publicación. É evidente que algúns presos mostran un certo desexo por saír do cárcere, especialmente os que levan máis de vinte anos nela. Pero, sobre todo, son os traidores ao colectivo, os arrepentidos e liquidacionistas, a cabeza dos que se coloca Urrusolo Sistiaga, os que están a mostrar un maior nerviosismo porque non lles chega o premio prometido pola súa traizón.

A chantaxe aos presos políticos é unha constante, pero nestes momentos ten un interese moi particular para o grupo polanquista: presionar a ETA para que emita un comunicado de “peche da persiana” antes da cita electoral. Desta forma, o seu “caudillo” político, o candidato Rubalcaba, tería unha carta (a única) coa que presentarse á súa repartición do pasteleo cos peperos. Este mesma chantaxe faise extensiva a todas as organizacións solidarias cos presos políticos. A modo de exemplo, só é preciso ver como todos os mastíns e doberman dos grandes monopolios mediáticos afían os seus cabeiros perante calquera aceno de Bildu cara aos presos, por lene que este sexa. Non digamos a Etxerat e demais organizacións solidarias, ás que tratan todos os días coma se fosen apestados; un exemplo diso témolo na reacción dos somaténs de Covite perante a invitación do alcalde de Donosti a unha recepción por todas as vítimas, que ao decatarse da presenza de Etxerat negáronse a acudir dicindo nun comunicado posterior: “qué poden facer as vítimas na casa do verdugo”.

Calcularan ben os líderes da Esquerda Abertzale a situación en que quedaban os presos despois do seu “cambio de ciclo”?  Botará a persiana” ETA deixando aos seus presos nas mans da “xenerosidade” de galosos e tardo franquistas peperos? Por certo, falando de “xenerosidade”. Nesas mesmas páxinas faise unha referencia -igualmente intoxicadora- aos presos do GRAPO. Deixan esvarar a súa mensaxe envelenada dicindo que: “sen chegar a anunciar nunca a súa disolución de xeito oficial, transformáronse primeiro nunha banda de atracadores e logo na nada”. Con esta apreciación, a mensaxe do xornalista-policía parece querer dicir que sen mortos encima da mesa non es nada. Unha cousa é certa, esta organización leva máis de cinco anos sen realizar ningunha acción armada e, con todo, os seus presos seguen nas mesmas condicións infrahumanas, ou máis, que todos os demais. Toda unha constatación da “xenerosidade” do Estado.

Dende logo, unha cousa parece clara: o movemento de solidariedade e de apoio aos presos políticos non vai afrouxar na súa loita denunciando a situación que padecen. E fan moi ben en facelo porque boa parte do creto moral e político encol do que descansa o capital político da EA está nos seus presos, por máis que dende fóra e dende dentro dese movemento esa influencia se queira minimizar ou anular. Non é casual que os primeiros curtocircuítos que sabotearon as forzas represivas fose a relación entre eles e coa rúa, dispersando e illando aínda máis aos presos ou encarcerando aos avogados máis comprometidos na súa asistencia xurídica porque eran os “correos entre os presos e a dirección de ETA”, segundo os expertos do benemérito corpo, para quen a súa opinión (que non probas obxectivas) é texto sacro para esa cuadrilla de prevaricadores compulsivos que compón a autodenominada Audiencia Nacional.

Nun plano a máis longo prazo, o Estado e toda o seu cohorte política e mediática, trata de minar esborranchar os valores éticos, morais e políticos que representan os presos políticos. Son eles os que representan a dignidade da resistencia coma ninguén; son eles os que concentran os maiores compoñentes dos que loitaron na primeira liña de combate; son eles os que reúnen a mocidade máis comprometida de Euskal Herria, e os cadros e dirixentes das organizacións máis combativas do MLNV. Por isto mesmo, a súa causa é a nosa causa, a que o Estado pretende custe o que custe enlordar e anestesiar na memoria colectiva. É o mesmo que fixeron cos presos políticos da etapa franquista; é o mesmo que están a facer coa memoria histórica: unha revisión que faga irrecoñecible o seu legado de dignidade e resistencia.

 Egoitz Larrañaga.


Etiquetas:
Setembro 2, 2011

María Xosé impón as súas reivindicacións

María Xosé Baños

Segundo nos informa telefonicamente a propia presa política antifascista, María Xosé Baños acordou coa Dirección da Prisión de Picassent toda unha serie de melloras que incluirían cambio de módulo e unha inmediata saída ao hospital. Como vimos informando, a presa política dos GRAPO, viña sufrindo ameazas de morte de parte de varias presas socias coas que aínda comparte Módulo de illamento. O Director de Picassent tamén accedeu a axilazar a saída ao hospital que ten pendente. Estas eran as dúas reivindicacións fundamentais que motivaron un xaxún solidario das presas políticas antifascistas e comunistas de Brieva e toda unha serie de denuncias que, como nos sinala a propia María Xosé, xa chegaron a uvidos da Direción dese cárcere.

Xa que logo, e a petición expresa de María Xose, dende o COMITE DE SOLIDARIEDADE damos por rematada a campaña de envío de postais. Porén, haberá que manterse alerta até que a militante antifascista, vexa mellorada efectivamente a súa situación. Por último, sinalar a importancia desas denuncias e do rápido apoio recibido dende diferentes colectivos e xentes a título persoal. Unha vez máis queda patente que pelexando se poden conseguir cousas ou, canto menos, parar os atopelos que a cotío sofren os presos e presas políticas.