A Dirección de Picassent non cumpre

María Xosé Baños, presa política dos GRAPO na cadea de Picassent, ven de sinalarnos que a Dirección da prisión botouse para atrás e non se mostra disposta a facilitarlle o cambio de Módulo.

Como vimos informando, un grupo de presas socias coas que María Xosé comparte Módulo de Illamento, veñen ameazándoa de morte e provocando acotío. Ante as continuas denuncias e mostras de solidariedade recibidas (as presas políticas de Brieva mesmo chegaran a declararse en folga de fame), a Dirección de Picassent comprometérase a revisar a súa situación e buscarlle unha cela apartada deste grupo de presas.

Pois ben, a Dirección alega agora que María Xosé non está disposta a compartir cela cunha presa social e que, polo tanto, non poden cambiala a outro módulo. Con isto se demostra que o obxectivo do Director da Prisión non é outro que o de obrigar a María Xosé a renunciar a un dos principios básicos de todo preso e presa política que é o de non compartir cela. Todos os directores saben que só en casos excepcionais os presos e presas políticas admiten compartir cela con outro preso ou presa da mesma condición; nunca con presos ou presas sociais.

Xa que logo, dende este COMITE DE SOLIDARIEDADE facemos un novo chamamento á solidariedade con María Xosé. Solidariedade que se pode concretar descargando e enviando a postal adxunta ou activando outras iniciativas que poñan de relevo a situación crítica da presa e perigo real que está a soportar. Unha situación da que a Dirección da Prisión de Picassent é, en última instancia, a principal responsábel.

Descargar postal en: https://comitedesolidariedade.wordpress.com/2011/08/30/tarxeta-solidaria-con-maria-xose-banos/

Etiquetas:

Deixar un comentario